PUBLICACIÓN DUN INFORME DO CONSELLO DE EUROPA CON OCASIÓN DO DÍA EUROPEO DAS LINGUAS 2005

O día 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, acto que xurdiu
durante o Ano Europeo das Linguas 2001, como iniciativa do Consello de Europa
xunto coa Unión Europea. Os principais obxectivos desta celebración son a
manifestación da importancia da diversidade lingüística en Europa, así como a
necesidade do estudo das linguas de forma permanente.


Europa é posuidora dun gran tesouro lingüístico, con máis de 200 linguas
faladas, polo que unha política de respecto, de recoñecemento e de estudo
considérase moi importante desde un nivel comunitario e tamén nacional, posto
que son os Estados europeos quen deciden finalmente as liñas de actuación neste
eido.


Coincidindo coa celebración deste día, O Consello de Europa ven de publicar
un informe sobre a situación das linguas minoritarias en Europa en referencia á
correcta aplicación da denominada “Carta Europea das Linguas Rexionais ou
Minoritarias” . Segundo os datos proporcionados (obtidos en base ás diversas
fontes de información dispoñibles polas autoridades públicas correspondentes),
polo Comité de Expertos nomeado “ad hoc”, o Consello de Ministros do Consello de
Europa elaborou este informe que conclúe cunha serie de recomendacións dirixidas
ás autoridades públicas españolas (así como dos demais estados membros do
Consello obxecto de exame). Segundo o informe, España sitúase á cabeza en canto
protección das súas linguas rexionais, malia que o documento recomenda unha
serie de medidas correctoras nalgúns eidos que considera non suficientemente
protexidos ós ollos das disposición establecidas na devantida Carta.


Polo que respecta a Galicia, o informe constata que malia a existencia dun
sistema legal claro que protexe a lingua galega como lingua oficial ó carón do
castelán en tódolos eidos, a realidade demostra que o galego segue sendo unha
lingua minoritaria en canto ó seu uso práctico en diversos medios, tales coma a
Educación, a Xustiza ou a Administración Pública. O informe alenta ás
autoridades públicas competentes a promover á utilización do galego de forma
efectiva e en igualdade de condicións co castelán, moi especialmente no campo da
educación primaria e secundaria (recomendación que se estende tamén á educación
superior ou universitaria), é dicir un sistema bilingüe que permita un uso máis
forte e potente do galego. Así mesmo, recoméndase vivamente fomentar e potenciar
o “status” do galego nas rexións situadas fóra das fronteiras de Galicia, no que
o galego é unha lingua de tradición falada (Asturias e Castela e León).


Para máis información, o
texto completo do informe en español
(coa situación galega nas páxinas 147 e
seguintes).