Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » Programa LIFE: máis de 103 millóns de euros para proxectos estratéxicos en medio ambiente e clima

Programa LIFE: máis de 103 millóns de euros para proxectos estratéxicos en medio ambiente e clima

09/03/2026 | ,

— A UE financia sete proxectos en Europa para impulsar a resiliencia climática, a economía circular e a restauración de ecosistemas

Bruxelas, 9 de marzo de 2026. A Comisión Europea destinará máis de 103 millóns de euros a sete proxectos estratéxicos en distintos países da UE no marco do programa LIFE, co obxectivo de reforzar a resiliencia climática, os ecosistemas e a calidade de vida da cidadanía.

Os proxectos, situados en Finlandia, Francia, Grecia, Países Baixos, Portugal, Eslovaquia e España, contribuirán á aplicación das políticas ambientais e climáticas europeas, con especial atención á xestión da auga, a restauración da natureza, a economía circular e o uso sostible do solo.

Entre as iniciativas destacadas:

  • en Finlandia, restauraranse ecosistemas acuáticos para garantir os recursos hídricos;
  • en Francia, reforzarase a resiliencia climática e a xestión de eventos extremos;
  • en Grecia, impulsaranse accións para protexer os ecosistemas mariños e reducir a contaminación;
  • nos Países Baixos, fomentarase a transición cara a unha economía circular;
  • en Portugal, aplicaranse solucións circulares en sectores como a agricultura e o turismo nas Azores;
  • en Eslovaquia, desenvolveranse solucións baseadas na natureza para reducir riscos climáticos;
  • en España, o proxecto LIFE HumedalES restaurará máis de 26.000 hectáreas de humidais en espazos Natura 2000, sendo o maior financiado ata o momento polo programa LIFE.

Estes proxectos tamén permitirán mobilizar investimentos adicionais a nivel nacional, tanto públicos como privados.

Contexto

O programa LIFE é o principal instrumento financeiro da UE dedicado ao medio ambiente, o clima e a enerxía limpa. Desde 1992 cofinanciou máis de 6.500 proxectos en toda Europa.

No período 2021-2027 conta cun orzamento de máis de 5.400 millóns de euros e contribúe aos obxectivos europeos de neutralidade climática para 2050, á protección da biodiversidade e á transición cara a unha economía máis sostible.

Fonte: Comisión Europea

© European Union

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data