PROCLAMACIÓN DO 2006 COMO O ANO EUROPEO DA MOBILIDADE DOS TRABALLADORES
Un dos principais problemas que afectan ó mercado laboral en Europa é a pouca mobilidade dos traballadores dos diferentes Estados membros, acostumados a permanecer nos seus países de orixe para desenvolver ás súas actividades laborais. As estatísticas demostran este feito de forma clara e así a porcentaxe de traballadores europeos que viven e traballan nun país diferente ó país de orixe tan só é do 1.5%, porcentaxe invariable durante case 30 anos. A propia Comisión Europea destacou recentemente un dato, a lo menos curioso: na case metade dos países membros da Unión Europea, o 40% dos traballadores permaneceron nun mesmo posto de traballo durante máis de 10 anos.
A Comisión Europea ven traballando a prol da mobilidade de forma constante nos últimos anos. Mobilidade, tanto dun punto de vista do ensino permanente, como amosan as diferentes accións adoptadas dentro dos programas de ensino e de formación existentes (Erasmus, Comenius, Leonardo, entre outros), coma dun punto de vista social, con iniciativas tan importantes como o portal europeo EURES, dedicado a facilitar a libre circulación dos traballadores no marco do Espacio Económico Europeo, a adopción da tarxeta europea sanitaria ou os pulos á mobilidade procedentes das Axendas Sociais adoptadas ata o momento.
Precisamente a nova Axenda Social para o período 2005-2010, presentada pola Comisión Europea no mes de febreiro de 2005 afonda neste eido ó propoñer o ano 2006, como o Ano da Mobilidade dos Traballadores. Esta proposta foi amplamente aplaudida por todos, e conta cun presuposto previsto duns seis millóns de euros, que se destinarán principalmente a catro tipo de accións:
-reunións, conferencias e eventos de dimensión europea, entre os cales se atopa a celebración dunha macrofeira chamada “Job Fair Europe”, prevista para este mes de setembro de forma simultánea en diferentes cidades europeas.
-estudios e investigacións a nivel europeo que incidan neste tema e nos problemas que afectan ós límites na mobilidade laboral (obstáculos administrativos, xurídicos, lingüísticos ou culturais).
-todo tipo de acción de información e de promoción, xa que moitas veces a mobilidade vese limitada polo descoñecemento das diferentes posibilidades existentes. Esta acción tamén ten vocación comunitaria.
-dende un punto nacional, rexional ou mesmo local, o presuposto deste Ano destinarase en gran medida ó financiamento de proxectos , concursos, obradoiros de traballo e outras actividades en réxime de cofinanciamento.
A inauguración oficial do Ano terá lugar no mes de febreiro, a cargo do presidente da Comisión Europea, Xosé Manuel Barroso, e empalmará no ano 2007 coa celebración do Ano Europeo para a Igualdade de Oportunidades para Todos (tamén como iniciativa da nova Axenda Social 2005-2010).