PROCESO DE DESVINCULACIÓN DA AXUDA COMUNITARIA AO DESENVOLVEMENTO

Na sesión plenaria da primeira semana de setembro, o Parlamento europeo emitiu un segundo informe sobre a proposta de Regulamento para desvincular a axuda ao desenvolvemento da Unión Europea.


A vinculación da axuda é unha práctica moi común e consiste en limitar a provisión da mesma aos provedores dos países que prestan esta axuda, restrinxindo así a competencia nos procesos de contratación pública e contratos de subvención. A axuda procedente da Comunidade Europea se caracteriza, no entanto, por un notable grado de apertura debido á súa relación específica cos países beneficiarios.


A proposta persegue eliminar por completo esta práctica e permitir que as empresas doutros países poidan participar nas licitacións de axuda ao desenvolvemento. Concretamente:


• Nos programas temáticos (medio ambiente, democracia e dereitos humanos, etc.), permitirase a participación de empresas dos países en desenvolvemento e en transición.


• Nos programas xeográficos, as licitacións estarán abertas ás empresas procedentes da rexión na que se actúa, co fin de promover a integración rexional.



• De modo xeral, todas as empresas dos Estados membros, países candidatos e países do EEE  poden participar nas licitacións. A participación de empresas doutros países donantes, como EEUU, Xapón ou Canadá será así mesmo posible baixo a condición de reciprocidade, é dicir, de que eles tamén abran as súas licitacións de axuda á participación doutros países.


A desvinculación da axuda considérase un instrumento indispensable para acadar unha maior eficacia dos 3.500 millóns de euros que anualmente o orzamento da UE destina á cooperación en desenvolvemento. Estudos internacionais demostran que o aumento da competencia resultante dunha desvinculación total da axuda significaría aumentar a súa eficacia nun 30%. No Consello Europeo de Barcelona de marzo de 2002, os Estados membros acordaron desvincular a axuda bilateral nos países menos avanzados, seguindo a recomendación da OCDE, e comprometéronse a estendela a outros países. En 2003, o volume de axuda desvinculada nos PMA procedente dos países membros da OCDE era do 69%.


En resposta a este compromiso, a Comisión adoptou en novembro de 2002 unha Comunicación titulada «Desvincular a axuda para mellorar a eficacia», na que se expresaba a necesidade dunha maior apertura da axuda comunitaria mantendo o acceso do país socio como obxectivo clave e apoiando a integración rexional e a capacidade destes países. Esta comunicación, que excede a recomendación da OCDE, obtivo o acordo político dos Estados membros e do Parlamento para traducirse en dous procesos de desvinculación que estanse a negociar paralelamente: un no eido do Fondo Europeo ao Desenvolvemento, instrumento específico para os países de África, Caribe e Pacífico, e o que nos ocupa, que se refire aos instrumentos de cooperación dentro do orzamento comunitario (instrumentos de cooperación ao desenvolvemento, por un lado, e de cooperación económica, financeira e técnica con terceiros países, por outro). 


O Parlamento Europeo emitiu dous informes sobre esta proposta de Regulamento. A súa postura ao respecto resúmese en:


• Esixir reciprocidade tamén aos países en transición (como Bulgaria ou Rusia). O Parlamento oponse a que estes sexan tratados como o resto de países en desenvolvemento para evitar dumping social nos concursos de contratación.
• Esixir aos provedores do país receptor o cumprimento dos convenios internacionais en materia medioambiental e laboral (os da Organización Internacional do Traballo).


• Acordar preferencia primeiro ás empresas do país receptor, e logo, ás dos Estados en desenvolvemento veciños co fin de favorecer a produción local.


Agora estase á espera do acordo final por parte dos Estados membros reunidos no Consello.


Cabe sinalar que a proposta non afecta aos instrumentos que responden a situacións de urxencia ou crise nin, obviamente, á axuda macrofinanceira xestionada directamente polo  país beneficiario.