Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Emprego e Asuntos Sociais » Bruxelas lanza a súa primeira Estratexia de Equidade Interxeracional

Bruxelas lanza a súa primeira Estratexia de Equidade Interxeracional

05/03/2026 | ,

— A UE impulsa unha nova estratexia para garantir un reparto xusto de oportunidades e responsabilidades entre xeracións presentes e futuras

Bruxelas, 5 de marzo de 2026. A Comisión Europea adoptou hoxe a súa primeira Estratexia sobre Equidade Interxeracional, co obxectivo de reforzar o enfoque a longo prazo na elaboración das políticas da UE e dar maior peso aos puntos de vista e ás preocupacións da mocidade. O propósito é garantir que as decisións actuais teñan en conta o futuro, procurando un equilibrio xusto de beneficios e cargas entre todas as xeracións.

A Estratexia aliñase cos esforzos internacionais por promover unha planificación a longo prazo, como reflicte a Declaración das Nacións Unidas sobre as Xeracións Futuras. Artéllase arredor do concepto de «contrato interxeracional», baseado en tres piares:

• políticas xustas, mediante a aplicación dun «control desde a perspectiva da xuventude» e ferramentas de prospectiva;
• oportunidades xustas para facer fronte á discriminación por razón de idade;
• lugares xustos, garantindo que a rexión de nacemento non determine o futuro das persoas.

A Estratexia adopta unha visión a longo prazo e analiza o impacto sobre as xeracións presentes e futuras de retos como o cambio demográfico, as transformacións xeopolíticas, o mercado laboral, o cambio climático, a dixitalización ou a intelixencia artificial.

Actuacións destacadas

Para avanzar neste obxectivo, inclúe diversas actuacións, entre as que destacan:

• un Índice de Equidade Interxeracional para orientar a toma de decisións e detectar necesidades;
• un paquete multilingüe de políticas orientadas ao futuro para reforzar a capacidade das administracións públicas;
• a organización dun foro demográfico para analizar a evolución da poboación;
• a iniciativa «Voces do Futuro», en colaboración co Comité das Rexións, que implicará a nivel local e rexional na construción do futuro.

A Estratexia tamén serve de marco común para iniciativas europeas xa en marcha, destacando o seu carácter transversal.

Ademais, dá prioridade á competitividade e ao reforzo do modelo social europeo, promovendo ámbitos como a educación inclusiva, a vivenda accesible, os sistemas asistenciais sólidos e a xustiza ambiental.

A nivel global, a UE e os seus Estados membros apoiaron o Pacto para o Futuro das Nacións Unidas e a Declaración sobre as Xeracións Futuras, que salientan a importancia do multilateralismo e dunha orde internacional baseada en normas.

Está previsto que a comezos de 2028 se publique un informe de seguimento que contribúa ao proceso internacional sobre Xeracións Futuras.

Fonte: Comisión Europea

© Pexels | Kampus Production

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data