- Este programa pretende captar, reter e
recuperar talento científico e innovador que desenvolva a súa carreira en
Galicia
Bruxelas, 17 de xuño de 2015.- O vindeiro 1 de
xullo o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde López, presentará en
Bruxelas o programa Oportunius, unha iniciativa complementaria ao programa Starting Grant do Consello Europeo de
Investigación (ERC polas súas siglas en inglés). O programa Oportunius pretende
reter, recuperar e captar talento científico e innovador que atenda as
prioridades marcadas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia,
RIS3. Esta proposta vai dirixida a investigadores europeos excelentes co
obxectivo de que poidan desenvolver a súa carreira en Galicia e contribuír así coa
súa excelencia ás capacidades de investigación galegas.
Dada a necesidade
de fomentar unha investigación de calidade que garanta a competitividade en
Europa, era prioritario que o programa Horizonte 2020 perseguise metas como o
desenvolvemento do talento europeo, o acceso ás infraestruturas de
investigación ou o reclamo dos mellores investigadores. Neste sentido, é vital
que as rexións europeas definiran e fortaleceran as súas prioridades en liña co
obxectivo de H2020 de reforzar e estender a excelencia da ciencia na UE. As
rexións definen as súas prioridades neste campo nas súas Estratexias de
Especialización Intelixente (RIS3).
Co obxectivo de
fortalecer a relación entre a ciencia excelente e a RIS3 galega nace
Oportunius. Este programa presentarase o vindeiro día 1 de xullo na
Representación Permanente de España ante a UE en Bruxelas, nun seminario
titulado “Sinerxías entre a ciencia excelente e a RIS3”. No encontro intervirán
o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde López, o xefe de
departamento de xestión científica do ERC, José Labastida e o xefe de gabinete
da comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, Mikel Landabaso.
Nos documentos
adxuntos pódese consultar o programa completo do evento.
Para rexistrarse,
prégase poñerse en contacto coa Fundación Galicia Europa en bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu
Data: Mércores, 1 de xullo de 2015, 10:00 am –
12:00 am
Lugar: Representación
Permanente de España ante a UE, Boulevard du Régent 52, Bruxelas