Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Eventos » A Fundación Galicia Europa achega os voluntariados e prácticas na UE aos alumnos da UDC

A Fundación Galicia Europa achega os voluntariados e prácticas na UE aos alumnos da UDC

28/11/2023 |

— Este último encontro é froito da colaboración da FGE co embaixador da Oficina Europea de Selección de Personal na Universidade da Coruña.

— No obradoiro explicáronse iniciativas das institucións europeas para a xuventude como o programa Erasmus para Mozos Emprendedores ou o Corpo Europeo de Solidariedade.

Bruxelas, 28 de novembro de 2023. No marco da iniciativa EuroXuventude, a Fundación Galicia Europa (FGE) acolleu esta tarde un novo obradoiro virtual dirixido a alumnos da Universidade da Coruña (UDC) interesados nos voluntariados ou prácticas que ofrecen as institucións europeas. Foi coorganizado co embaixador da Oficina Europea de Selección de Personal (EPSO) nesta entidade educativa galega, Alfonso Martínez.

Da man de expertos na materia e a través da experiencia persoal doutros mozos e mozas, os asistentes puideron coñecer de cerca as distintas oportunidades que ofrece a Unión Europea para a formación da súa xuventude. Máis concretamente, os cinco relatores explicáronlles en detalle: os proxectos nos que participa a FGE en materia de xuventude, o programa Erasmus para Mozos Emprendedores, os voluntariados do Corpo Europeo de Solidariedade e o programa Mozos Voluntarios Interreg (IVY).

En representación da FGE participaron Pilar del oro Sáez, coordinadora de EuroXuventude, e Carla González, voluntaria a través do programa Interreg. Xunto a elas, contouse tamén coa intervención de Víctor Mosquera, coordinador de programas europeos na Escola de Tempo Libre Don Bosco, de Silvia Rossi, voluntaria nesta mesma entidade, e de Alessia Rizzato, emprendedora Erasmus en Galicia.

A colaboración co embaixador de EPSO na UDC

Este obradoiro virtual sobre voluntariados e prácticas na Unión Europea é froito da continuación da colaboración da Fundación Galicia Europa co programa EU Careers Ambassadors de EPSO, destinado a difundir as posibilidades de emprego nas institucións europeas entre os universitarios. O seu único embaixador en Galicia é Alfonso Martínez, un estudante de Dereito bilingüe na Universidade da Coruña (UDC) que xa ocupou este rol e colaborou coa FGE durante o curso pasado.

O último exemplo de dito traballo conxunto foi o encontro “Achégate á UE da man da Fundación Galicia Europa”, celebrado no mes de abril. Nel explicouse o traballo da oficina de Bruxelas e as saídas laborais que hai no marco das institucións europeas.

Máis información: Universidade da Coruña

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data