Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Cohesión »A Comisión Europea lanza unha plataforma para reter o talento nas rexións europeas
— A plataforma para a retención do talento busca combater o despoboamento e atraer talento.
— Harnessing Talent Platform reúne a todas as rexións europeas.
Bruxelas, 23 de novembro de 2023. A Comisión Europea lanzou este xoves 23 de novembro unha nova plataforma integrada polas rexións da UE centrada en aproveitar o talento desas rexións e loitar contra o despoboamento. O acto estivo organizado pola Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión (DG REGIO).
Baixo o nome de Harnessing Talent Platform (plataforma para o aproveitamento do talento, en inglés), a plataforma forma parte do Mecanismo de impulso ao talento, unha iniciativa de oito alicerces que busca impulsar o talento en todas as rexións da UE.
O evento ofreceu a oportunidade de reflexionar sobre a dimensión territorial das políticas destinadas a atraer, reter e desenvolver talento e sobre como a transición demográfica subxacente inflúe na prosperidade das rexións da UE.
No acto, inaugurado pola comisaria de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, participaron expertos dos Estados membros e das rexións, xunto con representantes dos servizos da Comisión. Os participantes trataron as cuestións clave sobre a dimensión territorial e as implicacións socioeconómicas dos retos demográficos e da trampa do desenvolvemento do talento.
O evento ofreceu tamén unha visión xeral enlazando diferentes iniciativas da Comisión Europea que ofrecen apoio aos Estados membros, rexións e cidades a través dunha sesión informativa sobre os oito alicerces do Mecanismo de Impulso do Talento.
Máis información: Plataforma para a retención do talento (en inglés)