Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » A Comisión establece medidas inmediatas para apoiar á industria europea da enerxía eólica

A Comisión establece medidas inmediatas para apoiar á industria europea da enerxía eólica

24/11/2023 | , ,

— O Plan de Acción responde ao obxectivo da UE de lograr polo menos un 42,5% de enerxías renovables para 2030.

—Isto requirirá un aumento masivo da capacidade eólica instalada, pasando do crecemento previsto en 2022, de 204 GW, a máis de 500 GW en 2030

Bruxelas, 24 de novembro de 2023. Aínda que o sector da enerxía eólica é un exemplo histórico de éxito na UE, a súa traxectoria de crecemento futuro enfróntase a un singular conxunto de retos, entre eles unha demanda insuficiente e incerta, a lentitude e a complexidade da concesión de permisos, a falta de acceso ás materias primas, a elevada inflación e os prezos das materias primas, o deseño pouco favorable das licitacións nacionais, a maior presión dos competidores internacionais e os riscos respecto á dispoñibilidade de man de obra cualificada.

Esta situación require unha actuación inmediata. Por iso, tal como anunciou a presidenta Von der Leyen no seu discurso sobre o estado da Unión o mes pasado, a Comisión Europea presentou o Plan de Acción Europeo sobre a Enerxía Eólica, co fin de garantir que a transición cara a unha enerxía limpa vaia da man da competitividade industrial e que a enerxía eólica siga sendo un exemplo de éxito europeo.

O Plan de Acción contribuirá a manter unha cadea de subministración de enerxía eólica sa e competitiva, cunha carteira de proxectos clara e estable, que atraia o financiamento necesario e compita en igualdade de condicións a nivel mundial.

Vai acompañado dunha Comunicación sobre o cumprimento das ambicións da UE en materia de enerxías renovables mariñas, incluída a enerxía eólica, que dá seguimento á Estratexia sobre Enerxías Renovables Mariñas da UE adoptada hai tres anos. 

Unha resposta europea común para facer fronte a unha singular combinación de retos

O Plan de Acción establece medidas inmediatas que deben adoptar conxuntamente a Comisión, os Estados membros e a industria, sobre a base das políticas e a lexislación existentes e prestando unha atención especial a seis ámbitos principais:

  1. Aceleración do despregamento mediante unha maior previsibilidade e unha concesión de permisos máis rápida. En 2022 engadíronse 16 GW de instalacións eólicas, unha cifra sen precedentes, o que supón un aumento do 47% con respecto a 2021. Con todo, esta cifra está moi por baixo dos 37 GW/ano necesarios para alcanzar o obxectivo da UE para 2030 en materia de enerxías renovables. A Comisión está a poñer en marcha a iniciativa «Accele-RES», xunto cos Estados membros, para garantir a rápida aplicación das normas revisadas da UE en materia de enerxías renovables e prestar máis atención á dixitalización dos procesos de concesión de permisos e á asistencia técnica aos Estados membro. Ademais, anímase aos Estados membro para mellorar a visibilidade da carteira de proxectos mediante compromisos eólicos, calendarios de poxas transparentes e planificación a longo prazo. Por último, a finais deste ano, a Comisión apoiará a construción das redes eléctricas necesarias cun Plan de Acción sobre Redes.
  2. Mellora do deseño das poxas. Sobre a base da proposta de Lei sobre a industria de cero emisións netas e a reforma da configuración do mercado da electricidade, a Comisión axudará aos Estados membro para mellorar as poxas con criterios ben deseñados e obxectivos que recompensen os equipos de maior valor engadido e garantan que os proxectos se executen de maneira completa e oportuna. Fóra da UE, os proxectos de Global Gateway utilizarán en maior medida as normas estratéxicas de contratación. O Plan de Acción tamén prevé unha avaliación dos riscos de ciberseguridade.
  3. Acceso ao financiamento. Para acelerar o investimento e o financiamento destinados á fabricación de equipos de enerxía eólica en Europa, a Comisión facilitará o acceso ao financiamento da UE, en particular a través do Fondo de Innovación, mentres que o Banco Europeo de Investimentos (BEI) poñerá ao dispor garantías de redución do risco. A Comisión tamén anima aos Estados membro para facer pleno uso da flexibilidade que ofrece o Marco Temporal de Crise e Transición das Axudas Estatais para apoiar a fabricación de equipos eólicos na UE.
  4. Unha contorna internacional xusta e competitiva. Para garantir que o sector eólico poida operar en igualdade de condicións, a Comisión segue de cerca as posibles prácticas comerciais desleais que benefician aos fabricantes de enerxía eólica estranxeiros, e seguirá utilizando acordos comerciais para facilitar o acceso aos mercados estranxeiros, promovendo ao mesmo tempo a adopción de normas internacionais e da UE para o sector. A Comisión tamén colaborará cos investidores para detectar e abordar os obstáculos ao investimento.
  5. Capacidades. As Asociacións Amplas de Capacidades para as Enerxías Renovables serán un foro crave para desenvolver proxectos de desenvolvemento de capacidades. Coa Lei sobre a industria de cero emisións netas, a Comisión tamén facilitará a posta en marcha de academias europeas para unha industria de cero emisións netas, incluída unha dedicada ao sector eólico, deseñada para apoiar as accións dos Estados membros destinadas a mellorar as capacidades dos traballadores e reciclalos profesionalmente. As academias desenvolverán contidos e materiais de aprendizaxe e tratarán de formar a 100.000 alumnos nun prazo de tres anos a partir do seu establecemento.
  6. Compromiso da industria e compromisos dos Estados membros. A Comisión colaborará cos Estados membros e a industria eólica na creación dunha Carta Eólica da UE, destinada a mellorar as condicións favorables e lograr que a industria eólica europea siga sendo competitiva.

Unha nova visión para o despregamento acelerado da enerxía eólica mariña

Espérase que a enerxía eólica mariña contribúa de maneira significativa aos obxectivos climáticos e enerxéticos da UE nos próximos anos. Sobre a base da Estratexia sobre Enerxías Renovables Mariñas de 2020, os Estados membros acordaron recentemente novos e ambiciosos obxectivos para a xeración de enerxía renovable mariña para 2050, ademais de obxectivos intermedios para 2030 e 2040 en relación con cada unha das cinco concas marítimas da UE.

En 2022, a capacidade instalada en alta mar acumulada da EU-27 era de 16,3 GW. Esto significa que, para colmar a brecha entre a capacidade de 2022 e os 111 GW aos que se comprometeron os Estados membro, débense instalar unha media de case 12 GW/ano, é dicir, dez veces máis que os 1,2 GW novos que se instalaron o ano pasado.

Esta é a razón pola que a Comisión está a duplicar os seus esforzos por apoiar especificamente ao sector das enerxías renovables mariñas, establecendo medidas adicionais para: reforzar a infraestrutura de rede e a cooperación rexional, acelerar a concesión de permisos, garantir unha ordenación integrada do espazo marítimo, reforzar a resiliencia das infraestruturas, apoiar a investigación e a innovación, e desenvolver as cadeas de subministración e as capacidades

Contexto

As enerxías renovables son unha compoñente clave do plan da UE para alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050 no marco do Pacto Verde Europeo, así como do Plan REPowerEU, destinado a recuperar a  independencia enerxética e poñer fin ás importacións de combustibles fósiis rusos canto antes.

A UE estableceu obxectivos lexislativos para acelerar o despregamento das enerxías renovables a través da Directiva revisada sobre fontes de enerxía renovables no marco do paquete lexislativo «Obxectivo 55»; ademais, facilita este despregamento a través do Regulamento RTE-E revisado, que reforza o marco para os proxectos transfronteirizos, incluídas as redes marítimas.

Nesa transición cara a unha economía de cero emisións netas, a competitividade da UE dependerá en gran medida da súa capacidade para desenvolver e fabricar en casa as tecnoloxías limpas que posibilitan esta transición, en particular a enerxía eólica terrestre e mariña. A principios deste ano, a Comisión presentou o Plan Industrial do Pacto Verde e, en particular, propuxo a Lei sobre a industria de cero emisións netas e o Regulamento de Materias Primas Fundamentais, co fin de reforzar a capacidade de fabricación de tecnoloxías de cero emisións netas a nivel nacional.

Máis información: Comisión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data