Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »O padroado da FGE aborda o plan de actuacións do 2024 con miras ao novo ciclo institucional europeo
— A Fundación Galicia Europa presentou hoxe ante os membros do seu padroado as súas principais liñas de actuación para o 2024.
— Entre as prioridades do vindeiro ano están a recuperación da presencialidade do curso de financiamento comunitario ‘TecEuropa’ e a continuidade doutras actividades como a información sobre asuntos europeos e a iniciativa EuroXuventude.
— O padroado aprobou a reforma dos estatutos da FGE, cuxa modificación permitiu a incorporación das consellerías de Política Social e de Medioambiente.
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023. O padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela para avaliar o seu plan de actuacións de cara ao vindeiro 2024. A súa presentación correu a cargo do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que subliñou a importancia do traballo da FGE na súa misión de achegar Galicia e Europa, especialmente nun ano que estará marcado polo cambio de ciclo institucional na Unión Europea en vista das eleccións europeas previstas para o mes de xuño.
Durante o tramo final da lexislatura do Parlamento Europeo e do mandato da Comisión, a FGE seguirá atenta, entre outros expedientes de interese para a nosa rexión, á evolución da política pesqueira común (PPC), á gran revisión lexislativa que está tendo lugar co obxectivo de acadar a neutralidade climática e á revisión do orzamento comunitario e das súas posibles implicacións no futuro da política de cohesión.
No que respecta a outras actividades da FGE, destaca a vontade de recuperar as edicións presenciais do curso de especialización en financiamento comunitario ‘TecEuropa’. Así mesmo, daráselle continuidade ao ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate mensual entre a administración autonómica e as institucións europeas.
Seguirá sendo igualmente destacado o traballo enmarcado na iniciativa EuroXuventude, actualmente vinculada á participación en cinco proxectos europeos que seguirán vixentes durante o 2024. E no eido da información sobre a UE, a FGE reitera a súa aposta pola difusión de contidos a través da súa páxina web, do seu boletín de carácter mensual e das súas redes sociais.
A revisión dos estatutos da FGE
Na reunión de esta mañá tamén tivo lugar a presentación e aprobación dos estatutos revisados da Fundación Galicia Europa. Para a súa votación, os membros do padroado que non puideron asistir delegaron o seu voto no director da FGE, Jesús Gamallo. A finalidade de dita revisión é axustalos ás novidades normativas acaecidas desde a súa anterior aprobación, no ano 2018.
A modificación abre a porta á incorporación de novos patróns, concretamente ás consellerías de Política Social e de Medioambiente. Outros cambios no padroado desta fundación refírense á propia presidencia, que pasa a recaer no titular da consellería competente en materia de relacións exteriores, cargo que actualmente ostenta o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
A misión da Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”.
Os seus catro ámbitos de actuación son: a defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos, a difusión de información sobre a UE en Galicia e a formación sobre as institucións comunitarias. Para a consecución destes obxectivos, a FGE conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.