Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Reunións de Alto Nivel »A Xunta protexe os intereses de Galicia no debate orzamentario da Unión Europea
— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe o padroado da Fundación Galicia Europa, no que tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos
— O padroado da entidade que exerce a representación autonómica ante a Unión Europea aprobou o plan de actuacións anual, así como a incorporación efectiva das deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe o padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), no que tamén participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. No encontro aprobouse o plan de actuacións desta entidade para o ano próximo, que se centrará na negociación do marco financeiro plurianual da UE 2028-2034.
Xa dende o ano pasado a FGE traballa en coalición con outras rexións europeas en Bruxelas para defender o papel das rexións como responsables de deseñar e xestionar as actuacións que financiarán eses fondos. Nesta liña, en setembro, a entidade elaborou un documento de posición que foi aprobado pola delegación española do Comité Europeo das Rexións o pasado mes en Santiago de Compostela. Nel advertíase de que os novos plans nacionais poderían provocar unha excesiva centralización das decisións e poñer en risco o principio de cohesión territorial da Unión Europea.
Cómpre lembrar que, o pasado xullo, a Comisión Europea presentou a súa proposta, coa principal novidade da posta en marcha de plans únicos por país para executar os fondos de cohesión, agricultura e pesca. Non obstante, a presión exercida sobre as institucións comunitarias deron como resultado que onte mesmo a Comisión Europea se mostrase aberta a realizar cambios na súa proposta para dar resposta ás demandas das rexións, algo moi excepcional no debate comunitario.
Incorporacións das deputacións de Ourense e Pontevedra
Na xuntanza, aprobouse de facto a incorporación das deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra ao padroado. O conselleiro Diego Calvo incidiu na importancia de que, a partir de agora, as catro deputacións galegas formen parte da FGE, o que, salientou, reforzará a dimensión local na actividade da entidade.
A maiores, abordouse o programa de bolsas de formación para graduados universitarios co que conta a Fundación Galicia Europa. Actualmente leva a cabo o proceso de selección dunha bolsa para especializarse na política europea de I+D+i e, a finais de ano, convocará outra bolsa de formación no eido da comunicación dos asuntos europeos. Os bolseiros realizarán prácticas na oficina de Bruxelas durante case un ano. Por outra banda, o programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario continuará con dúas edicións presenciais en Bruxelas.
Máis información: Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia