Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Mobilidade »Pacto Verde Europeo: acordo para unha nova lei ambiciosa relativa á implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos
— A UE contará cunha infraestrutura de puntos de recarga eléctrica e de hidróxeno para 2030
— O obxectivo da Comisión é reducir a emisións de CO2 no transporte terreste, marítimo e aéreo
Bruxelas, 24 de maio de 2023. A Comisión acolle con satisfacción o acordo político alcanzado entre o Parlamento Europeo e o Consello para aumentar o número de estacións de recarga eléctrica e reposición de hidróxeno de acceso público en particular a través dos principais corredores e centros de transporte da Unión Europea. Trátase dun acordo histórico que permitirá a transición cara a un transporte por estrada sen emisións e contribuirá ao noso obxectivo de reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro en polo menos un 55 % de aquí a 2030.
O novo Regulamento para a implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos establece obxectivos obrigatorios de implantación para as infraestruturas de recarga eléctrica e reposición de hidróxeno no sector do transporte por estrada, para a subministración de electricidade en porto nos portos marítimos e fluviais e para a subministración de electricidade ás aeronaves estacionadas. Ao asegurar un mínimo de infraestruturas de recarga e reposición en toda a UE, o Regulamento acabará coa preocupación dos consumidores finais pola dificultade de recargar ou encher un vehículo. O Regulamento tamén achanda o camiño para unha experiencia de recarga e reposición de fácil uso, con plena transparencia dos prezos, opcións de pago mínimo comúns e información coherente ao cliente en toda a UE.
Adina Vălean, comisaria responsable de Transportes: «O acordo alcanzado permítenos avanzar un paso máis no camiño cara á descarbonización da mobilidade en Europa. Garantirá que tanto os cidadáns como as empresas de transporte e loxística poidan confiar nunha sólida rede de infraestruturas de recarga e reposición nas nosas estradas, e nos nosos portos e aeroportos, en toda a Unión Europea. En moitas destas tecnoloxías, Europa ten o liderado tecnolóxico e estes investimentos axudarannos a crear emprego en Europa».
Infraestrutura para o transporte por estrada, o transporte marítimo e a aviación
As novas normas do Regulamento garantirán unha infraestrutura suficiente e fácil de utilizar para os combustibles alternativos para o transporte por estrada, o transporte marítimo e a aviación. Isto permitirá o uso de vehículos de estrada de emisión cero, en particular vehículos lixeiros e pesados eléctricos e de hidróxeno, así como a subministración de electricidade aos buques amarrados e ás aeronaves estacionadas. En concreto, deberán cumprirse os seguintes obxectivos principais de implantación en 2025 ou 2030:
- A infraestrutura de recarga para turismos e furgonetas debe crecer ao mesmo ritmo que a adopción dos vehículos. A tal fin, por cada coche eléctrico de batería matriculado nun Estado membro determinado, debe proporcionarse unha potencia dispoñible de 1,3 kW a través dunha infraestrutura de recarga de acceso público. Ademais, cada 60 km ao longo da rede transeuropea de transporte (RTE-T), deben instalarse estacións de recarga rápida de polo menos 150 kW a partir de 2025.
- As estacións de recarga destinadas a vehículos pesados cunha potencia mínima de saída de 350 kW deben implantarse cada 60 km ao longo da rede básica da RTE-T, e cada 100 km na rede global da RTE-T a partir de 2025, cunha cobertura completa da rede que debe alcanzarse de aquí a 2030. Ademais, deben instalarse estacións de recarga en zonas de estacionamento seguras e protexidas para a recarga nocturna, así como nos nodos urbanos para os vehículos de entrega.
- A infraestrutura de reposición de hidróxeno que poida abastecer tanto a automóbiles como a camións debe implantarse a partir de 2030 en tódolos nodos urbanos e cada 200 km ao longo da rede básica da RTE-T, garantindo unha rede suficientemente densa para permitir que os vehículos de hidróxeno circulen por toda a UE.
- Os portos marítimos que teñan polo menos 50 escalas portuarias de grandes buques de pasaxeiros, ou 100 escalas portuarias de buques portacontedores, deberán proporcionar electricidade en porto aos devanditos buques de aquí a 2030. Isto non só reducirá a pegada de carbono do transporte marítimo, senón que tamén reducirá significativamente a contaminación atmosférica local nas zonas portuarias.
- Os aeroportos deben fornecer electricidade ás aeronaves estacionadas en todos os postos de estacionamento en contacto (portas) de aquí a 2025, e en todos os postos de estacionamento remotos (postos exteriores) de aquí a 2030.
- Os operadores de estacións de recarga eléctrica e de reposición de hidróxeno deben garantir a plena transparencia dos prezos, ofrecer un método de pago común ad hoc, como a tarxeta de débito ou de crédito, e poñer ao dispor datos pertinentes, como os relativos á localización, por medios electrónicos, garantindo así que o cliente estea plenamente informado.
Contexto
O Pacto Verde Europeo é o plan de crecemento a longo prazo da UE para lograr que a UE sexa climáticamente neutra de aquí a 2050. Para alcanzar este obxectivo, a UE debe reducir as súas emisións en polo menos un 55 % de aquí a 2030, en comparación cos niveis de 1990. Os acordos alcanzados esta semana constitúen outro paso importante na adopción do paquete de medidas «Obxectivo 55» da Comisión para cumprir o Pacto Verde Europeo. Prodúcese tras outros acordos recentes, incluído o último sobre combustibles sostibles para o transporte marítimo.
Máis información: Comisión Europea