Actualidade

Portada » Sen categorizar » Os fondos europeos impulsan o desenvolvemento sostible e a competitividade do medio rural en Galicia

Os fondos europeos impulsan o desenvolvemento sostible e a competitividade do medio rural en Galicia

02/09/2026 |

— No marco das campañas destinadas a promover os beneficios do orzamento europeo, a Comisión Europea lanza esta campaña rexional para mostrar como o investimento europeo impulsa a innovación e xera un impacto tanxible nos territorios e na vida das persoas

— O financiamento europeo impulsou o crecemento de Innogando, unha startup galega que desenvolve tecnoloxía intelixente para modernizar a gandaría, mellorar a calidade de vida dos profesionais do sector e favorecer o relevo xeracional

— Con máis de 25.000 dispositivos intelixentes activos en explotacións de España e Portugal, a empresa demostra como a innovación desenvolvida no territorio pode reforzar a competitividade do sector gandeiro e abrir novas oportunidades para o medio rural

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026. O financiamento da Unión Europea está a contribuír ao impulso de proxectos innovadores en sectores esenciais que afrontan importantes retos de modernización, sustentabilidade e relevo xeracional. En territorios como Galicia, este apoio resulta especialmente relevante para reforzar actividades estreitamente vinculadas ao medio rural, como a gandaría, xerar novas oportunidades económicas e axudar a que máis persoas poidan desenvolver o seu futuro sen abandonar o lugar onde viven.

Neste contexto, a Comisión Europea, como parte da súa campaña «O Orzamento Europeo, Xuntos Máis Fortes», mostra como o financiamento europeo impulsa a innovación e a competitividade en todas as rexións de Europa, apoiando proxectos que xeran un impacto real na cidadanía e no tecido económico local.

Este é o caso de Innogando, unha startup nacida en 2020 en Abadín (Lugo) que converteu unha necesidade cotiá dos gandeiros nunha solución tecnolóxica con proxección internacional. Desde 2021, Innogando captou máis de 1,54 millóns de euros de financiamento público vinculado a programas e fondos europeos para proxectos de innovación, dixitalización, desenvolvemento rural, intelixencia artificial, sustentabilidade e creación de emprego. Isto permitiulle desenvolver solucións tecnolóxicas avanzadas para o sector gandeiro e consolidarse como un referente da innovación nacida no medio rural.

Innovación rural como investimento de futuro

As zonas rurais desempeñan un papel esencial para a economía europea e para a seguridade alimentaria, pero afrontan importantes desafíos relacionados coa dixitalización, o relevo xeracional e a sustentabilidade. A innovación constitúe unha ferramenta clave para responder a estes retos e reforzar a competitividade do sector gandeiro.

Con esa visión, Innogando desenvolveu RUMI, un colar intelixente para o gando. A través dunha aplicación móbil, os gandeiros poden coñecer en tempo real a localización dos seus animais, monitorizar a súa actividade e detectar comportamentos relevantes para mellorar o seu manexo e benestar.

A tecnoloxía permite saber se os animais están a pacer, descansar ou rumiar, así como detectar os períodos de celo, facilitando unha xestión máis eficiente das explotacións. O resultado é unha mellora da produtividade, unha redución do tempo dedicado ás tarefas de vixilancia e unha maior calidade de vida para as persoas que traballan cada día no campo.

A innovación desenvolvida en Galicia xa transcendeu o ámbito local. Na actualidade, Innogando conta con máis de 25.000 dispositivos activos en España e Portugal e continúa explorando novos mercados internacionais.

O investimento europeo impulsa empresas innovadoras desde o territorio

O crecemento de Innogando demostra como o financiamento europeo pode acompañar todas as etapas do desenvolvemento dunha empresa innovadora.

Grazas ao apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), a compañía desenvolveu novas aplicacións baseadas en intelixencia artificial, sistemas de monitorización intelixente e solucións de rastrexabilidade dixital para o sector gandeiro.

Porén, o impacto deste investimento vai moito máis alá do desenvolvemento tecnolóxico. Tamén contribúe a fixar poboación, atraer talento, crear emprego cualificado e demostrar que é posible innovar, emprender e competir internacionalmente desde pequenas localidades rurais.

Tecnoloxía para mellorar a calidade de vida das persoas que viven do campo

O impacto da innovación enténdese mellor cando se observa no día a día das persoas que traballan no sector gandeiro. Este é o caso de Simón Gandeiro, enxeñeiro agrícola e gandeiro de Val do Dubra (A Coruña), quen incorporou os colares intelixentes de Innogando grazas a unha axuda financiada con fondos europeos.

Ata ese momento, gran parte da súa xornada transcorría percorrendo a explotación para comprobar o estado do gando. Hoxe pode consultar desde o seu teléfono móbil onde se atopa cada animal e coñecer o seu comportamento en tempo real. Esta transformación permítelle optimizar o traballo diario, reducir os desprazamentos innecesarios e dispoñer de máis tempo para conciliar a súa vida profesional e familiar.

Ao mesmo tempo, ferramentas como RUMI fan que a actividade gandeira resulte máis atractiva para as novas xeracións, favorecendo o relevo xeracional e contribuíndo a que máis persoas mozas poidan desenvolver o seu proxecto de vida no medio rural. Este tipo de iniciativas contribúe aos obxectivos da estratexia «Dereito a Quedar» da Comisión Europea, que procura crear as condicións necesarias para que as persoas poidan elixir permanecer nos seus territorios, xerando oportunidades de emprego, innovación e desenvolvemento sostible nas zonas rurais.

Innovación local con impacto europeo

Proxectos como Innogando poñen de manifesto que as solucións desenvolvidas desde o ámbito local poden responder mellor ás necesidades da cidadanía e do tecido empresarial, xerando un impacto que transcende o territorio no que nacen.

O investimento europeo impulsa a innovación que reforza a competitividade das zonas rurais. Innovar no campo é investir no futuro de Galicia, de España e de Europa, favorecendo un crecemento máis equilibrado, sostible e resiliente.

Sobre este punto, María Canal, portavoz da Comisión Europea en España, destacou que «a calidade de vida da que gozamos en Europa débelle moito ao campo e queremos mantelo moi vivo. As zonas rurais ocupan máis do 80 % do territorio e nelas constrúe a súa vida un 30 % da poboación. Son fundamentais para a nosa seguridade alimentaria, o noso crecemento económico e a xestión sostible dos recursos naturais. O proxecto Innogando demostra que o orzamento da UE aposta —e seguirá apostando— por ofrecerlles ás persoas mozas a posibilidade de desenvolver nelas o seu proxecto vital».

Galicia, exemplo do impacto do investimento europeo

Galicia é unha das rexións, xunto con Madrid, Cataluña e Castela-A Mancha, que actualmente forman parte da campaña «O Orzamento Europeo, Xuntos Máis Fortes», impulsada pola Comisión Europea en España para mostrar como o orzamento europeo mellora a vida das persoas mediante proxectos que xeran innovación, emprego e desenvolvemento económico en todo o territorio.

A campaña pon o foco nas persoas que fan posible esa transformación. Neste caso, Daniel Ferreiro e Elio López, fundadores de Innogando, xunto co gandeiro Simón Gandeiro, representan como a innovación desenvolvida desde o medio rural pode reforzar a competitividade do sector gandeiro, facilitar o relevo xeracional e contribuír á construción de comunidades rurais máis resilientes e sostibles.

«Innogando naceu ao ver que moitos gandeiros, como os meus pais e os pais do meu socio Elio, seguían afrontando problemas que a tecnoloxía podía axudar a resolver. Desde Galicia decidimos crear unha solución pensada desde o campo e para o campo, capaz de ofrecer información sobre a localización, a saúde e o comportamento dos animais. O apoio da Unión Europea foi fundamental para converter aquela idea nunha tecnoloxía que hoxe axuda a miles de gandeiros a traballar con maior tranquilidade, tomar mellores decisións e demostrar que a innovación, a tradición e o futuro rural poden avanzar xuntos», salientou Daniel Pardo Rus, CTO de Innogando.

 

© Pexels | José Rodríguez Ortega

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas