Actualidade
Portada » Actualidade » Novas »
Oportunidades de prácticas na Unión Europea
— Os prazos de solicitude finalizan este mes de xuño.
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022. Desde a Fundación Galicia Europa, achegamos as diferentes oportunidades de prácticas na Unión Europea abertas para este mes de xuño e dirixidas a diferentes perfís.
BANCO EUROPEO DE INVESTIMENTOS
- A data límite é o 26 de xuño
O Banco Europeo de Inversións é a institución financeira da UE. A súa tarefa é contribuír á integración, o desenvolvemento equilibrado e a cohesión económica e social dos países membros. Os requisitos xerais para presentarse á convocatoria son os seguintes:
- Ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
- Ter unha titulación universitaria en Administración de Empresas, Finanzas, Matemáticas ou disciplinas similares.
- Coñecemento sobre os ámbitos de traballo do Banco Europeo de Investimentos.
- Excelente coñecemento de inglés.
Na seguinte ligazón poderás acceder a toda a información aquí referida, así como tamén á solicitude en liña.
TRIBUNAL DE CONTAS EUROPEO
- A data límite é o 30 de xuño de 2022
O Tribunal de Contas Europeo organiza tres sesións anuais de prácticas formativas en ámbitos de interese para a mocidade, nun período comprendido entre os tres e cinco meses, sendo a presente convocatoria para o mes de outubro. Os requisitos para poder presentarse a estas bolsas son:
- Ter titulación universitaria.
- Posuír a nacionalidade dun dos Estados membro da Unión Europea.
- Non ter realizado un período de prácticas nunha institución, órgano ou organismo da Unión Europea, no Banco Central Europeo ou no Banco Europeo de Investimentos.
- Ter un bo coñecemento nunha lingua oficial da Unión Europea e coñecemento satisfactorio nunha segunda lingua oficial.
Na seguinte ligazón poderás acceder a toda a información aquí referida, así como tamén á solicitude en liña.
AXENCIA EUROPEA DE SEGURIDADE MARÍTIMA
- A data límite é o 30 de xuño de 2022
A Axencia Europea de Seguridade Marítima oferta prácticas por un período mínimo de tres meses e máximo de seis meses. Esta entidade ten como obxectivo mellorar o sistema xeral de seguridade marítima, así como reducir o risco de accidente marítimo, a contaminación mariña dos buques e a perda de vidas humanas no mar. Os requisitos xerais e mínimos para presentarse son os seguintes:
- Ser nacional dun Estado membro da UE, Islandia ou Noruega.
- Ter titulación universitaria.
- Deben ter un moi bo coñecemento do inglés e un coñecemento satisfactorio dunha segunda lingua comunitaria.
Na seguinte ligazón poderás acceder a toda a información aquí referida, así como tamén á solicitude en liña.
GUÍA DE PRÁCTICAS DA FUNDACIÓN GALICIA EUROPA
Na Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais poderás atopar máis información sobre diferentes oportunidades dentro da Unión Europea e noutros organismos internacionais.
