Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » O veto á pesca de fondo, unha decisión crítica para Galicia

O veto á pesca de fondo, unha decisión crítica para Galicia

27/09/2022 | ,

— A prohibición afecta potencialmente a 900 embarcacións galegas e a 200 de forma directa.

— A Xunta pídelle ao Goberno central que presente un recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE para solicitar unha suspensión temporal da norma.

Bruxelas, 22 de setembro de 2022. A Comisión Europea publicou o pasado 15 de setembro un regulamento executivo que prohibe a pesca de fondo en 87 zonas consideradas como vulnerables. O regulamento entrará en vigor o próximo 9 de outubro. Esta decisión ten uns efectos prexudiciais para o sector pesqueiro galego, parte dunha actividade, a marítima, que supón case un 5% do PIB de Galicia.

A decisión da Comisión ten o propósito de protexer o ecosistema mariño e busca garantir as poboacións de peixes nesas áreas no longo prazo, así como previr danos significativos nos ecosistemas acuáticos. Un ditame do Consello Internacional de Exploración Mariña (CIEM) inspira a decisión, pero non ten en conta datos moi relevantes. Por exemplo, o informe só emprega indicadores do mar do Norte e o Báltico, pero a lei aplícase noutras zonas.

A publicación do regulamento espertou moitas críticas no sector pesqueiro, golpeado duramente polo contexto económico actual, superando a crise da pandemia e afectado agora polo aumento da inflación e as consecuencias da invasión de Ucraína por parte de Rusia. As Administracións, os profesionais da pesca e outros eidos coinciden na necesidade de dar unha resposta común ante a Comisión, estudando todas as medidas posibles.

A decisión está motivada por un ditame que non ten en conta as áreas pechadas.

A Xunta loita contra o veto

Dende o momento en que se publicou o regulamento, a Xunta de Galicia está a reunirse co sector e estuda como reverter a situación. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou a petición unánime da frota galega a prol da presentación dun recurso estatal contra esta medida ante o Tribunal de Xustiza da UE, así como a súa suspensión temporal, unha demanda que a Xunta apoia. A representante do Executivo galego salientou que o Estado é un actor privilexiado, o que axilizaría a tramitación do recurso.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu todo o apoio da Xunta tanto ao posíbel recurso do Estado como ás medidas legais que adopten as empresas armadoras pola súa conta. Entre as iniciativas que levará a cabo a Xunta, destaca a busca aliados noutras autonomías e rexións europeas afectadas. Tamén se salientou que a frota galega afectada realiza unha pesca totalmente sustentable e compatible co coidado do medio ambiente.

Por parte do Goberno central, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, reuniuse co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, no Consello de Agricultura e Pesca do 26 de setembro. Tras o encontro, o ministro instou a revisar e suspender a aplicación do regulamento. Sinkevicius, pola súa parte, asegurou que calquera revisión virá acompañada dos datos científicos. Nese eido, o CIEM ten previsto publicar un novo informe sobre o asunto no mes de novembro.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data