- Fernández Mato defendeu as emendas galegas ao Ditame sobre “Propostas Lexislativas para despois do chequeo da política agrícola común”, elaborado polo Comité das Rexións
- Afirma que a reforma da Política Agrícola Común “é un asunto de gran calado para Galicia” posto que se refire a “un eixe de vital importancia” para a Comunidade Autónoma como é o eido agrario
- Galicia e Baleares foron as únicas comunidades que presentaron emendas ao texto dun ditame cuxa discusión será retomada en setembro
Na súa intervención, o secretario xeral de Exteriores demandou unha maior reflexión por parte de todos os representantes rexionais sobre un ditame arredor dun asunto –a reforma da PAC- “de gran calado” para Galicia. O secretario xeral sinalou que o eido agrícola é “un eixe de vital importancia” para moitas rexións “tanto en termos de produción como, especialmente, en termos de emprego”.
O secretario xeral agradeceu á ponente holandesa que presentou o ditame o feito de ter aceptado moitas das emendas presentadas desde a Xunta de Galicia ao texto. De feito, Galicia foi a única comunidade española xunto con Baleares que presentou propostas complementarias ao texto dun ditame, cuxa discusión será retomada en setembro no marco dunha nova sesión de traballo da DEVE.
Entre as propostas galegas, atópase a demanda da “necesidade de que se garanta unha reforma en profundidade das axudas directas que se destinan ao sector agrario, co obxectivo de que contribúan realmente a fomentar a cohesión social e territorial” e tamén a demanda de que se establezan novos criterios para a redistribución das axudas a “pequenas e medianas explotacións profesionais” co fin de que contribúan a “favorecer os plans de desenvolvemento rural dos territorios fomentando neles o equilibrio e a cohesión”.
Comisión de Desenvolvemento Sustentable (DEVE)
A Comisión de Desenvolvemento Sustentable (DEVE), encadrada no Comité das Rexións, ten como función esencial a elaboración de proxectos de ditame e de resolución que someten a consideración da súa asemblea plenaria. Os proxectos de ditame e as resolucións que se elaboran, ao abeiro desta Comisión, céntranse en materias relativas á Política Agrícola Común e ao desenvolvemento rural; á Pesca; á Sanidade; ao Medio Ambiente e recursos naturais; á Protección Civil; ao Turismo; e ás políticas a favor dos consumidores.
Esta Comisión está composta por un total de 102 membros e os seus suplentes proceden de gobernos rexionais (autonómicos no caso de España) e de concellos dos 25 estados membros da UE.