Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » O proxecto MATES presenta a estratexia de capacitación para as tecnoloxías marítimas en Bruxelas

O proxecto MATES presenta a estratexia de capacitación para as tecnoloxías marítimas en Bruxelas

04/04/2022 |

— O proxecto europeo MATES, coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar e cun gran número de socios galegos, presentou as súas conclusións finais en Bruxelas, tras catro anos de duración 

— A Fundación Galicia Europa apoiou a este proxecto desde o seu inicio

— A Xunta de Galicia aproveitou esta ocasión para presentar a Axenda Galega de Capacidades, coa que pretende axustar a formación para o emprego á demanda laboral, e o Estudo de Tecnoloxías Emerxentes para a transformación do emprego 

 

Bruxelas, a 4 de abril de 2022. O pasado 29 de marzo, o Centro Tecnolóxico galego do Mar-Fundación (CETMAR) organizou en Bruxelas a conferencia final do proxecto europeo MATES e, ao día seguinte, mantivo a súa última reunión de traballo na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

MATES é unha iniciativa que reuniu a 17 entidades de oito países europeos co obxectivo de pechar a brecha entre a oferta formativa e a demanda de capacidades nos sectores da construción naval e as enerxías renovables mariñas. Financiado con case 5 millóns de euros por Erasmus +, baixo a liña “Alianzas Sectoriais de Capacidades”, MATES contou tamén con máis de 200 expertos de distintos ámbitos.
 
Despois de catro anos de traballo conxunto, CETMAR e os seus socios deron a coñecer o impacto que está a alcanzar este proxecto. Administracións públicas, centros de educación, industria e investigación colaboraron na creación da estratexia de capacitación de MATES, así como nas 11 experiencias piloto deseñadas para probar a súa adaptación a diversos contextos. A Estratexia de Capacitación para as Tecnoloxías Marítimas ten por obxectivo facer fronte ás dificultades do sector da economía azul á hora de atopar man de obra cualificada. Pola súa banda, o Plan de Sustentabilidade pretende lograr o despregamento efectivo da devandita estratexia.
 
O evento deu voz a entidades como Navantia ou Marine Energy Wales que están xa utilizando os resultados do proxecto para mellorar a formación e atraer a novos traballadores nos sectores da construción naval e as enerxías renovables mariñas.
 
O proxecto MATES xurdiu debido a que a industria marítima, do mesmo xeito que outros sectores da economía azul, leva anos experimentando dificultades á hora de axustar a demanda de cualificación (é dicir, as necesidades do mercado laboral) á oferta de cualificación (é dicir, a oferta de formación nos centros educativos). Por conseguinte, desde 2018, este proxecto estivo traballando en reducir a brecha entre as necesidades laborais e as oportunidades de formación dispoñibles no campo das tecnoloxías marítimas, especificamente daquelas centradas na construción naval e na enerxía renovable de alta mar (tamén coñecida como “a enerxía  Off- shore”).
 
 

Presentación da Estratexia Galega de Capacidades 

Por parte da Xunta de Galicia, asistiron ao evento, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, e a subdirectora xeral de Formación para o Emprego, Antía Guillén, quen presentou os dous grandes instrumentos cos que Galicia está a renovar a súa oferta de formación para o emprego: a Axenda Galega de Capacidades e o Estudo de Tecnoloxías Emerxentes para a transformación do emprego. Estas liñas de traballo pretenden promocionar sectores emerxentes con proxección en termos económicos e de empregabilidade, especialmente en territorios marítimos como Galicia.
 
Na súa intervención, as representantes da Xunta subliñaron que a colaboración entre o sector público e privado é fundamental, xa que produce un efecto multiplicador á hora de adaptar a oferta de formación para o emprego ás demandas do tecido produtivo rexional.
 
 
 
Máis información 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data