Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos »
O programa de financiamento comunitario “TecEuropa” abre a inscrición para a súa décimo oitava edición
— O curso, en formato virtual, contará con contidos teóricos e prácticos sobre as opcións de fondos europeos dispoñibles para as entidades públicas e privadas
Bruxelas, 15 de maio de 2023. A Fundación Galicia Europa vén de abrir a inscrición para a decimo oitava edición do programa de especialización en financiamento europeo para entidades galegas “TecEuropa”. O curso celebrarase, en formato virtual, entre o 14 ao 23 de xuño.
“TecEuropa” é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia para entidades galegas, tanto públicas como privadas, que buscan especializarse na materia. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende o ano 2015, máis de 750 persoas participaron en total nas 17 edicións anteriores. Ao longo de catro sesións, os asistentes abordarán, da man de especialistas e representantes comunitarios, todos os aspectos relativos á política rexional e a posta en marcha das transicións verde e dixital. Poderán, ademais, identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, a través de programas como Horizonte Europa.
Malia mudar a un formato virtual dende o ano 2020, “TecEuropa” mantén o contido teórico e práctico característico dende a súa orixe. Así, a primeira xornada (mércores 14) contará con conferencias sobre a actualidade e os desafíos da Unión Europea coa participación de funcionarios da Comisión Europea. Os días seguintes (venres 16, mércores 21 e venres 23) terán un formato máis práctico, centrado nos diferentes programas de financiamento comunitario. Tamén contarase con obradoiros sobre convocatorias con exemplos de propostas.
Na páxina da Fundación Galicia Europa está dispoñible toda a información do programa e a ligazón para o rexistro.
Máis información: Xunta de Galicia
