• O presidente da Xunta foi elixido como relator do ditame sobre a revisión do Regulamento das Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT)
  • A atribución deste ditame significa o recoñecemento do Comité das Rexións ao traballo de cooperación entre Galicia e Portugal

Bruxelas, 26 de febreiro de 2010. Galicia redactará o ditame de iniciativa do Comité das Rexións sobre as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT). Este ditame, que revisa o regulamento que rexe as AECT, supón a participación de Galicia na definición do futuro da cooperación transnacional en Europa.


Jesús Gamallo durante a súa intervención na comisión COTER


A atribución deste ditame realizouse no contexto da reunión da comisión de Cohesión Territorial (COTER) do Comité das Rexións, na que participa o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, en representación do presidente da Xunta de Galicia.


Despois da tramitación interna habitual no Comité establecerase o calendario para o debate do ditame na comisión COTER e para a súa consideración pola plenaria deste organismo europeo.


Esta designación supón para a Xunta de Galicia un grande éxito, debido ao interese que suscitaba este informe dentro do CdR. Neste senso, Jesús Gamallo interviu para agradecer, no nome do presidente da Xunta, a confianza depositada en Galicia para a redacción de este importante documento. “O noso nomeamento como relatores significa o recoñecemento do Comité das Rexións da UE aos nosos traballos de impulso da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal”, incidiu Jesús Gamallo. O director xeral tamén quixo sinalar a recente posta en marcha da AECT Galicia Norte de Portugal, situada en Vigo, e que foi unha das primeiras AECT constituídas de Europa.


 


O regulamento sobre a AECT


O Regulamento 1082/2006 sobre a Agrupación Europea de Cooperación Territorial ten dado un pulo renovado á cooperación entre rexións europeas. Moitas delas, entre as que se atopa a Comunidade Autónoma de Galicia, teñen mostrado un grande interese en aplicar este instrumento xurídico europeo de recente adopción, polo que teñen adoptado un compromiso político e medidas técnicas de aplicación para a creación de AECTs no seu territorio.


A recente posta en marcha da AECT Galicia-Norte de Portugal, vai permitir que a cooperación entre ámbolos dous territorios se dote dunha estrutura administrativa estable, o que redundará no reforzo desta cooperación. Ademais, as AECT teñen xa un papel relevante na xestión de fondos europeos e desempeñan un papel claro de catalizador que impulsa ás entidades locais e rexionais a colaborar na presentación e xestión de proxectos conxuntos, o que axudará a fomentar unha maior conciencia europea a escala rexional e local.


 


Política de Cohesión e Fondos Europeos


Outra das materias de alto interese debatidas logo da reunión COTER en Bruxelas foi o ditame presentado polo secretario de Estado da rexión de Saxonia-Anhalt (Alemaña), Michael Schneider, sobre o futuro da política de cohesión. Dada a relevancia da materia Galicia contribuíu ao debate e fixo aportacións ao documento presentando varias emendas. Os textos suxeridos así como a intervención do director xeral destacan a necesidade de “asegurar os fondos europeos para as rexións que abandonen o obxectivo converxencia“, como será o caso de Galicia. Esta garantía debe existir, a xuízo da delegación galega, independentemente de cal sexa a futura arquitectura da política rexional. Neste senso e no marco do debate sobre a definición da política de cohesión a partir de 2013, Jesús Gamallo resaltou que Galicia “está liderando unha rede de rexións europeas que gozan do status converxencia e que, previsiblemente, o abandonarán a partires de 2013. Esta rede, denominada Rexións Converxencia Camiño da Cohesión, ten como obxectivo defender unha primeira axuda transitoria que permita unha “aterraxe suave” para as rexións que abandonan este obxectivo”.


 


COTER


A comisión de Cohesión Territorial (COTER), é unha das seis comisións nas que divide o seu traballo o Comité das Rexións. As súas competencias son a elaboración de proxectos de ditame e resolucións centradas en materias relativas as políticas de cohesión territorial, económica e social, fondos estruturais, turismo, cooperación interrexional e transfronteiriza, ordenación do territorio, política urbana, transportes e redes transeuropeas de transporte.