- A Fundación Galicia Europa organiza o cuarto encontro virtual do seu ciclo “Galicia na recuperación económica europea”
- Os novos fondos apoiarán a dobre transición dixital e ecolóxica e a aplicación das recomendacións dadas anualmente pola UE
Bruxelas, 7 de outubro de 2020. A Xunta de Galicia e a Comisión Europea reuníronse unha vez máis no ciclo de encontros virtuais posto en marcha pola Fundación Galicia Europa (FGE) a inicios de setembro. Nesta ocasión, para abordar o Plan de Recuperación para Europa acordado polos líderes europeos en xullo e, en especial, o seu instrumento temporal Next Generation EU (NGEU), que reforzará durante o primeiros tres anos o orzamento plurianual europeo 21-27.
Deste xeito, nove departamentos da Xunta puideron coñecer da man do director adxunto da Representación en España da Comisión Europea, Jochen Müller, os programas entre os que se distribuirá NGEU, así como os seus principais obxectivos: apoiar aos Estados membros na súa recuperación, relanzar a economía, mobilizar o investimento privado e extraer os ensinos da crise.
Posta en marcha dos fondos de recuperación europeos
Para financiar NGEU, a Comisión Europea prevé contraer, en nome da Unión, préstamos nos mercados de capitais por valor de 750 mil millóns de euros. Xunto ao orzamento plurianual da UE, supoñen unha inxección de 1,8 billóns de euros á economía europea. A maior parte de NGEU farase efectiva a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), que contará 672 500 millóns de euros dos cales 360 000 millóns asignaranse mediante préstamos e 312 500 en subvencións.
Este novo mecanismo ofrecerá apoio financeiro a gran escala para reformas e investimentos públicos que estean en sintonía coas prioridades da Unión, principalmente en materia de cohesión, sustentabilidade e dixitalización. Para acceder a el, os Estados deben redactar plans nacionais de recuperación e resiliencia que sexan acordes coas recomendacións específicas por país emitidas anualmente pola UE, así como coa dobre transición ecolóxica e dixital propugnada pola UE, á que deben ir destinados máis da metade dos fondos.
A cantidade restante de NGEU distribuirase entre outros programas de financiamento comunitario: 47 500 millóns aos actuais programas operativos de FEDER e FSE, 10 mil millóns ao novo Fondo de Transición Xusta, 7 500 millóns ao actual Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER), 5 600 millóns ao programa de apoio ao investimento privado InvestEU, 5 000 millóns ao programa de I+d+i Horizonte Europa e 1 900 millóns ao Mecanismo Europeo de Protección Civil.
Galicia na recuperación económica
Este encontro é o cuarto dun ciclo organizado pola FGE que ten como obxectivo achegar á administración galega as políticas europeas que guían o Plan de Recuperación para Europa e o novo marco financeiro plurianual 21-27. Os tres primeiros encontros versaron sobre o futuro Fondo de Transición Xusta, a nova estratexia industrial da UE e a próxima xeración de fondos de política rexional.