Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Reunións de Alto Nivel » O padroado da FGE aproba a memoria de actividades de 2025

O padroado da FGE aproba a memoria de actividades de 2025

15/06/2026 |

— A FGE pecha un 2025 de récord cun balance de 36 reunións de alto nivel entre a UE e a Xunta e máis de 46.000 beneficiarios

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe a reunión do padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), no que tamén participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; e o director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío.

Á xuntanza tamén asistiron os presidentes das deputacións de Ourense, Luis Menor (telematicamente), e Pontevedra, Luis López, para aceptar os seus novos cargos no padroado. Así mesmo, tomouse coñecemento do cambio na presidencia da Deputación de Lugo, que pasa a ser asumida por Carmela López.

O encontro analizou e aprobou a memoria de actividades de 2025 desta entidade de representación galega en Bruxelas. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE detallou as accións levadas a cabo pola FGE, destacando a organización de 36 reunións de alto nivel entre os máximos responsables da Xunta e as institucións europeas, así como o apoio directo en 27 reunións do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia asumiu a coordinación da delegación española.

Así mesmo, o balance do exercicio salientou a participación activa no debate sobre o futuro orzamento da UE (2028-2034), que introduce cambios significativos respecto ao actual e reorienta o gasto cara á competitividade, seguridade e defensa. A FGE elaborou dous documentos de posición autonómica —o posicionamento común das comunidades autónomas e a Declaración Galicia— orientados a protexer a gobernanza multinivel fronte ao risco de centralización.

Finalmente, na reunión referendáronse os resultados acadados pola Fundación, que en 2025 alcanzou os 46.000 beneficiarios. Entre os fitos do exercicio destaca a formación en financiamento comunitario de preto de 50 profesionais galegos a través do programa TecEuropa, a xestión de 5 bolsas de prácticas en asuntos europeos, e o apoio loxístico prestado na capital belga a catro entidades galegas, entre elas FEUGA e Conxemar. Así mesmo, a Fundación reforzou o seu impacto divulgativo ao superar os 26.000 usuarios na web e implicar a 286 mozos e mozas a través da estratexia EuroXuventude.

Novo centro Europe Direct Galicia

A FGE aumentou nun 11% o número de seguidores en redes sociais o pasado ano, nas que alerta de oportunidades europeas e desenvolve unha labor de divulgación sobre as políticas comunitarias. Preto de 300 mozos participaron ademais nas actividades de EuroXuventude, a oficina de información europea para a mocidade galega.

Os máis de 30 anos de experiencia da FGE en informar e sensibilizar sobre a UE en Galicia servíronlle para ser designada a finais de 2025 como centro Europe Direct Galicia, formando parte así da rede oficial de 37 entidades que en España actúan de ponte entre as institucións comunitarias e a cidadanía. Apoiados pola Comisión Europea, estes centros facilitan información, atención directa e espazos de debate sobre as políticas e valores da Unión Europea adaptados ao contexto local.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

© Xunta de Galicia, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas