Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas »O paquete de primavera do Semestre Europeo de 2025 ofrece orientacións para impulsar a competitividade da UE
Bruxelas, 4 de xuño de 2025
O paquete de primavera do Semestre Europeo de 2025 analiza os principais retos económicos e sociais de toda a UE e ofrece orientacións políticas aos Estados membros co obxectivo de reforzar a competitividade, a prosperidade e a resiliencia. Para ese efecto, inclúe recomendacións específicas por país (REP) e promove reformas e investimentos acordes coas prioridades da UE.
A proposta de orientacións políticas presentadas pola Comisión Europea coinciden cunha contorna comercial e de seguridade especialmente volátil, e están estreitamente vinculadas ao Compás para a Competitividade, que é a folla de roteiro quinquenal da Comisión para reforzar a resiliencia e a posición mundial da UE. O paquete presentado hoxe tamén representa a primeira avaliación dos avances dos Estados membro e dos seus plans fiscais e estruturais segundo o novo marco de gobernanza económica. Nun contexto de crecentes retos en materia de seguridade, tamén se recorre por primeira vez á cláusula nacional de salvaguardia con arranxo ao Pacto de Estabilidade e Crecemento. O obxectivo desta cláusula é facilitar a transición cara a un maior gasto en defensa, salvagardando ao mesmo tempo a sustentabilidade orzamentaria.
Recomendacións específicas aos Estados membros
Os informes por país de 2025 avalían a evolución económica, social e do emprego en cada Estado membro, en consonancia coas prioridades establecidas no Compás para a Competitividade. Anímase aos Estados membros para estimular a súa competitividade colmando a brecha en innovación, avanzando na descarbonización en consonancia co Pacto por unha Industria Limpa, reducindo as dependencias excesivas e mellorando a seguridade e a resiliencia, entre outras cousas mediante o fomento das capacidades de defensa e a promoción dunhas cualificacións e empregos de calidade, á vez que se vela pola equidade social.
Para apoiar a competitividade en todos os sectores, o Compás para a Competitividade establece cinco facilitadores horizontais que tamén se recollen nas recomendacións específicas por país, adaptadas a cada Estado membros.
Os informes por país deste ano tamén fan balance da execución dos plans de recuperación e resiliencia (PRR) e dos programas da política de cohesión. O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) finaliza en 2026, polo que é esencial unha aplicación rápida e específica, e a maioría dos Estados membros deben acelerar os avances. Paralelamente, a Comisión publica hoxe unha Comunicación sobre o MRR para 2026, para ofrecer orientacións aos Estados membro para que poidan poñer fin ao instrumento sen contratempos e de maneira satisfactoria. A Comisión tamén pretende acelerar a execución da política de cohesión, centrándose nas prioridades estratéxicas da revisión intermedia.
Tendo en conta os obxectivos políticos da UE, as recomendacións específicas por país deste ano facilitan orientacións adaptadas ás necesidades concretas de cada Estado membro. Tamén reflicten a escala e a urxencia das medidas necesarias, en tres ámbitos fundamentais: i) a política fiscal, incluídas as reformas para aumentar a eficacia da política fiscal e o gasto público, ii) a execución do PRR e dos programas da política de cohesión, e iii) os retos estruturais pendentes ou de recente aparición, centrándose no Compás para a Competitividade.
Reforzo da sustentabilidade fiscal
O paquete do Semestre Europeo de primavera de 2025 conclúe o primeiro ano completo de supervisión macroeconómica con arranxo ao novo marco de gobernanza e avalía os avances dos Estados membros na execución dos seus plans estruturais de política fiscal a medio prazo presentados o pasado outono. A Comisión constata o cumprimento comparando o crecemento previsto do gasto neto cos límites máximos establecidos polo Consello ou descritos nos plans nacionais.
O paquete deste ano subliña a flexibilidade do novo marco para afrontar retos imprevistos. No marco do Plan ReArmar Europa / Preparación 2030, presentado en marzo de 2025, a Comisión propuxo activar a cláusula nacional de salvaguardia, que permite aos Estados membroS superar temporalmente as taxas máximas de aumento do gasto neto para estimular o gasto en defensa. * A pedimento de quince Estados membros (Bélxica, Bulgaria, Chequia, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Grecia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia e Portugal), a Comisión adoptou hoxe recomendacións destinadas ao Consello para a activación da cláusula nacional de salvaguardia para os países en cuestión.
Supervisión fiscal
Polo que se refire aos Estados membros sometidos a procedemento de déficit excesivo, a Comisión considera que, no caso de Francia, Italia, Hungría, Malta, Polonia e Eslovaquia, non é necesario adoptar polo momento novas medidas no marco do procedemento de déficit excesivo para estes países.
No caso de Bélxica, tras a presentación do seu plan a medio prazo, a Comisión recomendou unha nova senda correctora, agora pendente de adopción polo Consello. Aínda que o aumento previsto do gasto neto de Bélxica en 2025 supera o límite máximo desta recomendación, mantense dentro da flexibilidade que ofrece a cláusula nacional de salvaguardia.
En cambio, o crecemento do gasto neto de Romanía sitúase moi por encima do límite máximo fixado na súa traxectoria correctora, o que expón riscos claros para corrixir o seu déficit excesivo de aquí a 2030. Por conseguinte, a Comisión recomenda que o Consello adopte unha decisión indicando que Romanía non tomou medidas eficaces.
A Comisión tamén avaliou os avances na aplicación dos plans a medio prazo de dezaoito Estados membro. Considérase que doce Estados membros (Austria, Bulgaria, Croacia, Chequia, Dinamarca, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Grecia, Letonia, Lituania e Suecia) cumpren o crecemento máximo do gasto neto recomendado, tendo en conta, se procede, a flexibilidade en virtude da cláusula nacional de salvaguardia. Portugal e España cumpren en liñas xerais, con desviacións limitadas con respecto ás súas traxectorias recomendadas. Con todo, no caso de Chipre, Irlanda, Luxemburgo e os Países Baixos, a Comisión considera que existe un risco de desviación con respecto ás taxas de crecemento máximas recomendadas polo Consello.
A Comisión tamén elaborou un informe de conformidade con o artigo 126, apartado 3, do Tratado de Funcionamento da UE (TFUE) para avaliar o cumprimento do criterio de déficit do Tratado en catro Estados membros (Austria, Finlandia, Letonia e España). Á luz da avaliación contida no informe, está xustificado incoar un procedemento de déficit excesivo no caso de Austria. Tras examinar o ditame do Comité Económico e Financeiro, a Comisión ten previsto propoñer ao Consello a apertura de procedementos de déficit excesivo baseados no déficit para Austria e de propoñer ao Consello recomendacións para poñer fin á situación de déficit excesivo.
Recomendacións a España
No marco deste Paquete de Primavera do Semestre Europeo 2025 a Comisión fixou varias recomendacións a cada Estado membro. No caso de España son 6:
- Reforzar o gasto global en defensa e preparación, en consonancia coas Conclusións do Consello Europeo do 6 de marzo de 2025.
- Acelerar a execución dos fondos do MRR (Mecanismo de Recuperación e Resiliencia) e dos programas da política de cohesión (FEDER, FTJ e FSE ).
- Simplificar a normativa e reducir a carga administrativa para cidadáns e empresas.
- Mellorar a xestión hidrolóxica co obxectivo de adaptarse para os efectos presentes e futuros do cambio climático.
- Aumentar a oferta de vivenda. Recoméndase construír máis vivendas sociais e alcanzables.
- Reducir a pobreza infantil e a falta de adecuación das capacidades, dada a falta de coordinación entre as necesidades do sector laboral e a preparación e formación das persoas.
Fonte: Comisión Europea
Máis información:
SJM