Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » I+D+i » O papel da Comisión Europea en materia de innovación do sector da economía azul

O papel da Comisión Europea en materia de innovación do sector da economía azul

22/11/2021 | ,

  • Para a consecución do Pacto Verde Europeo é imprescindible ter en conta o alto potencial de emprego e de crecemento que ofrecen os sectores marítimos e mariños, especialmente a través das estratexias das concas marítimas. Por iso, débese investigar en alternativas sostibles que reduzan as emisións de carbono tamén nestes sectores.
  • O programa marco Horizonte Europa inclúe unha Misión sobre Océanos e Augas destinada a financiar proxectos para protexer os ecosistemas mariños, previr a contaminación das augas e lograr que a economía azul sexa circular e sostible.
  • No marco da innovación cobran especial relevancia a dixitalización (como medio para aumentar o coñecemento sobre o medio mariño) e as colaboracións público-privadas.
  • A Comisión Europea e os programas nacionais de I+i crearon un partenariado en materia de Economía Azul Sostible para aproveitar todas as oportunidades socioeconómicas e científicas que ofrece o sector mariño europeo, á vez que se garante a súa preservación a longo prazo.
Bruxelas, 22 de novembro de 2021. A innovación no sector da economía azul consiste, fundamentalmente, no impulso da pesca con emisións climaticamente neutras. A este respecto, a  DG de Investigación e Innovación da Comisión Europea conta cunha Unidade de Océanos e Mares Saudables responsable de profundar nesta materia e atopar novas alternativas para que as actividades do sector mariño e marítimo sexan máis sostibles e  resilientes. 
 
A maior parte de investigación e innovación pesqueira na UE finánciase a nivel rexional ou nacional. Pola súa banda, a Comisión Europea traballa en prol da consecución de obxectivos comúns como o rendemento máximo sostible, o bo estado ambiental, a preservación dos ecosistemas e a ambición climática da UE. 
 
Deste xeito, a Comisión apoia unha ampla carteira de proxectos para abordar o impacto do cambio climático sobre a pesca e a acuicultura, con especial  atención aos proxectos que impulsan a transición destes sectores cara a unha economía neutra en carbono. Dous exemplos deste tipo de proxectos serían o proxecto ClimeFish (destinado a  co-crear un marco de apoio para garantir a produción pesqueira sostible en Europa a pesar do impacto do cambio climático) e o proxecto CERES (destinado a garantir a dispoñibilidade e o abastecemento de recursos  acuáticos europeos a pesar do aumento das temperaturas mariñas).
 
Actualmente a Comisión Europea ten varias convocatorias en curso:
  • Convocatoria sobre alimentos innovadores procedentes do ecosistema mariño e de augas libres: cun orzamento de aproximadamente 6  M € por proxecto (18  M € en total).
  • As convocatorias da Misión de Horizonte Europa sobre Océanos e Augas: as misións polo xeral son visións estratéxicas no marco do programa Horizonte Europa. Das cinco misións existentes, dúas son pertinentes no eido mariño: a referida á conservación e restauración dos océanos e das augas e a referida á  adaptación ao cambio climático. Estas misións teñen como obxectivo abordar estas cuestións con mobilización social moi alta, con accións non soamente no marco da investigación e a innovación, senón tamén mediante políticas e iniciativas lexislativas.
Os obxectivos da misión para restaurar os océanos e as augas de aquí a 2030 son:
  • Protexer e restaurar os ecosistemas mariños e de auga doce e a biodiversidade en liña coa  Estratexia de Biodiversidade da UE a fin de:
    • Protexer un mínimo do 30% da superficie mariña da UE e integrar corredores ecolóxicos, como parte dunha verdadeira Rede  Transeuropea de Espazos Naturais.
    • Protexer estritamente polo menos o 10% da superficie mariña da UE.
    • Restaurar polo menos 25.000 km de ríos de curso libre.
    • Contribuír aos próximos obxectivos pertinentes de restauración da natureza mariña, incluídos os hábitats degradados dos fondos mariños e os ecosistemas costeiros.
  • Previr e eliminar a  contaminación dos nosos océanos, mares e augas, de acordo co Plan de Acción da UE para a Contaminación Cero:
    • Reducir polo menos nun 50% os residuos plásticos no mar.
    • Reducir polo menos un 30% os microplásticos liberados no medio ambiente.
    • Reducir polo menos un 50% as perdas de nutrientes, o uso e o risco dos praguicidas químicos.
  • Facer que a economía azul sexa neutra en carbono e circular, de acordo coa Lei Europea do Clima:
    • Eliminar as emisións de gases de efecto invernadoiro das actividades  económicas marítimas na UE e reducir as emisións que non poidan evitarse.
    • Desenvolver unha acuicultura con cero emisións de carbono e de baixo impacto, e promover un uso circular e polivalente do espazo mariño e  acuático con baixas emisións de carbono.
Estes son os tres obxectivos que a Comisión Europea pretende alcanzar para 2030, polo que o prazo é moi curto, o que significa que se necesitará unha mobilización masiva para alcanzalos. Deste xeito, a posta en práctica desta Misión non só debe realizarse a través dos esforzos da UE ou dos programas nacionais, senón tamén en gran medida a nivel rexional e coa colaboración dos sectores público-privados.
 
Así mesmo, como habilitadores transversais están, por unha banda, a promoción dun sistema de coñecemento dixital dos océanos e as augas e, doutra banda, a mobilización e o compromiso do sector público.
 
Prevese poñer en marcha esta misión mediante a implementación de catro «faros» en grandes concas marítimas e fluviais para poñer a proba, demostrar e despregar solucións para alcanzar os obxectivos da misión:
  1. Conca do Danubio: comezárase con esta conca do Danubio na primeira fase e logo a idea é expandirse ás demais concas marítimas, acuáticas e oceánicas europeas. 
  2. Conca marítima do Atlántico e o Ártico: concentrárase no obxectivo de restaurar os océanos e augas e apoiar a resiliencia das nosas zonas costeiras, especialmente fronte a subida do nivel do mar. 
  3. Conca marítima do Mediterráneo: centrárase no obxectivo de facer fronte á  contaminación marítima. 
  4. Conca marítima do Báltico e do Norte: centrárase no obxectivo de descarbonizar o sector mariño e marítimo. 
Isto non significa que cada “faro” soamente considere eses obxectivos, de feito, todos os obxectivos son relevantes para todas as concas marítimas, pero para ser rápidos e empezar coas accións masivas, a Comisión Europea propón empezar en cada conca  marítima cun dos obxectivos e logo estenderse cara ao resto das concas marítimas e augas europeas. 
 
O programa Horizonte Europa será unha inversión de fondos notables para o próximo  ano, por exemplo, prevese unha inversión de máis de 1 000 millóns de euros nesta misión en particular e ademais investiranse cantidades similares nas outras catro misións de Horizonte Europa. 
 
Con todo, isto é só o principio, a misión NON débese levar a cabo de maneira exclusiva polo programa Horizonte Europa, senón que deben contribuír con asignacións dos fondos estruturais, dos programas de investigación e innovación mariña e marítima, do programa LIFE e con outros a nivel nacional e rexional. 
 
Actualmente, a Comisión Europea está preparando a firma dunhas orientacións políticas (political  charters) para cada unha das concas marítimas, pero o obxectivo posterior é convidar a todos os gobernos nacionais e rexionais, así como a todas as partes interesadas do sector público e privado, a participar na firma destas orientacións (que se ultimarán no transcurso do ano 2022). 
 
Así mesmo, convén destacar que, no marco da Presidencia francesa do Consello, espérase a celebración do One  Ocean  Summit en febreiro de 2022, que  será sen dúbida un fito importante para os sectores da economía azul. 
 
Por último, convén mencionar os partenariados de Horizonte Europa, que se tratan de asociacións entre a Comisión Europea e os programas nacionais de investigación e  innovación. Existen máis de 40 partenariados, pero hai un partenariado dedicado  especificamente á  Economía Azul Sostible, con catro obxectivos xenerais que son: aliñar as prioridades e investimentos en toda Europa, cooperar entre sectores  socioeconómicos e disciplinas científicas, proporcionar coñecementos para un desenvolvemento sostible da economía azul e transformar o sector marítimo nunha  economía azul máis dixital, baseada no coñecemento, neutra desde o punto de vista climático e sostible. 
 
As convocatorias de propostas para a participación neste partenariado comezarán a partir do próximo ano e estarán baseadas nunha axenda  estratéxica de investigación e  innovación con tres eixos: 1) a  economía azul en harmonía coa natureza, 2) as solucións de economía azul cara á neutralidade climática e 3) unha economía azul próspera para a xente. Ademais, existe un cuarto piar transversal que aborda a cuestión da gobernanza integrada dos océanos e a capacidade de resposta. 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data