- O propósito do Mecanismo de Transición Xusta é mitigar as
consecuencias sociais e económicas nas rexións máis afectadas pola transición
ecolóxica.
- Está formado por tres piares: un Fondo de Transición Xusta, un
réxime de transición xusta específico no marco de InvestEU e un instrumento de
préstamo ao sector público.
- Xa foron acordadas as propostas lexislativas dos tres piares,
as cales teñen que ser finalmente aprobadas polo Parlamento Europeo e o Consello.
- Os Estados membros poderán acceder ao financiamento do
Mecanismo unha vez que as propostas lexislativas entren en vigor e tras a aprobación
dos seus Plans Territoriais de Transición Xusta.
Bruxelas, 12 de maio de 2021-Aínda que todas as rexións precisarán financiamento para a
transición verde, non todas elas asumirán este proceso do mesmo xeito. Para
moitos territorios, esta transición suporá unha transformación en profundidade
das súas economías, cambios estruturais nos modelos de negocio e novos
requisitos en materia de cualificacións.
Co ánimo de abordar os retos específicos que teñen que afrontar as
rexións máis afectadas, a Comisión Europea vai poñer en marcha un Mecanismo
para unha Transición Xusta, que ofrece apoio específico mediante tres
piares: un Fondo de Transición Xusta, que concederá subvencións; un réxime de
transición xusta específico no marco de InvestEU,
que atraerá o investimento privado; e un instrumento de préstamo ao sector
público, que mobilizará o investimento público.
1.1) Fondo de Transición Xusta
Trátase dun fondo moi específico que beneficiará
a territorios altamente dependentes de industrias que non teñen cabida no
proceso de transición verde (produción de carbón, grandes emisións de gases
de efecto invernadoiro) e nos que a desaparición destas industrias implica
custos sociais e económicos catastróficos dada a inexistencia doutras
actividades económicas transcendentes na área.
O FTX concederá subvencións ás zonas máis vulnerables para afrontar
os desafíos e custos que xerará o proceso de cambio e utilizarase no marco
da política de cohesión, sendo os seus fondos empregados en réxime de
xestión compartida.
O FTX conta cun orzamento de 17 500 millóns de euros, máis existe a posibilidade
de que os seus recursos sexan incrementados con posterioridade ó 31 de decembro
de 2024. Neste suposto, introduciríase un Mecanismo de recompensa
ecolóxica ligado á redución das emisión de gases de efecto invernadoiro
lograda nas rexións de apoio do FTX, de xeito que aquelas que presenten unhas
reducións maiores recibirán máis financiamento.
As
asignacións por Estado membro son establecidas no regulamento do FTX. A
asignación prevista para España é de 790 millóns de euros.
Ademais, o acceso ó FTX estará supeditado á adopción dun obxectivo
nacional para a consecución da neutralidade climática para 2050 a máis tardar.
Para os Estados membro que aínda non adoptasen este obxectivo, só se liberará o
50% da súa asignación nacional, mentres que o 50% restante só se porá a
disposición unha vez que se adopte tal obxectivo.
Se así se considera, o orzamento do FTX verase complementado de maneira
voluntaria polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ou polo Fondo
Social Europeo Plus (FSE+), e o cofinanciamento nacional segundo o establecido
polas normas da política de cohesión. En
ningún caso, os recursos transferidos poderán exceder o triplo do importe da
axuda do FTX.
O cofinanciamento será dun 85% nas rexión menos desenvolvidas, dun 70% nas
rexións en transición e dun 50% nas rexións máis desenvolvidas. Ademais, o BEI poderá financiar parte da contribución nacional dos Estados
membros a través de préstamos para programas estruturais, tal e como se fai na
política de cohesión.
Os territorios beneficiados serán en
todo caso NUTS 3 (provincias), que serán designados polos Estados
membro nos seus Plans Territoriais de Transición xusta sobre a base do Anexo D
do “Informe País” saído á luz no contexto do Semestre Europeo. Os Estados
membros asignaran aos seus territorios beneficiarios cantidades especificas das
súas asignacións nacionais.
O FTX financiará
exclusivamente as actividades designadas no artigo 4 do seu regulamento:
- Investimentos
- En pemes, incluídas as empresas emerxentes, que
dean lugar a unha diversificación económica e a unha reconversión.
- En pemes, incluídas as empresas emerxentes, que
- Na creación de novas empresas.
- En I+i e fomento da transferencia de tecnoloxías
avanzadas.
- En I+i e fomento da transferencia de tecnoloxías
- No despregamento de tecnoloxías e infraestruturas
para unha enerxía limpa accesible, na reducións das emisións de gases de
efecto invernadoiro, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.
- No despregamento de tecnoloxías e infraestruturas
- En dixitalización e conectividade dixital.
- Na rexeneración e descontaminación de
emprazamentos, proxectos de rehabilitación e de reorientación de terras.
- Na rexeneración e descontaminación de
- Na mellora da economía circular.
- Actividades relacionadas coa mellora de capacidades e reciclaxe
profesional de traballadores, a asistencia a aqueles que procuran emprego,
a inclusión activa dos solicitantes de emprego e a asistencia técnica.
Despois das
negociacións mantidas entre Parlamento Europeo e Consello, ampliouse
lixeiramente o ámbito de elixibilidade para incluír ás microempresas, ás
universidades e ás institucións públicas de investigación e a outras
infraestruturas sociais que impliquen creación de emprego e diversificación
económica. Tamén se financiarán investimentos en mobilidade intelixente e
sostible e a rehabilitación da rede de calefacción urbana, sempre que se
considere necesario para acompañar a transformación das economías locais.
Non poderán
recibir financiamento do FTX as actividades incluídas no artigo 5 do seu
regulamento:
- O desmantelamento ou construción de centrais nucleares.
- A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e
produtos do tabaco.
- As empresas en crise, a non ser que se traten de empresas en crise que
poidan recibir apoio de conformidade coas normas temporais da UE sobre
axudas estatais establecidas para abordar circunstancias excepcionais ou
de conformidade coas normas de minimis, para apoiar
investimentos que reduzan os custos de enerxía no contexto da transición
enerxética.
- Os investimentos relacionados coa produción, a transformación, a
diminución, o almacenamento e a combustión de combustibles fósiles.
- Os investimentos en infraestruturas de banda ancha en zonas nas que
haxa polo menos dúas redes de banda ancha de categoría equivalente.
1.2) Réxime de Transición Xusta
específico no marco de InvestEU
Proporcionará un sistema para xerar
investimentos adicionais en beneficio das rexións de transición xusta, que será
complementario do Fondo de Transición Xusta (Piar 1) e do instrumento de
préstamo ó sector público (Piar 3). Mediante este réxime será posible apoiar os
investimento nestas rexións a través de calquera dos eixos de actuación de
InvestEU, en función das necesidades específicas determinadas polos Estados
membros nos seus Plans Territoriais de Transición Xusta.
O apoio estará orientado a investimentos
viables dende o punto de vista económico por parte de entidades do sector
público e privado e realizarase a través dos instrumentos financeiros de
InvestEU propostos polos socios executantes do programa. O 75% do programa será
executado polo BEI, pero outras institucións tamén poderán converterse en
socios financeiros, como poden ser os organismos nacionais de promoción (v.g.
ICO) ou entidades financeiras como o Banco Europeo de Reconstrución e
Desenvolvemento (EBRD) ou o Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa
(CEB).
Apoiará o financiamento de proxectos de
infraestruturas de enerxía e de transporte, incluídas as infraestruturas de gas
e a calefacción urbana, de descarbonización, a diversificación económica das
rexións ou as infraestruturas sociais .
Financiaranse proxectos en rexións
consideradas de transición xusta e definidas como tales nos Plans Territoriais,
pero tamén outros proxectos que beneficien a esas rexións, a condición de que a
concesión do financiamento fóra dos territorios beneficiarios do réxime de
transición xusta sexa esencial para a transición nestes últimos (v.g. proxectos de infraestruturas de
transporte ou enerxía que melloren a conectividade dos territorios beneficiarios do réxime de
transición xusta).
1.3) Instrumento de préstamo ao sector
público do BEI
Será executado conxuntamente pola
Comisión Europea e o BEI e consistirá nun compoñente de subvención por un
valor de preto de 1 525 millóns de euros do orzamento da UE e un compoñente de
préstamo do BEI de ata 10 000 millóns de euros, con cargo ós seus recursos
propios. Despois de que a súa proposta lexislativa entre en vigor, e tras a
firma dun acordo administrativo entre a Comisión e o BEI, o instrumento estará
finalmente operativo.
A Comisión Europea, a través da súa Axencia
Executiva Europea do Clima (CINEA), xestionará en réxime de xestión directa o
compoñente de subvención do instrumento e o BEI proporcionará o compoñente de
préstamo, de conformidade cos procedementos do propio Banco. Debe garantirse
o financiamento do BEI para recibir a subvención e só poderán optar ás
axudas os proxectos que non son economicamente viables (e que, polo tanto, non
poderían financiarse sen o apoio da subvención)
O compoñente de subvención estará
dispoñible para os proxectos elixibles dos Estados membros en resposta a
convocatorias de propostas que non superen as cotas nacionais ata o 31 de
decembro de 2024. A partir desta data, poranse en marcha convocatorias a escala
da UE cos recursos restantes. As primeiras convocatorias de propostas
no marco do Instrumento deberían publicarse no segundo semestre de 2021.
Ademais, os beneficiarios poderán
recibir asesoramento para a preparación, desenvolvemento e execución dos
proxectos que poden recibir unha subvención a través do centro de asesoramento
creado no marco de InvestEU.
Os proxectos elixibles serán os
investimentos do sector público en rexións de transición xusta definidas como
tales polos Plans Territoriais de Transisción Xusta, pero tamén outros
proxectos que beneficien a esas rexións, a condición de que a concesión do
financiamento fóra dos territorios beneficiarios do réxime de transición xusta
sexa esencial para a transición nestes últimos. Entre os investimentos que se
apoiarán figurarán as infraestruturas enerxéticas e de transporte, as redes de
calefacción urbana, as medidas de eficiencia enerxética e as infraestruturas
sociais, aínda que tamén poderán incluírse outros sectores.
2) OS PLANS TERRITORIAIS DE TRANSICIÓN
XUSTA
O acceso ao financiamento dos tres Piares garantirase mediante os Plan
Territoriais de Transición Xusta, que determinarán as necesidades de
desenvolvemento dos territorios afectados pola transición climática de maneira coherente
cos Plans Nacionais de Enerxía e Clima dos Estados membros.
Exporán de
forma detallada os retos sociais, económicos e medioambientais derivados da
supresión progresiva das actividades relacionadas cos combustibles fósiles ou
da descarbonización dos procesos ou produtos que xeren grandes cantidades de
gases efecto invernadoiro.
Ademais,
describirán o proceso de transición ata o ano 2030, especialmente:
- As necesidades de desenvolvemento, a
reciclaxe profesional e a rehabilitación do medio ambiente.
- A estratexia para dar resposta a
estas necesidades de maneira integrada.
- O calendario de transición.
- Os tipos de operacións
previstas.
- Os mecanismos de gobernanza.
Estes Plans, que serán entregados á Comisión Europea para a súa aprobación,
están sendo elaborados polos Estados membros sobre a base do Anexo D do
“Informe País”, publicado en febreiro no contexto do Semestre Europeo. Este
recollía tanto as accións prioritarias elixibles polo FTX como as zonas que
poderían resultar beneficiarias, tal e como é o caso da provincia de A
Coruña, identificada como unha das áreas nas que “parece xustificado que
o Fondo de Transición Xusta concentre a súa intervención”. A Comisión
Europea asegurarase de que estes territorios aparezan nos Plans Territoriais,
pero os Estados membros poderán engadir máis territorios sempre que exista unha
xustificación sólida e fundamentada na transición verde.
A día de hoxe, ningún Estado membro
presentou o seu Plan de Transición Xusta.
3) A PLATAFORMA DE TRANSICIÓN XUSTA
En xuño de 2020, a Comisión Europea poñía en marcha a Plataforma
Europea de Transición Xusta, herdeira da antiga Plataforma de rexións
dependentes do carbón, da que Galicia formaba parte dende outubro de 2019. Esta
nova Plataforma permitirá a participación de rexións dependentes doutros
combustibles fósiles, como o petróleo de esquisto ou a turba, e de rexións
intensivas en carbono, que contan con industrias como a do aceiro, cemento,
aluminio ou a produción de papel.
A Plataforma Europea de Transición Xusta servirá como punto de
acceso á información relevante sobre a transición verde, facilitará o
intercambio de coñecementos e boas prácticas e proporcionará asesoramento
técnico ás rexións europeas e ós Estados membros, de maneira coordinada coa
Comisión Europea e o BEI, para, por exemplo, poñer en funcionamento os Plans
Territoriais de Transición Xusta ou unha reserva de proxectos que poidan ser
financiados mediante o Mecanismo de Transición Xusta.
4) FLEXIBILIZACIÓN DO RÉXIME DE AXUDAS ESTATAIS
Tal e como sinalan as Directrices sobre axudas
estatais de finalidade rexional (DAR) 21-27, “nos territorios máis afectados
pola transición climática, as vantaxes estruturais das que dispoñen as grandes
empresas poderían non ser suficientes para acadar o nivel de investimento vital
que garanta unha transición socioeconómica equilibrada e ofrecer suficientes
oportunidades de emprego para compensar as perdas de postos de traballo
derivadas do peche de actividades económicas provocado pola transición ”
Debido a isto, nas zonas c poderán considerarse
tamén compatibles co mercado interior as axudas rexionais a grandes empresas
que impliquen (ver esquema):
- A diversificación da produción dun establecemento a
produtos que anteriormente non se producían no establecemento.
- Un cambio fundamental no proceso xeral de
produción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento.
Sempre que se cumpran as seguintes tres condición
de maneira acumulativa:
- Debe tratarse dun investimento inicial nun
territorio designado de transición xusta nunha zona c con un PIB per cápita
inferior ao 100% da media da UE-27.
- O investimento e o beneficiario teñen que estar
designados no Plan Territorial de Transición Xusta, no que debe demostrarse os
investimentos nestas empresas son precisos para compensar a perda de postos de
traballo debida a transición que non poida compensarse coa creación de emprego
nas pemes.
- A axuda estatal para o investimento ten que estar
cuberta polo Fondo de Transición Xusta ata o máximo permitido. No suposto
galego, isto implicaría unha intensidade de axuda máxima do 15%
Contexto
O
Pacto
Verde Europeo establece unha nova estratexia de crecemento
destinada a transformar a UE nunha sociedade equitativa e próspera, que mellore
a calidade de vida das xeracións presentes e vindeiras, cunha economía
eficiente en recursos e competitiva, na que non haberá emisións netas de gases de
efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estará disociado do
uso de recursos. Configúrase, ademais, como un elemento clave na
recuperación tras a crise sanitaria, dado que o 30% dos fondos da UE, tendo
en conta tanto o orzamento a longo prazo como o instrumento temporal de
recuperación “Next Generation EU” terán que ser destinados á loita contra o
cambio climático.
O Pacto
Verde Europeo será financiado mediante o Plan de Investimento para unha Europa Sostible (PIES), o marco de fondos públicos (nacionais e europeos) e
privados que axudarán a impulsar a transición cara a unha economía
climaticamente neutra. O seu elemento máis importante e o Mecanismo de
Transición Xusta, pretende mobilizar máis de 100 000 millóns de euros en
investimento entre 2021-2027 a través dos seus tres piares.
Máis información
- Texto acordado entre Parlamento Europeo e Consello sobre o
Regulamento polo que se establece un Fondo de Transición Xusta
- Regulamento polo que se establece o Programa InvestEU
- Texto
acordado entre Parlamento Europeo e Consello sobre o Instrumento de
Préstamo ao sector público