sobre os dereitos da infancia
Bruxelas, 2 de marzo de 2010. O director xeral de Relacións
Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión CIVEX
no Comité das Rexións en Bruxelas. Esta comisión ten como principais materias de
traballo a aplicación do Tratado de Lisboa, os asuntos institucionais, as
relacións exteriores, o espazo de liberdade, a seguridade e xustiza, a Carta dos
Dereitos Fundamentais da UE, a cidadanía activa, a cooperación descentralizada
para o desenvolvemento e a ampliación.
Durante esta reunión de comisión analizouse o programa de traballo para 2010.
Este ano, a Comisión CIVEX centrará a súa atención no proceso de aplicación do
Tratado de Lisboa, o goberno a múltiples niveis, o proceso de ampliación, a
política europea de veciñanza, a política de desenvolvemento e a cooperación
descentralizada. Ademais traballará para reforzar o diálogo interinstitucional
coa Comisión Europea, co Parlamento Europeo e coas Presidencias española e
belga, como requisito indispensable para garantir a repercusión das opinións e
recomendacións do CdR.
Galicia promoverá a inclusión na axenda da comisión das relacións entre a UE
e América Latina, nun contexto de creación de novas estruturas de cooperación en
Iberoamérica e de impulso e diálogo entre os 27 estados membros da UE e
Mercosur.
Ademais, durante a reunión aprobáronse dous proxectos de ditame referidos á
estratexia e retos principais da ampliación a países candidatos e de países
candidatos potenciais, e examinouse un documento de traballo sobre a protección
dos dereitos da infancia na UE.
Cabe destacar que o primeiro dos ditames sinala que o proceso de ampliación
constitúe un factor importante para garantir a paz e a estabilidade no
continente europeo e reitera o seu apoio ás medidas e reformas levadas a cabo
por Croacia, Antiga República Iugoslava de Macedonia e Turquía, co fin de
cumprir os criterios de adhesión. O outro ditame fai referencia á solicitude de
adhesión presentada por Albania, e aos Acordos de estabilización e Asociación
entre a UE e Montenegro, a UE e Serbia e o avance das reformas en Kosovo. En
xeral, o ditame fai fincapé na necesidade de que os municipios e rexións destes
estados teñan posibilidade de participar activamente no proceso de integración.
Por último, o documento sobre os dereitos da infancia recalca que se trata
dunha cuestión con múltiples dimensións que debe integrarse en todas as
políticas europeas e nacionais pertinentes, na que debe darse unha cooperación
global entre todas as institucións, entidades e niveis de administración. A
seguinte reunión CIVEX terá lugar en Barcelona os vindeiros 26 e 27 de abril de
2010.