Actualidade
Portada » Actualidade »O Consello dá un paso máis cara unha nova regulación que facilite as relacións transfronteirizas
— Os representantes permanentes dos Estados membros ante a UE acordaron a creación dun novo marco xurídico que promova o desenvolvemento das rexións que comparten fronteira, caso de Galicia-Norte de Portugal
— O obxectivo é abordar os actuais obstáculos transfronteirizos simplificando os procedementos para construír infraestruturas compartidas ou ofrecer servizos públicos comúns
Bruxelas, 23 de outubro de 2024. Os representantes permanentes dos Estados membros da UE acadaron un acordo sobre o mandato de negociación do Consello para un novo Regulamento sobre a facilitación de solucións transfronteirizas. A normativa ten por obxecto promover as relacións e o desenvolvemento das rexións que comparten fronteira, caso de Galicia-Norte de Portugal. Isto acadaríase, entre outras medidas, simplificando a construción de infraestruturas compartidas ou a explotación de servizos públicos comúns.
No seu mandato, o Consello apoia a creación dun novo marco xurídico para abordar os obstáculos transfronteirizos e aproveitar as posibilidades existentes. Con todo, limita o ámbito de aplicación deste marco ás rexións con fronteiras terrestres e establece que a decisión de abordar ou non estes obstáculos será voluntaria para os Estados membros. Ademais, poderán elixir libremente de que forma facelo –por exemplo, a través de puntos de coordinación transfronteiriza, como se propón no texto.
Contexto
En maio de 2018, a Comisión propuxo un Regulamento relativo a un mecanismo para superar os obstáculos xurídicos e administrativos nun contexto transfronteirizo. Porén, os Estados membros suspenderon os debates sobre o expediente debido á preocupación en relación co cumprimento dos principios de subsidiariedade e proporcionalidade.
O 12 de decembro de 2023, a Comisión presentou unha proposta modificada para ter en conta as preocupacións e recomendacións formuladas polos dous colexisladores e dar seguimento á Resolución lexislativa de propia iniciativa do Parlamento de setembro de 2023. Finalmente, a Eurocámara aprobou o seu mandato de negociación sobre a proposta inicial da Comisión o 14 de febreiro de 2019.
Agora, o acordo sobre o mandato de negociación do Consello permite á Presidencia entablar conversas co Parlamento Europeo sobre o texto definitivo, unha vez o Parlamento estea preparado.
Fonte e máis información: Política de cohesión: el Consejo acuerda un mandato de negociación para un Reglamento sobre la facilitación de soluciones transfronterizas (Consello)