Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Emprego e Asuntos Sociais »O Consello adopta unhas Conclusións sobre as mulleres e a igualdade no deporte
— As Conclusións adoptadas fan fincapé na importancia do acceso a unhas condicións igualitarias, seguras e integradoras
— A participación das mulleres no deporte segue a ser inferior a dos homes
Bruxelas, 24 de novembro de 2023. O Consello adoptou o 24 de novembro unhas Conclusións sobre as mulleres e a igualdade no deporte. As Conclusións fan fincapé na importancia do acceso a unhas condicións igualitarias, seguras e integradoras, libres de calquera forma de desigualdade, discriminación ou violencia.
A pesar dos progresos realizados ata a data, a participación das mulleres no deporte e a actividade física segue sendo inferior á dos homes, debido en gran medida aos obstáculos socioculturais. Con todo, entre a poboación europea, oito de cada dez persoas cren que os modelos de referencia femininos no deporte animarían a máis mulleres e nenas a seguir o seu exemplo.
Neste contexto, o Consello convida os Estados membro a garantir que todas as persoas poidan acceder en igualdade de condicións e participar plenamente no deporte, independentemente do seu xénero, poñendo o acento en a igualdade de retribución para un mesmo traballo nos deportes profesionais.
O Consello insta os Estados membro a que actúen co fin de:
- aumentar a proporción de mulleres en postos de liderado deportivo;
- promover unha cobertura mediática maior e sen estereotipos nas competicións deportivas femininas;
- previr e combater o acoso, os abusos sexuais e a violencia en todos os niveis;
- mellorar a protección das testemuñas e as vítimas de violencia de xénero;
- ter en conta a perspectiva de xénero nas infraestruturas e instalacións deportivas.
Convídase á Comisión para incluír ao sector do deporte nas súas estratexias sobre igualdade de xénero e a seguir apoiando a concienciación en tódala UE.
Do mesmo xeito, o mundo do deporte debe promover un sistema de financiamento equitativo e integrar a perspectiva da igualdade de xénero na gobernanza do deporte, como a elaboración de orzamentos que respondan as cuestións de xénero.
Contexto
En 2020, a Comisión Europea publicou a Estratexia para a Igualdade de Xénero 2020-2025 como parte do seu labor para lograr unha «Unión da Igualdade». As Conclusións sobre as mulleres e a igualdade no ámbito do deporte foron presentadas pola Presidencia española co fin de seguir promovendo a participación, o liderado e a visibilidade das mulleres no deporte ante os obstáculos, a discriminación e os estereotipos aos que aínda se enfrontan as mulleres e as nenas neste ámbito.
Máis información: Consello da UE
Mulleres fortes, unha Europa forte (reportaxe)