Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Enerxía » O Consello acorda a súa posición no REPowerEU

O Consello acorda a súa posición no REPowerEU

05/10/2022 | ,

— O Consello acordou hoxe a súa posición sobre a proposta relativa a REPowerEU, un plan para eliminar gradualmente a dependencia da Unión das importacións de combustibles fósiles procedentes de Rusia. 

— O seu obxectivo é reforzar a autonomía estratéxica da Unión mediante a diversificación das subministracións de enerxía e impulsar a independencia e a seguridade da subministración enerxética da Unión.

Bruxelas, 5 de outubro de 2022. Desde o punto de vista práctico, a proposta ten por obxecto engadir un novo capítulo de REPowerEU aos plans nacionais de recuperación e resiliencia dos Estados membros da UE no marco de «Next Generation EU», co fin de financiar investimentos e reformas crave que contribúan a alcanzar os obxectivos de REPowerEU.

Na súa posición, o Consello modifica a orixe dos fondos destinados a REPowerEU, así como a clave de repartición dos 20 000 millóns de euros adicionais propostos pola Comisión Europea.

Polo que se refire ás fontes de financiamento dos 20 000 millóns de euros adicionais, en lugar de optar pola poxa da reserva de estabilidade do mercado do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE UE), o Consello opta por unha combinación de fontes: o Fondo de Innovación (75 %) e a distribución anticipada de dereitos de emisión (25 %). O obxectivo do Consello consiste en non perturbar o funcionamento do sistema RCDE UE, garantindo ao mesmo tempo un fluxo de ingresos fiable.

O Consello modifica a clave de repartición introducindo unha fórmula que ten en conta a política de cohesión, a dependencia dos Estados membros dos combustibles fósiles e a subida dos prezos de investimento.

Na súa posición, o Consello limita a obrigación dos Estados membros de presentar o capítulo de REPowerEU unicamente aos casos en que desexen solicitar financiamento adicional para os seus plans de recuperación e resiliencia en forma de préstamos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia procedentes de «Next Generation EU», axudas non reembolsables procedentes de novos ingresos ou recursos recentemente transferidos de programas de xestión compartida e, por tanto, que non sexan actualizacións á alza da contribución financeira máxima.

Ademais, o Consello permite incluír no capítulo específico de REPowerEU medidas da Decisión de Execución do Consello que xa non sexan realizables en caso dunha actualización á baixa de xuño de 2022 dunha contribución financeira máxima.

Por outra banda, o Consello aclara que os Estados membros poderán solicitar axuda en forma de préstamos ata o 31 de agosto de 2023.

Na súa posición, o Consello tamén inclúe a posibilidade de transferencias voluntarias da Reserva de Adaptación ao Brexit (RAB), así como do Fondo de Transición Xusta (FTJ).

En canto ás posibles exencións do principio de «non causar un prexuízo significativo» no que respecta a os investimentos destinados á mellora das infraestruturas e instalacións enerxéticas para satisfacer as necesidades inmediatas de seguridade da subministración de petróleo e gas, logrouse establecer un delicado equilibrio co fin de limitar a carga administrativa adicional para os Estados membros. O Consello obriga aos Estados membros a ofrecer unha xustificación á Comisión cando desexen aplicar excepcións ao principio de «non causar un prexuízo significativo».

En España

Grazas ó plan RepowerEU, España dispoñerá de case 2 600 millóns de euros máis para investir na construción de infraestruturas enerxéticas e axudar á transición a unha economía con menos emisións de CO₂.

Que se acorde a repartición non quere dicir que o acceso a este diñeiro sexa automático. Para que Bruxelas o outorgue, deben seguirse os mesmos pasos que están recollidos no regulamento do Fondo de Recuperación. No caso de España, isto supón que terán que incluírse na addenda que o Goberno prepara sobre o plan de saída da covid-19 para ter acceso aos créditos que aínda non solicitou, entre 84 000 e 86 000 millóns, e aos 7 700 millóns adicionais da repartición definitiva do fondo, cuxos números se coñeceron en xuño.

Se se ten en conta todo o que queda pendente, España recibirá preto de 100 000 millóns de euros máis, que se suman aos 69 500 millóns xa solicitados e aprobados do plan de Recuperación. En total serán uns 164 000 millóns.

Ademais deste punto da orde do día no Ecofin, o órgano que integran os ministros de Finanzas dos Vinte e sete, volveu a estar presente o plan de axudas alemán para afrontar a saída da crise. O titular da carteira en Berlín, Chistian Lindner, volveu a dar explicacións sobre el, aclarando que é un plan para dous exercicios e que parte do anunciado, en realidade, xa formaba parte de medidas adiantadas con anterioridade.

Contexto

O 18 de maio de 2022, a Comisión Europea propuxo o paquete «REPowerEU», que modifica o Regulamento sobre o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e outros actos lexislativos. Dispón modificacións específicas para financiar investimentos e reformas, co obxectivo de diversificar a subministración enerxética e reducir a dependencia dos combustibles fósiles. Para logralo, engadiranse nos plans de recuperación e resiliencia capítulos específicos que conteñan novas reformas e investimentos, e garantiranse as sinerxias e a complementariedade entre medidas financiadas no marco do MRR e as accións financiadas mediante outros fondos nacionais ou da Unión.

En termos concretos, a proposta lexislativa presentada xunto co plan REPowerEU ten como obxectivo converter o MRR no marco estratéxico das iniciativas de REPowerEU, maximizando así a complementariedade, a congruencia e a coherencia das políticas e accións adoptadas para axilizar a redución da dependencia dos combustibles fósiles e mitigar os seus custos e repercusións socioeconómicos durante a transición.

Agora que o Consello estableceu a súa posición sobre a proposta, está listo para iniciar diálogos tripartitos co Parlamento Europeo con vistas a chegar a un acordo sobre unha versión definitiva do texto canto antes.

Máis información: Consello da UE

Novos intentos da UE para acoutar os prezos da enerxía

A Xunta e a Comisión Europea examinan as oportunidades para Galicia de “REPowerEU”

España recibirá 2 600 millóns máis para infraestructuras enerxéticas e reducir emisións

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data