- Conde expón a iniciativa
galega ante membros da Comisión, investigadores e membros do Consello Europeo
de Investigación - A Comisión Europea avala o programa Oportunius
- Resalta que o programa aliña a Galicia coa
política comunitaria de aposta polo talento e a investigación como chaves para
abordar os grandes retos de Europa, como a Especialización Intelixente e a
implantación da Industria 4.0 - Destaca que o apoio ao talento investigador é
fundamental “para afianzar a recuperación económica e construír un futuro
sostible a longo prazo” e avanza que a Xunta está identificando novas fórmulas
para reforzar esta estratexia - Defende o papel que deben xogar as rexións na
innovación europea, complementando as becas do Consello Europeo de
Investigación (ERC) - David Posada, investigador galego beneficiario de dúas ERC, estivo xunto
ao Conselleiro na presentación e puxo en valor o programa, que, defendeu,
“marca un cambio de tendencia moi importante de impulso ao talento e á
excelencia”, e contribúe a facer de Galicia un lugar atractivo para desenvolver
a carreira investigadora
Bruxelas, 1 de xullo de 2015.– O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, recibiu hoxe en
Bruxelas o aval da Comisión Europea ao Programa Oportunius, a estratexia de
Galicia para captar e reter talento investigador. Conde presentou a iniciativa
na sede da Representación Permanente de España ante a Unión Europea, nun acto
no que ademais de membros da Comisión, participaron investigadores e membros do
Consello Europeo de Investigación.
Conde resaltou que o programa aliña a Galicia coa política comunitaria de
aposta polo talento e a investigación como chave para abordar os grandes retos
de Europa, como a implantación da Industria 4.0. “A Unión Europea está volcada
en xerar as ideas que marcarán o futuro e Galicia quere xogar un papel
protagonista nese reto”, dixo o conselleiro, que defendeu neste senso o papel
que deben xogar as rexións na innovación europea, complementando as becas do
Consello Europeo de Investigación (ERC) e aliñando as prioridades das súas
institucións punteiras coas da Unión. Como piar desa aposta, dixo o conselleiro,
a Xunta lanzou o Oportunius, un programa específico para a xeración, retención,
recuperación e captación de talento.
O titular de Economía e Industria, que destacou que o apoio ao talento
investigador é fundamental “para afianzar a recuperación económica e construír
un futuro sostible a longo prazo”, avanzou que a Xunta está identificando novas
fórmulas para reforzar esta estratexia e apuntou que o encontro de Bruxelas
serve para compartir o programa Oportunius con outros países, aliñando o seu funcionamento
“coas diferentes iniciativas que se están a desenvolver por parte da Unión
Europea”. Lembrou ademáis os logros acadados ata agora, como a incorporación de
Diego Martínez, o mellor físico novo de partículas de Europa, que xa conta
cunha Starting Grant do ERC e que, a través de Oportunius, accedeu a un
contrato indefinido en Galicia. Un exemplo, dixo Conde, do marco laboral
estable ofrecido pola Xunta, que garante ademais a atracción do investimento
asociado ás ERC.
David Posada
No proceso de difusión da iniciativa están a ter un peso específico os galegos
beneficiarios de ERC, como o profesor de Xenética da Universidade de Vigo David
Posada, que acompañou ao conselleiro na presentación de Bruxelas. Posada, que
acadou dúas ERC, puxo en valor o programa Oportunius, que, defendeu, contribúe
a impulsar a excelencia e a facer de Galicia un lugar atractivo para
desenvolver a carreira investigadora. “Este programa marca un cambio de
tendencia moi importante de impulso ao talento e á excelencia”, subliñou
Posada.
Neste senso, o conselleiro defendeu que “todos sumamos para construír
Europa, e o Oportunius, que atende ás prioridades marcadas pola Estratexia de
Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3, e que ademais é complementario
ao programa europeo Horizonte 2020, é o mellor xeito de que unha rexión xere
oportunidades para os investigadores”. Conde salientou o papel deste programa
como polo de atracción para dous tipos de investigador: “os gañadores dunha
ERC, cos que buscamos atraer a excelencia; e os finalistas de convocatorias
ERC, cos que queremos apoiala”.
Cada un deles conta cun itinerario diferenciado. Aos primeiros, aqueles que
xa contan cunha ERC, daráselles un marco laboral estable a través dun contrato
indefinido por parte do Goberno galego, ao que se sumará un apoio económico
adicional supeditado a avaliacións periódicas. O segundo dos itinerarios,
fixado para apoiar os finalistas de convocatorias de ERC, permitirá apoiar os
investigadores a través de formación, asesoramento, revisión de candidaturas, e
apoio económico de forma que se poida presentar con maiores garantías á
seguinte convocatoria.
Nos documentos adxuntos pódense consultar as presentacións que se fixeron durante o evento.