• Galicia entra a formar parte do proxecto europeo
    ”Vanguard Initiative”

  • Conde asinou co Ministro de Traballo, Economía,
    Innovación e Deportes de Flandes, Philippe Muyters, a entrada de Galicia na
    Vanguard Initiative, da que forman parte varias das rexións máis
    industrializadas de Europa 

  • O grupo de
    25 rexións ao que agora se suma Galicia busca impulsar proxectos de innovación
    industrial conxuntos, promovendo tecnoloxías clave relacionadas coa fábrica
    intelixente

  • A sinatura
    permitirá a Galicia aproveitar sinerxías e poñer en marcha iniciativas
    conxuntas con rexións como Flandes, Lombardía, Baden-Württemberg,
    Nordrhein-Westfalen ou Cataluña 

  •  Galicia adaptará a súa
    planificación industrial para aliñar os seus investimentos estratéxicos cos dos
    seus socios, de cara á posta en marcha de programas de gran calado, como
    proxectos piloto vinculados coa Industria 4.0

Bruxelas, 30 de xuño de
2015.
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asinou hoxe co Ministro
de Traballo, Economía, Innovación e Deportes do goberno de Flandes, Philippe
Muyters, a adhesión de Galicia á alianza Vanguard Initiative, que reúne a
outras 25 rexións europeas líderes, volcadas na cooperación en proxectos de
innovación industrial. Conde, que estivo acompañado polos directores do Igape e
da Axencia Galega de Innovación, Javier Aguilera e Manuel Varela, así como polo
presidente de Atiga, Juan Vieites, e pola directora da oficina da Fundación Galicia
Europa en Bruxelas, Ana Ramos, subliñou que este paso permite á comunidade recabar o apoio
doutras rexións punteiras para impulsar a reinvención da industria galega, un
esforzo canalizado na nosa comunidade a través da Axenda da Competitividade
Galicia-Industria 4.0.
 

“Hai unha
visión compartida” co Goberno de Flandes e co resto de rexións, dixo Conde,
para “competir nos mercados internacionais a través da tecnoloxía e a
innovación na industria” e como primeiro paso, sinalou, a Vanguard Inititiative
ten “unha idea moi clara de desenvolver proxectos piloto conxuntos” que poñan a
traballar xuntos a clústers e centros tecnolóxicos de varias rexións. “Galicia
vai participar fundamentalmente nun proxecto piloto vinculado coa
industrialización sostible e eficiente, coa industria 4.0”, adiantou o
conselleiro.

Neste
senso, salientou que precisamente unha das liñas de traballo claves desta
alianza, da que forman parte rexións punteiras estranxeiras como Flandes,
Lombardía, Nordrhein-Westfalen ou Baden-Württemberg, ademais de comunidades
autónomas españolas como Cataluña, País Vasco, Navarra e Asturias, é a aposta
pola fábrica intelixente, “clave na reinvención da industria europea”.
 

Unha
aposta impulsada por varias “rexións europeas chamadas a liderar a política
industrial do continente”, comprometidas coa creación e desenvolvemento de
Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) que poñan o foco na
renovación da súa industria. “Para acadar esta reindustrialización é
indispensable estar en contacto coas rexións máis avanzadas de Europa”, dixo
Conde, que resaltou que coa adhesión galega a este grupo Galicia poderá
“aproveitar sinerxías con outras rexións” e sumar a masa crítica necesaria para
acadar os seus obxectivos. 

Conde
agradeceu ao presidente da Alianza Tecnolóxica de Galicia, Juan Vieites, o seu
“papel clave para que Galicia accedese a este equipo de innovación de
vangarda”. Atiga, da que forman parte os principais centros tecnolóxicos
galegos, seguirá a desenvolver no futuro un rol clave na participación galega
nesta iniciativa, toda vez que a representación da comunidade na Vanguard
Initiative se levará a acabo a través da Xunta e da propia Atiga, en
representación de todos os centros tecnolóxicos da comunidade galega.

O
conselleiro resaltou que a sinatura de hoxe “amosa a capacidade e potencial da
industria galega, e a firme aposta pola reindustrialización de Galicia a través
da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e os retos que nos temos
marcado na RIS3”. Conde lembrou que a axenda busca incrementar peso da
industria galega ata o 20% do PIB, creando 50.000 novos empregos ata 2020.

Precisamente,
o conselleiro tivo a oportunidade de presentarlle ao Ministro de Flandes a
Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, da que o Ministro destacou que
o camiño a seguir por Galicia está perfectamente aliñado cos obxectivos da
Vanguard, e recoñeceu que a ecuación formada pola excelencia, a innovación, o
talento e a internacionalización, é a clave para a industria do 2020.

Con esa
meta, a Xunta destinará no marco da axenda, durante o período 15-16, 120
millóns de euros para xerar investimentos de 500 millóns, e o 33% deste
orzamento estará dirixido a actuacións directamente vinculadas á fábrica
intelixente. Coa entrada de Galicia na Vanguard Initiative, eses investimentos
estarán aliñados cos dos novos socios galegos.

“É unha
alianza baseada nos beneficios de cooperar para innovar”, defendeu o
conselleiro, fomentando o intercambio de experiencias e coñecemento entre
rexións; o desenvolvemento conxunto de ferramentas para a introdución de novas
tecnoloxías, sistemas e métodos de alta eficiencia na industria; e un traballo
compartido entre os actores públicos e privados, no que a administración
colabora con centros tecnolóxicos, clústers e empresas.

Aportacións
galegas

Conde
defendeu que Galicia ten “moito que aportar” a esta alianza, e destacou a
experiencia galega na creación dunha Estratexia de Especialización Intelixente
Interrexional xunto co Norte de Portugal, como mostra da capacidade da
comunidade á hora de aliñar prioridades en innovación.

“Temos
ademais, pola nosa dobre condición de rexión transfronteiriza e membro da
Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, a nosa experiencia á hora de compartir
infraestruturas industriais con outras rexións; poñer en marcha programas
conxuntos de formación do talento; e activar proxectos de investigación
interrexional punteiros, como o Laboratorio de Nanotecnoloxía de Braga”,
indicou o conselleiro.

Conde
salientou ademais a ampla experiencia de Galicia en programas de innovación
aberta, que son parte do núcleo das políticas de innovación da Vanguard
Initiative, e que suman máis do 80% do investimento galego en innovación. E, na
liña de traballo desta iniciativa europea, destacou que Galicia fixo unha
importante aposta pola excelencia dos clusters no ámbito industrial,
intensificando a súa colaboración a nivel internacional de cara á “conformación
de cadeas de valor europeas nas que Galicia teña un papel destacado”.

Fonte