Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Brexit » O Comité Europeo das Rexións destaca os servizos postos en marcha pola Xunta para facer fronte ao Brexit

O Comité Europeo das Rexións destaca os servizos postos en marcha pola Xunta para facer fronte ao Brexit

07/09/2022 | ,

— Fíxoo nun estudo presentado na sétima reunión do Grupo de Contacto entre o Comité Europeo das Rexións e Reino Unido en Bruxelas onde participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

— O estudo “Novas relacións comerciais e económicas entre a UE e o Reino Unido: o impacto nas rexións e as cidades” tamén presenta a Galicia como unha das rexións cunha exposición medio-alta aos efectos do Brexit.

— Na reunión do CdR  tamén se avaliou a busca de sinerxías entre a UE e o Reino Unido a escala rexional e local para apoiar a transición enerxética no delicado contexto xeopolítico actual

Bruxelas, 7 de setembro de 2022. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na sétima reunión do Grupo de Contacto CDR-Reino Unido posto en marcha en 2020 entre o Comité Europeo das Rexións (CdR) e as rexións e municipios británicos. Entre os seus obxectivos, este grupo trata de afianzar a cooperación a nivel subnacional entre a UE e Reino Unido para compensar os contactos perdidos polo Brexit. No encontro participaron membros do Comité das Rexións e tamén dos entes locais e rexionais británicos.

Durante a reunión, presentouse o estudo encargado polo Comité Europeo das Rexións baixo o nome Novas relacións comerciais e económicas entre a UE e o Reino Unido: o impacto nas rexións e as cidades, no que trata de explicarse o impacto do Brexit nas rexións europeas e os efectos do Acordo de Cooperación Comercial (TCA) UE-Reino Unido que entrou en vigor en 2021. Malia a escaseza de datos a nivel rexional, o estudo utiliza varios índices estatísticos para trazar un mapa coa exposición rexional aos efectos do Brexit baseándose nos principais sectores de especialización da economía europea: automoción, maquinaria eléctrica, produtos da madeira e mobiliario, e produtos agroalimentarios. Galicia amosa unha exposición máis acentuada neste último sector e, a nivel europeo, é unha das rexións cunha exposición medio-alta, obtendo unha puntuación de 3 dun máximo de 4.

O estudo presentado no CdR dá conta dos servizos postos en marcha pola Xunta de Galicia para acompañar ás empresas neste cambio de paradigma a través do servizo Igape Responde Brexit

O estudo dá conta dos servizos postos en marcha pola Xunta de Galicia para acompañar ás empresas neste cambio de paradigma: o Servizo Igape Responde Brexit, que atende consultas específicas e inclúe unha ferramenta de autodiagnóstico personalizada para anticiparse e adoptar as medidas necesarias; a oficina Brexit en Londres para servizos de asesoramento directo no Reino Unido; servizos de información e formación, e o Cheque Brexit, que prevé unha axuda financeira para realizar un diagnóstico empresarial e a preparación de plans de continxencia.

Sinerxías entre a UE e o Reino Unido en materia enerxética

O grupo aprobou tamén o apoio do CDR e dos entes locais e rexionais ao traballo da Asemblea Parlamentaria de Asociación EU-Reino Unido (PPA), un foro composto por membros do Parlamento Europeo e do Parlamento Británico para intercambiar puntos de vista sobre a aplicación do acordo do Brexit e que pode propor recomendacións a ámbolos parlamentos. Ademais, na sesión celebrouse un debate sobre a busca de sinerxías entre a UE e o Reino Unido a escala rexional e local para apoiar a transición enerxética dados os complexos momentos que vive a UE en relación co subministro enerxético e a alza de prezos. Así mesmo, abordouse a situación actual do Protocolo de Irlanda do Norte e debateuse sobre a súa aplicación.

Ao finalizar o encontro, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, sinalou que Galicia “está a disposición de calquera rexión europea ou do Reino Unido para cooperar neste momento delicado en materia de abastecemento enerxético”. Explicou, ademais como “Galicia está a traballar na súa Axenda Enerxética 2030, unha folla de ruta, que prevé un investimento público de máis de 630 millóns de aquí a 2024 para contar con máis fontes renovables e promover a eficiencia enerxética e o autoconsumo de cara a acadar o ambicioso obxectivo da neutralidade climática en 2050”.

Grupo de Contacto entre o Comité Europeo das Rexións e Reino Unido

En 2020, a Asemblea Rexional e Local da Unión Europea puxo en marcha un grupo de contacto coas autoridades locais e rexionais de Reino Unido para asegurar que o diálogo político continuase a este nivel tras o Brexit. Liderado polo presidente da rexión francesa de Bretaña, o grupo está composto por 12 membros do CdR e por representantes das asociacións de municipios en Reino Unido e dos gobernos e asembleas parlamentarias de Escocia, Gales e Irlanda do Norte, así como do Concello de Londres e o Goberno de Xibraltar. 

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data