Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Axenda Dixital »O Comité Europeo das Rexións avanza nun ditame na liña da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presentou a pioneira Lei galega de desenvolvemento e impulso da IA en Galicia na comisión de Política Económica (ECON) do CdR
— Os representantes das rexións e cidades tamén deron trámite a un ditame sobre o Libro Blanco “Preparación en materia de defensa europea 2030” e a outro sobre o Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais
Klagenfurt am Wörthersee (Austria), 19 de xuño de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou a Lei galega de desenvolvemento e impulso da IA en Galicia na cuarta sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nunha reunión celebrada fóra de sede, na cidade austríaca de Klagenfurt am Wörthersee, no estado federado de Carintia, os representantes das rexións e cidades deron trámite a un ditame na mesma liña sobre o Plan de Acción para o Continente da Intelixencia Artificial da UE, unha iniciativa de 200.000 millóns de euros que pretende converter a Europa en líder mundial en IA.
Jesús Gamallo aproveitou para destacar a Galicia como pioneira por ser a primeira rexión europea en lexislar sobre intelixencia artificial tanto para regular a súa utilización como para impulsala e promover o seu desenvolvemento. Todo isto no marco da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que mobilizará máis de 330 millóns de euros públicos cun impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros para despregar en Galicia unha intelixencia artificial de vangarda, ética, segura e centrada nas persoas.
Preparación en materia de defensa europea 2030
Os representantes das rexións e cidades tamén abordaron un que ditame propón unha serie de emendas ao Libro Blanco “Preparación en materia de defensa europea 2030”, que ten como obxectivo reforzar a cadea de subministración e a industria de defensa da UE mediante un maior investimento e unha mellor colaboración entre Estados membros. Os membros da comisión ECON propuxeron que se teñan en conta o papel das rexións e municipios nesta nesta tarefa polo apoio que dan ás pemes do sector e demandan, ademais, unha rede cohesionada de infraestruturas de dobre uso así como unha maior flexibilidade fiscal e maiores oportunidades económicas.
Jesús Gamallo destacou que esta folla de ruta vai na liña da Estratexia galega de Aeroespazo, Seguridade e Defensa recentemente aprobada pola Xunta de Galicia. Con este plan, o Goberno galego mobilizará 900 millóns de euros para impulsar o crecemento empresarial, materializar investimentos industriais en Galicia, fortalecer as capacidades produtivas galegas e liderar as novas políticas neste eido en España. Os representantes das rexións e cidades tamén abordaron un ditame sobre o Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais. Posteriormente celebrouse unha conferencia baixo o título «Rexións sostibles e competitivas na UE».
Contexto
No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.
Fonte: Comisión Europea
Máis información:
- Análisie FGE sobre STEP

© Fundación Galicia Europa