- O secretario xeral de Relacións Exteriores participou esta mañá en Bruxelas na Comisión de Política de Cohesión Territorial (COTER), do Comité das Rexións
- Na xuntanza debateuse o ditame relativo ao Quinto Informe sobre a cohesión económica e social
- Galicia presenta unha emenda a este ditame que fai fincapé no recoñecemento da estrutura demográfica e o asentamento da poboación, especialmente no que se refire ao grao de envellecemento e á dispersión poboacional, á hora de articular novas políticas de cohesión
- Na xuntanza debateuse o ditame relativo ao Quinto Informe sobre a cohesión económica e social
Santiago, 17 de outubro de 2008.- O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato, participou esta mañá en Bruxelas na Comisión de Política de Cohesión Territorial (COTER) do Comité das Rexións. Esta comisión analizou na súa xuntanza de hoxe o Quinto Informe sobre a cohesión económica e social, ditame ao que Galicia presentou unha emenda que foi defendida por Fernández Mato. Na xuntanza, acordouse solicitar ás institucións europeas que reforcen a dimensión territorial da política de cohesión “para permitir un desenvolvemento económico e social que resulte duradeiro e equilibrado para as distintas rexións”.
A emenda presentada por Galicia a este ditame, que foi defendida por Fernández Mato, fai fincapé na necesidade de que se recoñeza a estrutura demográfica e o asentamento da poboación, especialmente no que se refire ao grao de envellecemento e dispersión poboacional, á hora de articular novas políticas de cohesión. “Si se pretende que a política de cohesión desempeñe un papel significativo no reforzo do reequilibrio económico e social debe dispoñerse de recursos e medios adaptados”, sinala o texto do ditame que a COTER remitirá á Comisión Europea.
Comisión COTER
A Comisión de Política de Cohesión Territorial (COTER) é unha das seis comisións sectoriais especializadAs que posúe o Comité das Rexións (CdR). A COTER encárgase de preparar os asuntos plenarios do CdR que teñen que ver con políticas de cohesión territorial, económica e social.
Para máis información pinche aquí.