• O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato, participou
    en Bruxelas, en representación do presidente da Xunta, no Pleno do Comité das
    Rexións e defendeu as emendas de Galicia ao ditame sobre multilingüísmo,
    aprobado esta tarde
  • O Comité das Rexións establece que o coñecemento de idiomas é unha aptitude
    conveniente para todos os cidadáns europeos e considera necesario promover
    políticas comunitarias destinadas a fomentar a diversidade lingüística
  • Desde Galicia, recálcase a oportunidade de que sexan as administracións
    locais e autonómicas as que desenvolvan as políticas precisas de cara a fomentar
    o multilingüismo entre os cidadáns
Santiago, 18 de xuño de
2008.-
O pleno do Comité das Rexións aprobou esta tarde un ditame para o
fomento da aprendizaxe, uso e coñecemento de linguas no ámbito europeo que
recolle a sensibilidade de Galicia neste eido, logo de que se aceptasen as
emendas propostas pola Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, ao documento. O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio
Fernández Mato, foi o encargado de defender as propostas galegas perante o pleno
do Comité das Rexións, onde puxo en valor a relevancia que teñen para Galicia,
por posuír dúas linguas oficiais, as políticas deseñadas desde Bruxelas para
“promover o multilingüísmo”.

Fernández Mato interveu no Comité das
Rexións para defender a oportunidade de que sexan as administracións locais e
autonómicas as que desenvolvan, nos estados membros, as políticas precisas para
fomentar o multilingüísmo entre os cidadáns. Paralelamente, o secretario xeral
de Exteriores defendeu que non se equipare o concepto lingua de orixe ao de
lingua oficial do Estado, posto que en determinados territorios, como o caso de
Galicia, conviven dúas linguas oficiais.

Neste sentido, Galicia defende a
postura europea de “1 lingua+ 2” proposta no texto do ditame e que consiste no
fomento de dúas linguas estranxeiras entre os europeos, que se sumen á lingua de
orixe. Sen embargo, Galicia pide que se considere a súa realidade na que
coexisten dúas linguas oficiais. Así, Fernández Mato apostou por promover “a
aprendizaxe desde idades cativas de 2 linguas estranxeiras que se sumen ás 2
oficiais do noso territorio”.

A Xunta, en liña con Bruxelas
O
secretario xeral de Relacións Exteriores lembrou ademais que, desde hai dous
anos, Galicia vén desenvolvendo xa accións específicas de promoción do
multilingüísmo, na liña marcada por Bruxelas, logo de que o Consello da Xunta
dera o visto bo en xuño de 2006 a un informe sobre o tema.

Así, na
actualidade preto de 800 centros de educativos galegos imparten a ensinanza do
inglés desde os 3 anos, a todos aqueles que queiran acollerse de xeito
voluntario. Por outra banda, as accións promovidas desde o Goberno galego de
cara a anticipar a obrigatoriedade de linguas estranxeiras dos 8 aos 6 anos e de
ampliar o número de centros educativos que contan con sección europeas, onde se
imparten algunhas materias en lingua estranxeira, complementaranse no futuro con
outras accións propostas neste ditame, que vén de ser aprobado polo Comité das
Rexións.

Obxetivos do ditame
Entre os obxectivos marcados no texto
do ditame saliéntase a recomendación, a todas as rexións integrantes do Comité,
de crear un “propio foro local sobre multilingüismo” e propoñénse “as necesarias
iniciativas de sensibilización e motivación da poboación para o estudo de 2
linguas estranxeiras ao longo de toda a súa vida”.

“O mundo escolar
deberá ser animado polas institucións rexionais e nacionais a adoptar unha ampla
gama de linguas no paquete educativo, sobre a base das necesidades sociais,
económicas e culturais territoriais”, engade o texto do documento.

Ao
tempo, o ditame recolle a necesidade de mellorar a integración lingüística no
ámbito europeo para que as linguas minoritarias “non sexan discriminadas” e
insta as autoridades europeas a “traducir os seus textos a un maior número de
linguas que as 23 actuais”.

Finalmente, o texto do documento aprobado
polo Comité das Rexións incide na necesidade de fomentar “formas rápidas de
aprendizaxe” para que os adultos poidan “adquirir competencias lingüísticas que
lles permitan expresarse e comprender” en linguas estranxeiras. Paralelamente,
faise fincapé no fomento da aprendizaxe de linguas a través de soportes
multimedia e recoméndase o fomento de programas de intercambio universitario
tales como o Erasmus ou o Sócrates para potenciar a mobilidade de alumnos no
estranxeiro co obxecto de que poidan mellorar a competencia noutras
linguas.

Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é un
organismo consultivo integrado por representantes das autoridades rexionais e
locais de Europa, que debe ser consultado antes de que se tomen decisións, por
parte das autoridades europeas, sobre asuntos que son de competencia dos
gobernos locais e rexionais. Deste xeito, a función do Comité das Rexións, cuxo
pleno ten lugar cada dous meses en Bruxelas, é a de presentar puntos de vista
locais e rexionais sobre a lexislación da UE. Este labor faise a través da
emisión de ditames sobre as propostas da Comisión.

A Comisión e o
Consello deben consultar ao Comité cuestións de relevancia para as
administración locais e rexionais e, pola súa banda, o CdR pode emitir ditames
por iniciativa propia e presentalos perante as autoridades europeas: Comisión,
Consello e Parlamento.