- A Comisión Europea vén de publicar o informe comercial de xaneiro a novembro de 2020, que presenta datos positivos e reflicte a resiliencia do sector agroalimentario da Unión
- As perspectivas de fronte ao 2021 ven fortalecidas polo levantamento dos aranceis estadounidenses sobre os produtos agroalimentarios europeos, que permanecían en vigor desde finais de 2019 e que afectaron negativamente ao viño galego
Bruxelas, 15 de marzo de 2021. A pesar das restricións xeneralizadas pola crise sanitaria, o comercio agroalimentario permaneceu estable no conxunto da UE de xaneiro a novembro de 2020, segundo os datos do último informe publicado pola DG Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea. Durante ese período, o valor total das exportacións agroalimentarias ascendeu a 168 500 millóns de euros, o que representa un incremento do 0,9% en comparación co mesmo período de 2019. Por outra banda, o valor total das importacións aumentou un 0,4% ata os 112 300 millóns de euros.
Ao mesmo tempo, a UE rexistrou un superávit comercial agroalimentario de 56 200 millóns de euros, un aumento do 2% en comparación cos mesmos meses do ano anterior.
Por categorías de produtos, rexistráronse descensos no valor das importacións de cereais secundarios, augardentes e licores, oleaginosas e carne de vacún. Pola súa banda, aumentaron as importacións de froitas tropicais frescas e secas, aceite de palma e ácidos graxos e ceras.
Polo que respecta ás exportacións, a carne de porco e o trigo seguiron sendo os produtos con mellores resultados. Outros produtos que saen fortalecidos do período analizado son os alimentos para mascotas, o aceite de colza e de xirasol e a pasta e pastelería.
Mentres que China afiánzase como o destino de exportacións agroalimentarias da UE que máis crece, o volume das exportacións europeas a Estados Unidos reduciuse en 496 millóns de euros, sendo as bebidas espirituosas e o viño os produtos máis afectados. Sen dúbida, xogaron un papel neste retroceso os aranceis dos 25% impostos pola administración Trump en outubro de 2019 sobre determinados produtos agroalimentarios europeos (incluído o viño español) no marco da disputa comercial que manteñen Estados Unidos e a UE por mor das subvencións ilegais concedidas por ambas as partes aos seus respectivos xigantes aeronáuticos Boeing e Airbus. Ao engadir á ecuación os peches da hostalería e a restauración motivados pola pandemia, non é de estrañar que os valores de exportación de viño e licores para o conxunto da UE diminuísen durante o período analizado en 1 300 e 1 540 millóns de euros, respectivamente. Segundo datos do Observatorio Español do Mercado do Viño, o ano pasado deixáronse de exportar 126,8 millóns de litros e de facturar 96,7 millóns de euros con respecto a 2019.
Con todo, o pasado 5 de marzo a Comisión Europea anunciaba que chegou a un acordo coa Casa Branca para unha moratoria dos aranceis. Segundo o executivo comunitario, ambas as partes comprométense á suspensión dos seus respectivos aranceis (en novembro de 2020 a UE impuxo os seus propios aranceis a produtos estadounidenses como represalia) durante un período de catro meses e a negociar unha solución que permita o levantamento permanente dos mesmos. Ademais, poucos días despois as dúas partes alcanzaron un principio de acordo sobre continxentes arancelarios agrícolas no marco da OMC, unhas cotas que debían ser renegociadas tras a saída do Reino Unido da UE.
Estes avances recentes poderían simbolizar o reinicio das relacións comerciais transatlánticas baixo o mandato de Biden e o principio do fin da disputa comercial. Todo iso, sumado á resiliencia mostrada durante os meses máis duros da crise sanitaria, convidan ao agroalimentario europeo a encarar 2021 con optimismo e é especialmente positivo para os sectores ata o de agora máis afectados polos aranceis norteamericanos.