Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » I+D+i »
O CDTI-SOST Bruxelas organiza un evento informativo sobre o programa de financiamento europeo ‘Women TechEU’
— O acto está organizado pola oficina de Bruxelas do CDTI (Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial de España).
— Terá lugar o luns 5 de setembro en horario de 11.00 a 13.00 horas en formato híbrido e contará coa presenza de tres relatores principais.
— O obxectivo do encontro é o de dar a coñecer máis de preto o programa de financiamento da UE “Women TechEU” (aberto ata o 4 de outubro), que axuda ás mulleres a converterse en líderes da tecnoloxía deep tech.
Bruxelas, 2 de setembro de 2022. O CDTI-SOST Bruxelas (A oficina de Bruxelas do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial de España) celebra o vindeiro luns, 5 de setembro, un evento híbrido (presencial en Bruxelas e tamén dixitalmente) no que as participantes poderán coñecer máis sobre o programa de financiamento europeo “Women TechEU” que ten como obxectivo axudar ás mulleres a converterse en líderes da tecnoloxía deep tech -ou tecnoloxía profunda- do futuro.
Tras o éxito da convocatoria piloto de 2021, a Comisión Europea lanzou o pasado 21 de xuño a segunda convocatoria de ‘Women TechEU’, un programa financiado polo programa de traballo Horizon Europe European Innovation Ecosystems, co apoio do Consello Europeo de Innovación (EIC), que asesora e axuda ás mulleres fundadoras de empresas novas de tecnoloxía profunda e ofrece financiamento específico para axudar a avanzar no seu negocio.
CDTI-SOST Bruxelas (A oficina de Bruxelas do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial de España) organiza este evento para dar a coñecer máis de preto este interesante programa. O encontro terá lugar o luns, 5 de setembro, de 11.00 a 13.00 horas e contará coa presenza de tres relatores principais: Natalia Nowinska, da axencia EISMEA, que achegará algunhas reflexións sobre a convocatoria en curso; Emma Fau, membro do xurado da convocatoria-2021 e da actual, que exporá a súa visión sobre os avaliadores; e, por último, Judit Giró, da startup The BlueBox, que nos contará a súa experiencia como empresa gañadora na convocatoria piloto de 2021. Posteriormente, terá lugar unha breve mesa redonda que recollerá a opinión dos distintos actores da cadea. que van dende a innovación ata o produto no mercado.
Ademais dunha subvención de 75.000 euros, as finalistas tamén reciben mentoría e formación en liderado, internacionalización e outros beneficios para o apoiar o desenvolvemento futuro das súas empresas
Desde o ano pasado, 130 startups tecnolóxicas lideradas por mulleres desenvolven as súas ideas de negocio grazas ao apoio económico do programa, en forma de subvención, e aos servizos de aceleración empresarial que se ofrecen para converterse nos líderes tecnolóxicos do mañá.
A convocatoria actual —aberta ata o 4 de outubro— ofrece apoio ás startups dirixidas por mulleres na fase máis temperá e arriscada do seu crecemento empresarial. Ademais dunha subvención de 75.000 euros, as finalistas tamén reciben mentoría e formación en liderado, internacionalización, modelización de empresas, estratexia de implantación, entrada no mercado, captación de fondos, negociación con investidores e moito máis a través do EIC’s Women Leadership Programme.
Podes rexistrarte para o evento aquí. Se estás interesada no programa de financiamento ‘Women TechEU’ podes informarte e rexistrar a túa solicitude neste enlace.
Máis información: CDTI Bruxelas
