Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » O CdR abre o prazo de presentación de candidaturas para a Semana Europea das Rexións e das Cidades 2025

O CdR abre o prazo de presentación de candidaturas para a Semana Europea das Rexións e das Cidades 2025

10/04/2025 | , ,

— A EWRC, polas súas siglas en inglés, é o maior evento anual de índole rexional levado a cabo en Bruxelas, no que a FGE sempre promoveu a participación de Galicia 

— Os temas da edición deste ano son Cohesión e crecemento para o futuro, O dereito de permanecer: desbloqueando o potencial de cada territorio e Cidades construíndo o mañá

Bruxelas, 10 de abril de 2025. O Comité Europeo das Rexións (CdR) abriu o prazo de presentación de solicitudes para a organización de eventos no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC, polas súas siglas en inglés), que se celebrará do 13 ao 15 de outubro deste ano. Baixo o lema Shaping tomorrow, together (“Modelando o mañá, xuntos”), correspóndese co maior evento anual de índole rexional levado a cabo en Bruxelas, no que a FGE sempre fomentou e facilitou a participación de Galicia, en tanto que representación do Goberno galego na capital europea.

As candidaturas poden presentarse ata o vindeiro 11 de maio e deberán enmarcarse en tres temas: Cohesión e crecemento para o futuro, sobre como as rexións poden ser actores de desenvolvemento da competitividade nos territorios, O dereito de permanecer: desbloqueando o potencial de cada territorio, sobre boas prácticas para facer as rexións máis atractivas, máis conectadas, e con máis servizos, para reter poboación, e Cidades construíndo o mañá, con enfoques estratéxicos e sostibles para o desenvolvemento rexional e sobre as cidades como centros económicos e de desenvolvemento.

O CdR ofrece a posibilidade de artellar estes eventos a través de cinco diferentes formatos: workshop e participatory lab, ambos caracterizados pola participación do público durante polo menos a metade da sesión, CoR political / policy debate, no que polo menos un dos relatores ten que ser un representante político, EU Regions’ Talk, o máis breve, no que un só relator explica coa axuda de imaxes ou vídeos unha cuestión concreta, e tastings, stands que presentan a gastronomía das rexións europeas.

Ademais destes formatos principais, o CdR ofrece a posibilidade de celebrar eventos paralelos tematicamente ligados á EWRC baixo o nome de The EURegionsWeek close to you. Poden ser levados a cabo de xeito presencial ou en liña entre o 13 de outubro e o 30 de novembro e adoitan celebrarse en cada rexión. Ademais dos temas xa sinalados, existirá un focal: Transición verde – Mobiliza ás túas comunidades!, mediante o que a UE quere implicar ás partes interesadas en diálogos destinados a facer das cidades e das rexións do mañá lugares mellores para vivir co foco posto en solucións innovadoras que impulsen a transición verde.

Máis información:

Nota informativa sobre a Semana Europea das Rexións e das Cidades (23ª edición)

Páxina oficial da Semana Europea das Rexións e das Cidades

© Pexels.com / Pavel Danilyuk

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data