Actualidade

Portada » Actualidade » O Campus do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía: unha mellor oferta de educación en materia de emprendemento

O Campus do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía: unha mellor oferta de educación en materia de emprendemento

17/01/2023 |

— A nova plataforma en liña recolle ferramentas de aprendizaxe para o fomento do emprendemento no ámbito da innovación

— O Campus do EIT vai dirixido a estudantes, profesionais e centros de ensino

Bruxelas, 17 de xaneiro de 2022. Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) pon en marcha o «Campus do EIT», unha nova iniciativa para mellorar a súa ampla oferta de educación e formación que combina a innovación co espírito emprendedor.

A través dunha nova e completa plataforma en liña, os alumnos interesados poden acceder aos amplos programas educativos e de desenvolvemento de capacidades que ofrecen o EIT e as súas nove comunidades de coñecemento e innovación (as CCI do EIT). Os primeiros cursos que figuran na plataforma tratan sobre o clima, os alimentos, a saúde e as materias primas, e apoiarán a transición no ámbito das capacidades para lograr unha Europa máis ecolóxica e próspera. Máis adiante engadiranse outros cursos para cubrir tamén outras materias, como a enerxía, o mundo dixital, a agricultura, a industria manufactureira, a mobilidade urbana, a cultura e a creatividade.

O Campus do EIT ofrece programas educativos e de desenvolvemento de capacidades a estudantes de secundaria e universitarios, aprendices profesionais e centros de ensino superior.

Ademais da serie de novos cursos, as actividades educativas do Campus do EIT chegarán a ofrecer servizos que antes se atopaban repartidos por varios sitios web e que van dirixidos aos seguintes grupos:

  • Ás estudantes de secundaria, a través do proxecto «Girls Go Circular» do EIT, que axuda ás mozas para desenvolver capacidades tecnolóxicas e de emprendemento relacionadas coa transición ecolóxica e dixital.
  • Aos estudantes universitarios, a través do selo EIT, un certificado de calidade que se outorga aos programas educativos máis destacados e centrados na innovación, o emprendemento, a creatividade e o liderado. Mediante este selo, o EIT, que conta cunha rede de 200 universidades, desenvolveu 65 programas de máster e doutoramento, que xa contan con máis de 4 500 titulados.
  • Aos aprendices profesionais, mediante os cursos e talleres do EIT que non están ligados a ningún título. Ata a data, máis de 100 000 alumnos participaron nestas actividades educativas en liña do EIT. Os aprendices profesionais tamén se beneficiarán dos programas específicos de desenvolvemento de capacidades, como a nova iniciativa do EIT sobre o talento para a tecnoloxía profunda, cuxo obxectivo é capacitar a un millón de talentos en ámbitos relacionados coa tecnoloxía profunda, e a Academia da Alianza Europea de Baterías, que colabora cos Estados membros da UE e os socios do sector para formar e mellorar as capacidades de 800 000 traballadores ao longo da cadea de subministración de baterías.
  • Aos centros de ensino superior, a través da iniciativa do EIT para a educación superior, coa que se ofrece axuda ás facultades no ámbito do ensino da innovación e o emprendemento. Na actualidade, forman parte desta iniciativa 50 proxectos nos que participan máis de 290 centros de ensino superior e 300 organizacións non universitarias. Grazas a eses proxectos, só en 2021 formouse a máis de 9 900 estudantes e membros do persoal universitario e non universitario, e ofreceuse apoio a máis de 310 empresas emerxentes e en expansión.

A maioría de programas escolares serán gratuítos, mentres que os cursos e programas máis profesionais conlevarán unha taxa.

Contexto

O Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) é un organismo independente da UE que reforza a capacidade de innovación de Europa. Apoia o desenvolvemento de asociacións europeas dinámicas e a longo prazo entre as principais empresas, os laboratorios de investigación e os centros de ensino superior, denominadas «comunidades de coñecemento e innovación do EIT» (CCI do EIT). Cada CCI dedícase a atopar solucións a un reto mundial específico, desde o cambio climático e a enerxía sostible ata a vida saudable e os alimentos.

A educación en materia de emprendemento é un dos principais piares da actividade do EIT e das CCI, así como da creación de empresas e dos servizos de aceleración e proxectos de innovación empresariais. Durante a última década, a comunidade do EIT desenvolveu unha ampla gama de programas educativos de vangarda.

A iniciativa «Campus do EIT» contribúe as actividades previstas para o Ano Europeo das Capacidades, xa que promove o desenvolvemento de capacidades e unha mellor adecuación ás necesidades do mercado laboral.

Máis información: Comisión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data