Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cidadanía europea »As rexións europeas apoian o novo instrumento de axuda a Ucraína
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Romanía na reunión da comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións.
— No encontro debateuse o novo instrumento financeiro de axuda a Ucraína que prevé mobilizar 5.000M€ ata 2027 con fondos europeos.
— Tamén se abordou o papel dos entes locais e rexionais no proceso de ampliación da Unión Europea.
Timișoara, 18 de setembro de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe no encontro da Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR) que se celebrou en Timisoara (Romanía).
Na súa intervención, en representación da Xunta de Galicia, puxo en valor a proposta da Comisión Europea de cara a creación do Mecanismo para Ucraína en apoio ao pobo ucraíno.
Segundo a proposta presentada a finais do pasado xuño, o importe previsto para este mecanismo ascende a 5.000M€ no período 2024-2027.
Con este instrumento, preténdese promover a recuperación e a modernización de Ucraína, ao mesmo tempo que esta aplica as reformas clave requiridas para a súa adhesión a Unión Europea.
Basease en tres piares: o apoio financeiro en forma de subvencións e préstamos; o marco deseñado para atraer inversións públicas e privadas para a reconstrución do país; e a asistencia técnica e outras medidas de apoio.
O papel das rexións na futura ampliación da UE
No encontro da comisión CIVEX tamén se abordou a importancia e o papel dos entes rexionais e locais na ampliación da Unión Europea.
Nesta liña, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE reiterou o apoio ao status de candidatas tanto de Ucraína coma de Moldavia e Bosnia e Hercegovina.
Estes países sumáronse o ano pasado ao resto de países cuxos méritos están sendo avaliados, iso é, Turquía, Xeorxia, Albania, República de Macedonia do Norte, Montenegro e Serbia.
O grupo de traballo dedicado a Ucraína, creado en abril de 2020 baixo os auspicios da Conferencia de Entes Rexionais e Locais da Asociación Oriental
Os distintos representantes rexionais avogaron por aumentar o traballo das institucións europeas, tamén o CdR.
Segundo Jesús Gamallo, é preciso intensificar a actividade dos comités consultivos mixtos e dos grupos de traballo, as entidades específicas mediante as que o órgano consultivo da UE colabora no proceso de adhesión.
Destaca o grupo de traballo dedicado a Ucraína, creado en abril de 2020 baixo os auspicios da Conferencia de Entes Rexionais e Locais da Asociación Oriental.
No seo da comisión CIVEX tratouse un terceiro debate relacionado co paquete de loita contra a corrupción presentado pola Comisión Europea en maio co obxectivo de harmonizar en toda a UE as definicións e sancións dos delitos de corrupción.
Galicia nas comisións CIVEX e NAT do CdR
No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX).
Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a reforzar a democracia europea.
Máis información: Xunta de Galicia
