Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cidadanía europea » O novo centro “Europe Direct Galicia” bota a andar da man da Fundación Galicia Europa

O novo centro “Europe Direct Galicia” bota a andar da man da Fundación Galicia Europa

05/02/2026 |

— Forma parte da nova xeración de 37 centros Europe Direct en España que funcionarán ata finais de 2030

— É o primeiro centro Europe Direct de ámbito autonómico en Galicia

— Os centros Europe Direct están abertos a todas as persoas que desexen resolver dúbidas, aprender máis sobre as políticas europeas ou informarse sobre as oportunidades que ofrece a Unión, desde programas de financiamento e mobilidade ata dereitos de cidadanía europea.

Santiago de compostela, 5 de febreiro de 2026. A Fundación Galicia Europa (FGE) foi seleccionada pola Comisión Europea para acoller o novo centro “Europe Direct Galicia” durante o período 2026-2030, tras superar con éxito o procedemento europeo de convocatoria de propostas. Segundo comunicou a Comisión, a candidatura presentada pola FGE obtivo unha avaliación de “excelente”, destacando a alta calidade da estratexia formulada, o seu impacto previsto e a coherencia das actividades deseñadas.

Os centros Europe Direct actúan como o principal punto de contacto entre a Unión Europea e o público, ofrecendo información, apoio e escoita activa sobre cuestións relacionadas coa Unión Europea, tendo sempre en conta o contexto e as necesidades locais.

O novo Europe Direct Galicia é o primeiro de ámbito autonómico na nosa comunidade.

Ten un enfoque centrado en trasladar información europea veraz e accesible, combater a desinformación, achegar as prioridades da UE á cidadanía galega, promover a participación social no proceso de construción europeo e fomentar o debate público sobre o futuro do proxecto comunitario.

Para cumprir estes obxectivos, a FGE está a preparar a axenda de actividades de 2026, que incluirá accións presenciais e virtuais, ademais de fomentar a creación de redes de multiplicadores locais. Prestarase unha atención particular á conmemoración dos 40 anos de pertenza de España á Unión Europea.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é un ente instrumental do sector público autonómico que actúa dende 1988 como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. Con dúas oficina, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, a información sobre a UE en Galicia ten sido un dos seus principais eidos de actuación ao longo destes anos.

O seu sitio web recolle noticias e análise sobre a actualidade europea, o seu boletín dixital mensual chega a preto de 2.000 subscritores e está presente en Linkedin, X e Instagram, nesta última cun perfil destinado específicamente á xuventude: Euroxuventude.

Visita o sitio Europe Direct Galicia

© Fundación Galicia Europa

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data