Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Competitividade »Novas normas para simplificar a contratación, o investimento e o apoio á industria da defensa
— O Consello aproba o paquete «Ómnibus V», unha reforma destinada a reducir cargas administrativas e acelerar o desenvolvemento das capacidades de defensa europeas.
Bruxelas, 20 de outubro de 2026. O pasado 9 de outubro de 2026, o Consello aprobou unha nova lexislación destinada a simplificar a contratación en materia de seguridade e defensa, facilitar os investimentos en defensa e apoiar á industria da defensa.
As novas normas eliminarán os atrasos administrativos na contratación, na concesión de autorizacións, na presentación de informes e na cooperación transfronteiriza, o que ofrece aos Estados membros e á industria unha vía máis clara para actuar con rapidez e reforzar a capacidade de defensa de Europa.
Esta nova lexislación constitúe o denominado paquete lexislativo «Ómnibus V», que forma parte do programa de simplificación da UE.
Elementos principais da nova lexislación
O paquete consta de tres actos lexislativos:
- Un Regulamento sobre a preparación en materia de defensa, a facilitación dos investimentos en defensa e as condicións para a industria da defensa.
- Un Regulamento sobre a aceleración da concesión de autorizacións para proxectos de preparación en materia de defensa.
- Unha Directiva sobre a simplificación das transferencias de produtos relacionados coa defensa dentro da UE e a simplificación da contratación en materia de seguridade e defensa.
Preparación en materia de defensa
O novo Regulamento simplifica a xestión e a execución do Fondo Europeo de Defensa (FED) e aclara cómo se aplica a lexislación europea en materia de medio ambiente e substancias químicas ás actividades de preparación en materia de defensa.
Simplifica os requisitos administrativos para as solicitudes ao FED e, ao mesmo tempo, incrementa o apoio ás pequenas e medianas empresas (pemes) e fai máis previsible a execución do Fondo. En particular, aumenta a bonificación da porcentaxe de financiamento dos proxectos nos que participan pemes.
Ademais, mantén a posibilidade de que organismos públicos europeos, como a Axencia Europea de Defensa, actúen como centrais de compras.
Por último, o novo Regulamento pretende garantir un elevado nivel de protección da saúde humana e do medio ambiente. Por iso, modifica a lexislación en materia ambiental e de substancias químicas no relativo ás exencións dispoñibles para o uso de substancias químicas con fins de preparación en materia de defensa.
Aceleración dos procedementos de concesión de autorizacións
A nova lexislación proporciona un marco harmonizado que acelera a concesión de autorizacións para os proxectos de preparación en materia de defensa, ao tempo que preserva as competencias dos Estados membros.
Establece unha duración máxima de 102 días hábiles para o proceso de concesión de autorizacións. Unha solicitude de autorización considerarase aprobada por silencio administrativo positivo se a autoridade competente non adopta ningunha decisión antes de que expire o prazo.
Ao mesmo tempo, o novo Regulamento garante que sigan sendo posibles excepcións a esta aprobación tácita: o Dereito nacional poderá prever tales excepcións cando exista un risco grave para a saúde humana ou para a seguridade nacional.
Transferencias dentro da UE e contratación en materia de seguridade e defensa
A nova Directiva elimina os atrasos administrativos na contratación en materia de seguridade e defensa, facilita as transferencias de produtos relacionados coa defensa dentro da UE e reforza a cooperación entre os Estados membros.
As novas normas están mellor adaptadas ás normas xerais de contratación pública cando procede, ao tempo que teñen en conta as particularidades do mercado da defensa.
O texto eleva os limiares da Directiva sobre Contratación Pública no ámbito da Defensa co obxectivo de reducir a carga administrativa e permitir que as autoridades dediquen máis tempo aos grandes proxectos de defensa verdadeiramente estratéxicos. Ademais, introduce a posibilidade de contratación conxunta ocasional, unha norma de minimis para as modificacións contractuais e unha maior flexibilidade nos acordos marco.
Por último, a nova Directiva incorpora dúas novas licenzas xerais obrigatorias de transferencia:
- Unha para as transferencias entre provedores e destinatarios certificados.
- Outra para as transferencias realizadas no marco dunha asociación industrial dentro da UE.
Os actos lexislativos publicaranse no Diario Oficial da Unión Europea nos próximos días e entrarán en vigor aos vinte días da súa publicación.
Máis información: Consello da UE
© European Union, 2018