- A
Comisión presentou unha estratexia renovada de política industrial da UE,
que agrupa nun mecanismo global todas as iniciativas horizontais e
sectoriais existentes e novas
- A
industria representa dous terzos das exportacións da UE e dá emprego a 32
millóns de persoas. Pero para manter e reforzar a súa vantaxe competitiva,
precísase un importante esforzo de modernización
Bruxelas, 2 de
outubro de 2017. Con motivo do Discurso sobre o Estado da Unión
do pasado setembro, a Comisión presentou unha estratexia renovada de política
industrial da UE, que agrupa nunha estratexia global todas as iniciativas
horizontais e sectoriais existentes e novas. Así mesmo, aclara as futuras
funcións de todas as partes implicadas e establece os foros que permitirán á
industria e á sociedade civil en particular orientar a actuación da política
industrial no futuro: un Día da Industria anual, cuxa primeira edición tivo
lugar en febreiro de 2017, e unha Mesa Redonda Industrial de Alto Nivel.
Jyrki Katainen, vicepresidente responsable de Fomento do
Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, afirmou que «ao adoptar os cambios tecnolóxicos,
converter os investimentos en investigación en ideas empresariais innovadoras e
manternos á vangarda da economía circular e hipocarbónica, achandaremos o
camiño para unha industria intelixente, innovadora e sustentable en Europa».
Pola súa banda, Elżbieta Bieńkowska, comisaria de Mercado Interior, Industria,
Emprendemento e Pemes, engadiu que «moitas
das industrias europeas atópanse nun punto de inflexión. Hoxe en día, política
industrial significa empoderar ás nosas industrias para que sigan ofrecendo
crecemento sustentable e emprego ás nosas rexións e cidadáns».
Entre os principais novos elementos da nova Estratexia de
Política Industrial da UE cabe citar:
- Un
paquete global de medidas para reforzar a ciberseguridade da nosa
industria. Inclúe a creación dun Centro Europeo de Competencias e
Investigación en Ciberseguridade, con obxecto de apoiar o desenvolvemento
das capacidades tecnolóxicas e industriais no ámbito da ciberseguridade,
así como un sistema de certificación de produtos e servizos a escala da
UE, recoñecido en todos os Estados membros (adoptado o 13 de setembro de
2017). - Unha
proposta de Regulamento sobre a libre circulación dos datos non persoais,
que permitirá que os datos circulen libremente a través das fronteiras,
contribuíndo así a modernizar a industria e a crear un auténtico espazo
común europeo de datos (adoptada o 13 de setembro de 2017). - Unha nova
serie de medidas en relación coa economía circular, en particular unha
estratexia sobre os plásticos e medidas destinadas a mellorar a produción
de recursos biolóxicos renovables e a súa conversión en bioproductos e
bioenergía (outono de 2017). - Un
conxunto de iniciativas para modernizar o marco de propiedade intelectual,
entre as que se inclúe un informe sobre o funcionamento da Directiva
relativa ao respecto dos dereitos de propiedade intelectual e unha
Comunicación sobre un marco europeo claro e predicible de licenzas de
patentes esenciais sobre normas (outono de 2017). - Unha
iniciativa para mellorar o funcionamento da contratación pública na UE,
incluído un mecanismo voluntario para achegar claridade e orientacións ás
autoridades que planifican grandes proxectos de infraestruturas (outono de
2017). - Ampliación
da Axenda das Capacidades a novos sectores industriais clave, como a
construción, a siderurgia, o papel, as tecnoloxías verdes e as enerxías
renovables, a fabricación e o transporte marítimo (outono de 2017). - Unha
estratexia en materia de financiamento sustentable para canalizar mellor
os fluxos de capital privado cara a investimentos máis sustentables
(principios de 2018). - Iniciativas
en prol dunha política comercial equilibrada e progresiva e un marco
europeo para o control dos investimentos estranxeiros directos que poidan
supoñer unha ameaza para a seguridade ou a orde pública (adoptados o 13 de
setembro de 2017). - Unha
lista revisada de materias primas fundamentais respecto das cales a
Comisión seguirá axudando a garantir a subministración segura, sustentable
e alcanzable para a industria manufactureira da UE (adoptada o 13 de setembro
de 2017). - Novas
propostas para unha mobilidade limpa, competitiva e conectada, en
particular normas de emisións de CO2 máis estritas para os turismos e os
vehículos comerciais lixeiros, un Plan de acción de infraestruturas para
os combustibles alternativos para apoiar a implantación dunha
infraestrutura de carga, e accións para promover a condución autónoma
(outono de 2017).
A posta en práctica desta estratexia global é unha
responsabilidade compartida. O seu éxito dependerá dos esforzos e a cooperación
das institucións da UE, os Estados membros e as rexións, pero, sobre todo, do
papel activo da propia industria.
Antecedentes
A industria europea é unha industria forte e mantivo unha
posición de liderado en moitos sectores dos mercados mundiais. A industria
representa dous terzos das exportacións da UE e dá emprego a 32 millóns de
persoas; 1,5 millóns destes postos de traballo creáronse a partir de 2013. Pero
para manter e reforzar a súa vantaxe competitiva, precísase un importante
esforzo de modernización. Esta é a razón pola que a industria é un elemento
central das prioridades políticas da Comisión Juncker. Todas as políticas da
Comisión oriéntanse a empoderar este sector para crear postos de traballo e
potenciar a competitividade europea, promover o investimento e a innovación en
tecnoloxías limpas e dixitais, e defender ás rexións e os traballadores
europeos máis afectados polas transformacións industriais.
As novas tecnoloxías de produción están a cambiar a paisaxe
industrial de Europa e desempeñan un papel cada vez máis importante á hora de
determinar a capacidade das empresas europeas de competir a escala mundial.
Contribuirán á creación de emprego a través dunha serie de canles, e as
tecnoloxías que permitan aumentar a produtividade poden beneficiar á economía
en xeral. Tamén é posible que teñan un impacto máis profundo na natureza do
traballo e a súa dispoñibilidade. O futuro da industria europea dependerá da
súa capacidade para adaptarse e innovar continuamente mediante o investimento
en novas tecnoloxías e a asunción dos cambios que trae consigo o aumento da
dixitalización e a transición a unha economía hipocarbónica e circular. Ao
mesmo tempo, a competencia a nivel mundial é máis intensa que antes e as
vantaxes da globalización e os avances tecnolóxicos están desigualmente
repartidos nas nosas sociedades. A Comisión Juncker quere abordar tamén esta
cuestión.
Fonte: Comisión Europea
Comunicación da Comisión Europea: Unha estratexia renovada
de política industrial para Europa