Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais »A Xunta aborda coa Comisión Europea as medidas europeas de apoio ás pemes
— No novo encontro do ciclo ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’ expúxose o estado da situación das pemes galegas, así como os distintos instrumentos comunitarios para apoiar a súa actividade.
— A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou a sesión, que contou tamén coa participación de representantes da Comisión Europea e do Instituto Galego de Promoción Económica.
Bruxelas, 25 de novembro de 2023. A Fundación Galicia Europa (FGE) organizou esta mañá unha nova edición do ciclo de encontros virtuais “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, o foro de debate mensual que achega a representantes da Xunta e a expertos das institucións europeas. A sétima sesión deste ano foi inaugurada por Ana Ramos, a directora da oficina de Bruxelas da FGE, tamén encargada de moderar o evento.
Nesta ocasión, o encontro puxo o foco nas pemes, tanto nas accións comunitarias de apoio existentes como no seu desenvolvemento nun contexto europeo e mundial cambiante. A simplificación da súa actividade empresarial, o impulso á súa competitividade e o acceso a financiamento son algunhas das medidas polas que aposta a UE.
Así mesmo, Ana Ramos puxo de manifesto a importancia das pequenas e medianas empresas en Galicia, dado que son case 200 000 as pemes que compoñen o tecido empresarial galego, o que representa, ó igual que na estatística europea, unha porcentaxe superior ó 99%.
Para indagar nestas cuestións e nos instrumentos que poden axudar a consolidar a recuperación das pemes tras os últimos períodos de crise, a sesión contou coa intervención de Raúl Merchán, responsable de políticas na Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes da Comisión Europea. Tras o seu relatorio, a perspectiva galega foi exposta por Norberto Penedo Rey, o director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), o principal organismo que xestiona as diferentes liñas de axuda ás pemes galegas.
Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas
O ciclo de encontros ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’ reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar, de forma conxunta, as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.