Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais »A Xunta e a Comisión Europea debaten sobre o fomento da aprendizaxe permanente e a capacitación
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE inaugurou o sexto encontro do ano do ciclo ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’.
— Neste novo encontro organizado pola Fundación Galicia Europa abordáronse as prioridades de Galicia no marco do Ano Europeo das Capacidades.
Bruxelas, 27 de setembro de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller, inaugurou está mañá o sexto encontro do ano do ciclo de encontros virtuais “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, que nesta ocasión puxo o foco no Ano Europeo das Competencias, inaugurado o pasado 9 de maio coincidindo coa celebración do Día de Europa. A reunión foi moderada pola directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos Barbosa.
O director xeral remarcou a importancia de fomentar a aprendizaxe permanente e a capacitación a nivel europeo, posto que máis das tres cuartas partes das empresas europeas afirman ter dificultades para encontrar traballadores coas competencias necesarias e só o 37% do adultos reciben formación de maneira periódica. Jesús Gamallo resaltou, ademais, como o Ano Europeo das Competencias desexa impulsar algúns dos obxectivos sociais da UE, tal que conseguir que polo menos o 60% dos adultos participe en actividades de formación cada ano e que polo menos o 78% teña traballo ou que o 80% dos adultos conte con capacidades dixitais básicas.
Para indagar nas súas prioridades do Ano Europeo das Competencias, a sesión contou coa intervención de Marta Camiñas Mora, asesora de políticas na Dirección Xeral de Emprego e Asuntos Sociais da Comisión Europea. Tras o seu relatorio, e co ánimo de abordar a perspectiva galega, interveu tamén Zeltia Lado Lago, a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, quen presentou a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, inspirada na Axenda Europea das Capacidades. Cabe sinalar que a aprobación desta iniciativa no 2022 converteu a Galicia na segunda rexión europea en ter unha estratexia específica no eido da capacitación laboral.
Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas
O ciclo de encontros ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’ reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar, de forma conxunta, as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.
Máis información: Encontros virtuais “FGE | NextGeneratiOn Galicia”