Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos » Mozos galegos participan esta fin de semana en Malta nun encontro de xuventude europea

Mozos galegos participan esta fin de semana en Malta nun encontro de xuventude europea

25/10/2023 | ,

— Do 25 ao 28 outubro mozos galegos, portugueses, romaneses e malteses reuniranse en Regjun Tramuntana (Malta) no marco do proxecto europeo Mocidade Rural de Europa.

— A Fundación Galicia Europa é socia deste proxecto financiado con fondos europeos do programa CERV.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023. A xuventude galega, portuguesa, romanesa e maltesa participará entre o 25 eo 28 de outubro na International Creative Jam na cidade de Regjun Tramuntana (Malta) centrada na participación xuvenil no proceso de democracia europea.

O encontro celébrase no marco do proxecto europeo Rural Youth of Europe (Ruyou), do que é socia a Fundación Galicia Europa, e que pretende analizar as preocupacións da mocidade rural de diferentes áreas de Europa.

Este novo evento presencial é a terceira Creative Jam Rural Hack Challenge que, baixo o lema “Democracia e participación xuvenil”, reunirá a máis de 50 mozos que compartirán durante tres días as súas ideas, inquietudes, retos e xerarán proxectos e prototipos que poderán revolucionar e cambiar as súas vidas nas contornas rurais. Mozos que queren innovar, que teñen ideas e que queren apoiar un futuro rural por e para a xuventude.

O encontro céntrase na participación xuvenil no proceso de democracia europea

O evento está destinado a mozos de entre 18 e 30 anos ou a persoas con interese no ámbito da mocidade ou o medio ambiente en zonas rurais. Os participantes utilizarán as súas habilidades creativas e de deseño cun toque tecnolóxico para expoñer novas ideas, produtos ou servizos destinados sempre a mellorar as zonas máis rurais de Europa.

Os equipos que se formarán traballarán en torno aos seguintes temas: defensa dos medios no medio rural e para o medio rural; voluntariado en zonas rurais da UE; responsabilidade ambiental, xustiza e compromiso; participación política das mulleres no contorna rural; oportunidades de emprego e dereitos laborais nas zonas rurais da UE; posta en marcha de responsabilidade social en zonas rurais; oportunidades de participación cívica transnacional para residentes de zonas rurais; e impulsar a participación da xuventude na UE e a seguridade alimentar.

Que é un Creative Jam Rural Hack Challenge?

É un evento que reúne á mocidade, socios, axencias e tomadores de decisións para facilitar a oportunidade de “seren creativos” e construíren prototipos para abordar problemas sociais a través de talleres e un hackathon. En cada Creative Jam, hai unha serie de temas a tratar. As ideas, os servizos e os produtos que cre deben vincularse co tema do evento.

Contexto

O proxecto Rural Youth of Europe (101081387 – RUYOU), co tema “Compromiso e participación cidadá”, está financiado pola Comisión Europea a través do seu Programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV).

O obxectivo do proxecto é o de formar e promover habilidades prácticas entre a mocidade de áreas rurais de Europa, que malia pertencer a distintos Estados membros enfróntanse aos mesmos desafíos. O despoboamento e o avellentamento do rural son fenómenos presentes en toda Europa, polo que a Comisión está interesada en facerlles fronte mediante o financiamento de proxectos como RUYOU.

Os socios participantes son, por parte de España, Asociación Amicos (España); Asociación Lug Open Factory (España); Cámara oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela (España); Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves – Verín (España e Portugal); Rexional Council Northern Region (Malta); Universitatea Aurel Vlaicu din Arad (Romanía) e Fundación Galicia Europa (España).

Máis información: Ruyou

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data