Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude »Mocidade e biodiversidade xuntas nunha nova acción do proxecto YouLeaders
— A Fundación Galicia Europa, coa colaboración do Concello de Vedra, organizou o 22 e 23 marzo a segunda parte do curso de desenvolvemento de capacidades en liderado para a mocidade.
— Na sesión do día 22 tivo lugar un obradoiro relacionado coa iniciativa da Comisión Europea ‘3 000 millóns de árbores de aquí a 2030’, na que se plantaron árbores autóctonas.
Vedra, 23 de marzo de 2024. O Concello de Vedra, en colaboración coa Fundación Galicia Europa, organizou os días 22 e 23 de marzo a segunda sesión do curso híbrido dirixido á mocidade da comarca englobado no proxecto YouLeaders. Na formación participaron un grupo de 12 mozos e mozas vedreses de entre os 16 e 19 anos implicados no programa de voluntariado xuvenil municipal.
O proxecto YouLeaders, no que participa a Fundación Galicia Europa. busca promover a cidadanía activa e ten como obxectivo formar e promover habilidades de liderado entre a mocidade das zonas rurais do suroeste de Europa.
Un árbol por Europa
O venres 22 desenvolveuse unha sesión formativa baixo a temática dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030. Unha das accións realizadas consistiu na plantación de 15 árbores (carballos, castiñeiros e freixos) na contorna da Casa das Artes de Vedra, como parte da campaña “Un árbol por Europa”, acción que busca o compromiso coa sustentabilidade local e a loita contra a deforestación en Europa.
Para esta actividade contouse coa colaboración dos axentes ambientais de zona, Santiago Neira e José Manuel Couselo. Tamén participou unha brigada forestal acompañada dunha motobomba do servizo de extinción de incendios forestais do Distrito 3, Órdenes-Santiago Meseta Interior da Consellería de Medio Rural. Así mesmo, tamén participou a Asociación Medioambiental Amabul, presentando os seu proxectos e compartindo a súa experiencia.
Esta actividade contou coa presenza de Pilar Del Oro, coordinadora do proxecto na Fundación Galicia Europa; Diana Varela, Concelleira de Cultura, Xuventude e Voluntariado; e de Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Vedra.
Proxecto YouLeaders
O proxecto YouLeaders (Líderes comunitarios en zonas rurais do Suroeste de Europa) busca promover a cidadanía activa e ten como obxectivo formar e promover habilidades de liderado entre os mozos das zonas rurais do Suroeste de Europa.
O público obxectivo deste proxecto son os mozos que viven en zonas rurais e enfróntanse ao problema da mala calidade do emprego, o desemprego e a fenda dixital, cuestións que afectan a múltiples rexións de España e Europa. O proxecto está interesado en promover o desenvolvemento rural sostible, facilitando o acceso dos mozos que viven en zonas rurais a novas oportunidades laborais.
Máis información: YouLeaders