IV. Formación e sensibilización sobre a realidade europea
Nos seus máis de 30 anos de existencia, máis de 500 persoas tiveron a oportunidade de coñecer de preto a UE a través das súas bolsas de formación. Ademais, a FGE organiza en Galicia todo tipo de actos para explicar a Unión Europea aos galegos.
1. Bolseiros FGE
Foto de equipo dos bolseiros da FGE.
Os cinco bolseiros seleccionados na convocatoria de bolsas FGE 2020 incorporáronse en setembro dese ano. Por mor da pandemia, a FGE prorrogou un ano máis esas bolsas, de forma que rematen en setembro de 2022. Por tanto, durante todo o 2021, as oficinas da FGE acolleron a tres titulados en prácticas para o seguimento das políticas europeas, outro no eido da comunicación e unha quinta, que fai prácticas na área de apoio administrativo.
A convocatoria 2020 para a formación de titulados universitarios no ámbito da I+D+i resolveuse en outubro dese ano e a súa concesión tamén foi prorrogada durante un ano máis. A bolseira presta apoio a GAIN no seguimento da política europea de I+D+i.
Por mor da pandemia, os bolseiros da FGE prorrogaron un ano máis a súa estadía nas oficinas da FGE
Por outro lado, a FGE acolleu a un bolseiro de IGAPE durante todo o 2021 para facer un seguimento do brexit, a revisión do marco normativo das axudas de Estado e a nova estratexia industrial europea, entre outras cuestións de interese para o fomento da competitividade empresarial en Galicia.
2. Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE)
O 9 de maio de 2021, con motivo do Día de Europa, as tres institucións europeas inauguraron a Conferencia sobre o futuro de Europa na sede do Parlamento en Estrasburgo. Este novo foro temporal de debate tiña como obxectivo dar á cidadanía a oportunidade de definir como será a Unión Europea do futuro. Catro paneis de cidadáns elixidos de forma aleatoria, multitude de eventos e paneis nacionais rexionais e locais, e unha plataforma dixital multilingüe recolleron as achegas que despois foron debatidas por un pleno 433 representantes da cidadanía, as institucións comunitarias, os interlocutores sociais e a sociedade civil.
Dende a FGE, contribuímos a este debate implicando aos mozos de Galicia e Norte de Portugal coa campaña en redes #EotEUmomento e cun acto de lanzamento celebrado en maio. O acto foi retransmitido en directo por redes sociais e contou coa participación do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; e co secretario de Estado de Deporte e Xuventude portugés, Joao Paulo Rebelo. A campaña en redes sociais foi elaborada xunto a 11 entidades galegas e portuguesas. A Fundación Galicia Europa foi a primeira en difundir un vídeo que tivo moi boa acollida nas redes, sobre todo en Linkedin.
Tamén achegamos ideas á plataforma virtual da COFE para mellorar a cooperación transfronteiriza e asistimos á Xunta de Galicia na organización dun seminario sobre o potencial da economía azul para que as súas conclusións formen parte da contribución de España á COFE. O seminario tivo lugar no Museo do Mar en Vigo no mes de novembro.
3. EuroXuventude
En 2021 puxemos en marcha o ciclo de encontros virtuais “Diálogos Con” co obxectivo de informar sobre as diferentes oportunidades de prácticas e traballo que existen na Unión Europea. A partir de marzo, organizamos un total de tres edicións (marzo, xuño e outubro), que versaron sobre as oportunidades de prácticas en organismos da Unión Europea, o programa Erasmus para Novos Emprendedores e a Rede EURES. Nestes tres encontros contouse coa participación de persoas expertas na materia e tamén con mozas e mozos galegos con experiencia neste tipo de oportunidades.
Preto de 300 mozos participaron nos eventos sobre oportunidades de traballo e prácticas na UE

Xornadas de mobilidade laboral da Área Empresarial do Tambre.
Participamos tamén noutros actos para informar sobre as oportunidades de traballo e prácticas na UE como nas xornadas de mobilidade laboral da Asociación Área Empresarial do Tambre ou no encontro sobre Oportunidades para a mocidade en Europa organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ribadavia
Por último, publicamos 46 novas no apartado #EuroXuventude da web.
4. Campaña de información sobre o Brexit
A finais de 2020, a FGE comezou a traballar nunha campaña conxunta coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta para informar aos galegos que se atopan en Reino Unido dos diferentes trámites que deben realizar para poder permanecer alí a partir de 2021, unha vez materializado o brexit.
En 2021, a través do portal e do Twitter do Foro Galego Brexit a FGE segueu a atender as consultas dos galegos que se atopan nesta situación ofrecendo unha resposta adaptada á súa circunstancia particular.
5. Compromiso co Pacto Europeo polo Clima
A principios de 2021, a Fundación Galicia Europa adheriuse ao Pacto Europeo polo Clima posto en marcha en decembro de 2020 co compromiso de difundir información e sensibilizar en Galicia sobre os obxectivos do Pacto Verde Europeo . Deste xeito, a estratexia da UE para acadar a neutralidade climática de aquí a 2050 está presente en todas as actividades da FGE, dende TecEuropa a EuroXuventude, pasando polos encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia.
En xullo, a Xunta de Galicia organizou co apoio da FGE unha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo na Alameda de Santiago de Compostela e, en agosto, a FGE fixo unha campaña en redes sociais para difundir os consellos da UE dirixidos á cidadanía para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.