I. Defensa dos intereses galegos en Europa

A FGE realiza un seguimento das políticas comunitarias, presta apoio e asesora aos representantes galegos nas institucións e órganos comunitarios, organiza visitas de responsables políticos e técnicos a Bruxelas, fomenta a participación galega nos foros de debate que teñen lugar na capital comunitaria e colabora con outras rexións no marco de diferentes redes de cooperación para defender intereses comúns.

 

 

1. O Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) desempeñou en 2021 un papel moi activo na reivindicación do rol dos entes locais e rexionais na xestión da pandemia e na recuperación económica. No marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa, está a reflexionar sobre como mellorar o seu papel no entramado institucional. A FGE asistiu á Xunta de Galicia a contribuír activamente a este debate durante 2021, un ano en que as reunións continuaron a ser virtuais na súa meirande parte.

O director xeral director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da  Xunta de Galicia nunha reunión do CdR.

Segue lendo

Dende Galicia traballamos  especialmente no posicionamento das rexións e municipios da UE en relación cos seguintes temas:

A FGE prestou apoio ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da  Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, en 17 reunións desta asemblea que dá voz ás rexións e municipios europeos no proceso comunitario de toma de decisións.

Galicia explicou o traballo realizado para identificar proxectos relevantes no marco do  novo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

Destaca especialmente a súa participación das reunións da Mesa, órgano de goberno do CdR, en substitución de Alberto Núñez Feijóo, que ostenta o cargo de vicepresidente do CdR. En setembro, celebrouse unha reunión da Mesa en Eslovenia dedicada ao papel das rexións na elaboración dos plans nacionais de recuperación e resiliencia. Durante a súa intervención, o director xeral explicou a experiencia galega, realizada no marco da comisión “Next Generation Galicia”, na identificación de proxectos para a recuperación económica en liña coas prioridades europeas.

O presidente da Xunta e a conselleira de Política Social na videoconferencia coa vicepresidenta da Comisión Europea.

2. Reunións de alto nivel entre Galicia e Bruxelas

A finais de xaneiro organizamos unha reunión entre o presidente da Xunta e a vicepresidenta da Comisión Europea para a Democracia e a Demografía, Dubravka Šuica. Froito desta reunión, a Consellería de Política Social elaborou un informe onde se resumen as actuacións de Galicia para facer fronte ao reto demográfico que a FGE fixo chegar ao gabinete da vicepresidenta Šuica.

Segue lendo

En marzo, organizamos unha reunión entre o Centro Común de Investigación da UE e GAIN, acompañada do Sergas e o Clúster da Saúde, para coñecer en profundidade este movemento que pretende fusionar a arte e a tecnoloxía, da man da sostibillidade e do Pacto Verde Europeo, para mellorar a vida dos cidadáns. A Xunta está a traballar para implicarse activamente na nova Bauhaus, dado que as súas políticas no eido do deseño e a innovación están perfectamente aliñadas con ela. A finais de maio, a Xunta presentou un ambicioso proxecto galego para a Nova Bauhaus Europea consistente no deseño dos espazos sanitarios máis sostibles e máis cómodos para profesionais e usuarios co obxectivo de conseguir un Sistema Galego de Saúde centrado na humanización do servizo.

A FGE organizou nove reunións de alto nivel entre a Xunta de Galicia e a Comisión Europea

En setembro, a FGE organizou unha reunión virtual entre o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, e a directora de Enerxía da Comisión Europea para falar sobre o Plan nacional de Recuperación e Resiliencia, os prezos da electricidade e outras cuestión en relación coa transición ecolóxica que poden impactar na industria galega.

Tamén en setembro, o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Comisión Europea, Virginijus Sinkevicius, visitou Galicia para se reunir co sector pesqueiro e visitar as Illas Cíes e a fábrica de Inditex en Arteixo. Nas visitas estivo acompañado polos conselleiros de Mar, Medioambiente e Economía, ademais de manter un encontro co presidente da Xunta de Galicia.

En novembro, organizamos a axenda dunha visita do presidente da Xunta de Galicia a Bruxelas. Consistiu en catro reunións de alto nivel con membros da Comisión Europea, a organización dunha mesa redonda sobre o Xacobeo e a visita ao Manneken Pis, símbolo da capital belga, que, a solicitude da FGE, fora vestido co traxe de peregrino compostelán ese mesmo día.

O presidente da Xunta explicou á Comisión Europea a lei galega de impulso demográfico, a axenda de emprego e o impacto da transición enerxética nalgúns sectores

O presidente da Xunta de Galicia co comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit.

Tamén en novembro, organizamos dúas reunións entre a directora xeral de Enerxía e de  Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático coa Comisión Europea para abordar o impacto da contaminación por lindano en diferentes rexións europeas, a nova Estratexia de Solos da UE e a aplicación do Regulamento Aarhus referente á participación dos cidadáns na toma de decisións en materia de medio ambiente.

3. Seguimento e participación nas políticas europeas

En colaboración coas consellerías competentes, a FGE fixo seguimento dos asuntos a debate a nivel europeo que revisten un maior interese para Galicia. Cómpre salientar que, en 2021, establecéronse novos procedementos para informar de forma sistemática á Xunta de Galicia sobre:

  • As peticións introducidas no Parlamento Europeo relacionadas con Galicia
  • As preguntas formuladas polos eurodeputados á Comisión Europea e as súas respostas
  • As consultas públicas nas súas diferentes fases do procedemento lexislativo

Galicia foi unha das primeiras rexións europeas en comprometerse coa neutralidade climática en 2019 coa aprobación da súa Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, complementada pola posterior Estratexia de Economía Circular 2019-2030 e a lei de residuos e solos contaminados. Logrou, ademais, que un 85% dos concellos se sumen ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, e conseguiu reducir as emisións contaminantes en máis dun 23% respecto os valores de 1990, superando así o obxectivo europeo fixado para 2020.

O Pacto Verde da UE concretouse en 2021 na  aprobación da Lei do Clima e no inicio das negociacións do paquete “Obxectivo 55”

Dada o seu forte compromiso, pois, está en posición de participar activamente no debate europeo alertando sobre os riscos e oportunidades que sobre o terreo ten o Pacto Verde Europeo. A FGE fixo un seguimento detallado durante 2021 desta materia, manténdose en contacto coas institucións europeas así como con outras partes interesadas, para informar ás consellerías competentes sobre a súa evolución. En concreto, a FGE fixouse en:

 

  • A aprobación do Fondo de Transición Xusta (FTX), que conta cun orzamento de 17 500 euros, dos cales 790 millóns corresponden a España. Esta cantidade viuse complementada polo FEDER e o FSE+, polo que a cifra ascende finalmente a 868,7 millóns de euros. A asignación nacional é distribuída polo goberno central entre unha serie de provincias beneficiarias, previamente identificadas pola Comisión Europea: A Coruña, Almería, Asturias, Cádiz, Córdoba, León, Palencia e Teruel. No suposto de A Coruña, a súa dotación é de 111 millóns de euros. Para acceder a este financiamento, o goberno central debe presentar á Comisión Europea o seu Plan Territorial de Transición Xusta.

  • Saída á luz do paquete lexislativo Obxectivo 55 (Fitfor55), que ten como obxectivo impulsar de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050. Este obxectivo intermedio, que se incrementou en 15 puntos porcentuais grazas á ambición da Lei do Clima Europea, fixo necesario revisar os instrumentos pertinentes para cumprir coas reducións adicionais de emisións, para así adaptar as políticas da UE en materia de clima, enerxía, transporte e fiscalidade.
  • Subida dos prezos da enerxía, derivada da crecente demanda mundial de enerxía en xeral, e de gas en particular, vinculada á recuperación económica. Na UE, esta cuestión está sendo analizada tanto pola Comisión Europea, que en outubro adoptaba unha Comunicación para facer fronte ó impacto das subidas temporais de prezos, como polos xefes de Estado e Goberno no seo do Consello Europeo.

    Consello Europeo de outubro no que se abordou o aumento dos prezos da enerxía.

  • Así mesmo, a FGE participou conxuntamente coa DX de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) nos eventos organizados pola Plataforma de Transición Xusta, que ofrece asistencia técnica para a posta en marcha de proxectos relacionados coa transición verde. A FGE tamén organizou diversas reunións de alto nivel entre os servicios competentes da Comisión Europea e o vicepresidente segundo para tratar as implicacións para Galicia da aprobación do FTX. Ademais, varias sesións dos encontros virtuais “FGE | NextGeneratiOn Galicia” trataron diversos temas relacionados coa transición verde: economía azul sostible, Obxectivo 55 e Pacto Verde Europeo.

A conselleira do Mar coa directora xeral de Pesca da Comisión Europea.

Dentro do paquete lexislativo “Obxectivo 55”, Galicia mostrouse crítica coa proposta de eliminación das subvencións do combustible no transporte marítimo recollida na modificación da Directiva sobre a Fiscalidade da Enerxía, dentro do paquete Obxectivo 55. Unha supresión das exencións tributarias ao combustible dos barcos pesqueiros a partir de 2023 poría en risco a rentabilidade e o futuro do sector pesqueiro galego. Galicia defende o seu compromiso coa descarbonización da economía pero demanda que sexa equilibrada, asumible e xusta, sen que deixe a ninguén atrás.

Galicia alertou en Bruxelas das consecuencias dunha posible eliminación das exencións fiscais aos combustibles utilizados no sector pesqueiro

A conselleira do Mar e a directora xeral de Enerxía nun dos seminarios organizados sobre a descarbonización do sector pesqueiro.

Neste sentido, a FGE apoiou á Consellería do Mar nas súas demandas en Bruxelas. Na segunda metade do ano, por exemplo, a Consellería organizou tres seminarios virtuais cunha ONGD ambiental a nivel europeo,  o European Bureau for Conservation and Development (EBCD), para debater sobre como descarbonizar o sector pesqueiro. Neles, a Xunta pon de relevo o feito de que o peixe sexa un dos alimentos con mellor relación entre a proteína que aporta e a súa pegada de carbono.

Por outro lado, durante o primeiro semestre do ano, a Consellería do Mar participou no Consello de Pesca da UE en representación das comunidades autónomas, o que lle permitiu seguir moi de preto o acordo de cotas pesqueiras nas augas compartidas con Reino Unido para 2021. En decembro, desprazouse a Bruxelas para seguir co sector o reparto de totais admisibles de capturas e cotas para 2022.

A FGE fixo un seguimento do proceso de revisión do marco normativo de axudas estatais, que, asentado nos piares da recuperación, ten como obxectivo permitir que a industria europea lidere as transicións climática e dixital ao tempo que se fomenta a resiliencia do mercado único. Aquí destaca a aprobación da nova Comunicación sobre proxectos importantes de interese común europeo (IPCEI) e das Directrices sobre Axudas de Estado de finalidade rexional para o período 21-27 (DAR), que entraron en vigor en xaneiro de 2022, e cuxo obxectivo segue sendo apoiar o desenvolvemento económico das rexións máis desfavorecidas da UE.

A FGE apoiou ao IGAPE no proceso de revisión das directrices de Axudas de Estado con finalidade rexional

Mapa das DAR 2018-2020, prorrogado ata finais de 2021.

No novo mapa das DAR, Galicia continúa sendo “zona c non predeterminada” ao superar o 75% da renda media comunitaria e, como novidade, a intensidade máxima de axuda que as autoridades públicas poden conceder ás empresas increméntase en 5 puntos porcentuais: 15% para as grandes empresas, 25% ás medianas e 35% as pequenas. Co obxectivo de desalentar a deslocalización empresarial, a FGE traballou co IGAPE para demandar unha flexibilización dos tipos de axudas ás empresas establecidas en “zonas c” que sexan adxacentes a “zonas a”, como é o caso de Galicia co Norte de Portugal. A rexión veciña, ao non superar o 75% da renda media comunitaria, clasifícase como zona a, o que lle permite conceder axudas cun maior grado de intensidade (30, 40 e 50% respectivamente) e para todo tipo de investimento inicial incluíndo a ampliación de capacidade dun establecemento existente ou un cambio no proceso de produción. As zonas c como Galicia, pola contra, soamente pode apoiar os investimentos que creen unha nova actividade económica pero non a ampliación de capital, por exemplo.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) conta dende 2015 cun bolseiro na oficina da FGE en Bruxelas que se renova cada ano para contribuír ao seguimento das múltiples iniciativas no ámbito da I+D+i que se impulsan dende a Unión Europea. Esta colaboración é posible grazas ao acordo de colaboración en vigor entre a Vicepresidencia Segunda da Xunta de Galicia e GAIN. Como novidade, no último cuadrimestre de 2021 incorporouse un técnico para representar os intereses de GAIN en Bruxelas, reforzar a rede de contactos na capital europea, identificar novas oportunidades de financiamento para os axentes galegos e participar activamente nas reunións que sexan de interese para a rexión.

Con esta incorporación reforzouse a participación de GAIN nas redes de cooperación interrexional ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e Vanguard Initiative, cubrindo expectativas en materia de representación de prioridades estratéxicas rexionais e procesos colaborativos de reindustrialización avanzada baseada na innovación.

GAIN centrou a súa actividade en Bruxelas nas primeiras convocatorias de Horizonte Europa e de Europa Dixital, e na posta en marcha da Nova Bauhaus Europea

Malia que por mor da pandemia a maioría dos eventos durante 2021 continuaron a celebrarse en liña, este ano asistiuse por vez primeira desde a irrupción do COVID-19 a dous eventos presenciais organizados pola Vanguard Initiative. O primeiro foi a Asemblea Xeral e, o segundo, o Encontro Anual con Representantes Políticos. Ámbalas dúas representaron unha boa oportunidade para establecer unha comunicación máis fluída con outras rexións que participan na rede, socios actuais ou potenciais de Galicia. GAIN pasou a formar parte activa do grupo encargado de facer un seguimento dos proxectos piloto que se están desenvolvemento no marco desta rede (Pilot Monitoring Task Group).

Outra das actividades primordiais de GAIN durante 2021 foi a participación en eventos dedicados aos Digital Innovation Hubs (DIH) ou Centros de Innovación Dixital, case todos eles organizados pola Comisión Europea. Neste sentido, fíxose un seguimento do novo programa Europa Dixital, que abre a porta a convocatorias interesantes de apoio ás PEMEs e á administración no seu proceso de dixitalización.

Esta participación serviu de apoio para o desenvolvemento da Estratexia Galega de DIH e os dous DIH creados en Galicia: DataLife, para o sector primario, biotecnolóxico e da saúde, e DigiGal, que busca impulsar a dixitalización na industria galega.

Outra iniciativa que se segue de preto desde Bruxelas é a da Nova Bauhaus Europea, que fusionar arte e tecnoloxía a prol da sostibilidade. Desde a Axencia Galega de Innovación particípase activamente nos eventos organizados pola Comisión sobre a Bauhaus Europea, atendendo a todas as novidades e convocatorias que se derivan da mesma para proxectos no eido da arquitectura, o deseño e o desenvolvemento sostible.

Lanzamento en Galicia do proxecto galego encadrado na Nova Bauhaus Europea.

En Galicia creouse ao mesmo tempo un grupo de traballo para levar a cabo proxectos que pasen a formar parte da inciativa. En maio, a FGE proporcionou apoio ao Servicio Galego de Saúde (SERGAS) durante o lanzamento dun gran proxecto referido á arquitectura sanitaria e integrado por máis de dez entidades da tripla hélice do sistema rexional de innovación. Con este proxecto, o SERGAS convértese no único sistema sanitario europeo en ser recoñecido socio oficial da Nova Bauhaus Europea.

Por último, a finais de ano celebrouse o Cumio do Consello Europeo de Innovación. O evento, ao que se asistiu de maneira presencial, permitiu aumentar a rede de contactos en Bruxelas e coñecer máis de preto o EIC, que supón unha nova fonte de financiamento para proxectos de innovación en distintas fases de maduración e que, ademais, conta cun apartado destinado ás pemes.

A Consellería de Medio Rural prorrogou o destacamento dun técnico na oficina da FGE en Bruxelas para levar a cabo un estreito seguimento das cuestións relacionadas cos regulamentos básicos da nova PAC, que estará en vigor entre 2023 e 2027 e cuxa aprobación definitiva se produciu no mes de novembro, así como coa etapa de transición cara ao novo período da PAC (que comprende os anos 2021 e 2022). A análise e a información sobre estes extremos resultou crucial para as negociacións do Plan Estratéxico nacional para a aplicación da nova PAC que a Xunta mantivo a nivel nacional durante todo o ano.

Galicia contribuíu ao debate iniciado coa  publicación da “Visión a longo prazo sobre as zonas rurais” e coa nova Estratexia Forestal Europea

Ademais, informouse das medidas temporais excepcionais postas en marcha pola UE para mitigar os efectos da pandemia no sector agroalimentario e nas zonas rurais, con particular atención ás medidas dirixidas ao sector vitivinícola. Por outra banda, analizáronse as accións normativas e doutro tipo das estratexias europeas do Pacto Verde con impacto directo sobre a agricultura e o medio rural, especialmente as estratexias de Biodiversidade, do Solo e “Da granxa á mesa”. Fíxose especial fincapé sobre o novo plan de acción da UE para a agricultura ecolóxica recollido nesta última.

Así mesmo, deuse seguimento á publicación da “Visión a longo prazo para as zonas rurais da UE”, o plan de acción da Comisión Europea para facer do medio rural un espazo máis dixital, sustentable, resiliente e dinámico de aquí a 2040. Os grupos de acción local de Galicia (medida Leader) participaron na semana europea consagrada a esta “visión a longo prazo”, celebrada no mes de marzo, na que transmitiron as súas mensaxes clave e identificaron as principais lagoas existentes nas políticas públicas dirixidas ao medio rural.

Por último, analizouse a nova Estratexia Forestal da UE de cara a 2030, formulada como parte do paquete “Obxectivo 55”, e as súas potenciais repercusións para a ordenación e xestión do medio rural galego. A Consellería de Medio Rural fixo chegar o seu posicionamento respecto desta estratexia ao relator do ditame sobre este tema no Comité Europeo das Rexións.

Mapa de elixibilidade rexional para a política de cohesión 21-27.

Para a política rexional do período 2021-2027, Galicia defendeu dende 2018 -ano en que a Comisión Europea publicou a súa proposta- a necesidade de que as rexións que descenden de categoría non puidesen perder fondos respecto do período anterior. Este é o caso de Galicia que descende dende a categoría de “máis desenvolvida” a “transición”.

Os intereses galegos tivéronse en conta no reparto final dos fondos estruturais 2021-2027

Tras conseguir o apoio do Parlamento Europeo e o Comité Europeo das Rexións durante as negociacións, os regulamentos finais publicados en xullo de 2021 invitan aos Estados membros a ter en conta esta situación particular no reparto interno dos fondos. En outubro, o Estado español anunciou o reparto interno dos fondos estruturais 2021-2027, no que tomou como principal criterio a posible “perda” ou “ganancia” respecto do período anterior, en liña co defendido previamente por Galicia. Deste modo, Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis fondos recibe, con 3.261 millóns de euros, dos que xestionará, ao igual que no período anterior, un 45%. En termos per capita Galicia recibe 1.166€ por habitante, un 59% máis cá media estatal e un 62% máis cás rexións europeas na súa mesma categoría.

En 2021 Galicia entrou a forma parte de xeito oficial no Foro do Corredor Atlántico, que reúne a todas as partes interesadas na execución deste conxunto prioritario de infraestruturas multimodais. A invitación da Comisión Europea, a Xunta de Galicia xa participara como observador en reunións anteriores.

Galicia deu a benvida á proposta de inclusión do tren de alta velocidade entre Vigo e Oporto dentro da rede básica da RTE-T e do Corredor Atlántico

A FGE acompañou á Xunta nas tres reunións celebradas por este foro nas que se deu conta, entre outros,  do estado de situación da execución do Corredor e dos proxectos que os Estados membros prevían incluír dentro dos seus plans nacionais de recuperación e resiliencia. Así, con cargo ao MRR, España anunciou o  investimento de 122 millóns para a liña Vigo-Ourense-Monforte-León e Portugal, 900 millóns para a alta velocidade Porto-Vigo. Tamén se anunciou a posible extensión do Corredor Atlántico Ferroviario de Mercancías ata Galicia, en liña coa recente extensión do Corredor Atlántico da RTE-T.

En decembro, a Comisión Europea publicou a proposta de revisión da RTE-T que presenta as seguintes novidades para Galicia:

  • Inclusión do tramo portugués da liña de alta velocidade Vigo-Oporto na nova rede principal ampliada, con data de execución de 2040.

    Mapa de la propuesta de revisión de la RTE-T en Galicia.

  • A inclusión da liña de alta velocidade Vigo-Oporto no Corredor Atlántico (establécese un novo concepto de “Corredor Europeo de Transporte” que integra os actuais 9 corredores multimodais cos 11 corredores ferroviarios de mercancías).
  • A identificación de cinco nodos urbanos en Galicia: A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo, para os que se propoñen unha serie de obrigas nos vindeiros anos.

A FGE estivo tamén en contacto coa Consellería de Mobilidade para facer un seguimento dos compoñentes dedicados a transporte e mobilidade dentro do Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

4. Encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia

Ao longo de 2021 leváronse a cabo nove encontros virtuais, nos que representantes da Comisión Europea e da administración autonómica intercambiaron coñecementos e impresións sobre diversos temas da axenda europea que resultan de relevancia para Galicia:

Segue lendo
  • 27 de xaneiro. As prioridades da Comisión Europea: repercusións para a administración rexionaCon Sonia Vila Núñez, coordinadora de políticas no gabinete da presidenta da Comisión Europea.
  • 24 de febreiro. Os retos demográficos da UE. Con Astrid Dentler, membro do gabinete da vicepresidenta da Comisión Europea para a Democracia e Demografía, e María Gafo, xefa de unidade adxunta na Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

Os encontros virtuais organizados entre a Xunta de Galicia e a Comisión Europea posibilitaron unha maior comprensión das políticas europeas e de como se aplican en Galicia

  • 24 de marzo. A posta en marcha do MRR. Con Ángel Catalina, do Grupo Operativo “Recuperación e Resiliencia”.
  • 27 de abril. O programa UEproSaúde 21-27. Con Ana Burgos, da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria.
  • 26 de maio. O Pacto Verde Europeo. Con Manuel Carmona, da Dirección Xeral de Acción polo Clima.
  • 7 de xullo. Economía azul sostible. Con Manuel Pleguezuelo, da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca.
  • 29 de setembro. Obxectivo 55, un paso intermedio para acadar a neutralidade climática.Con Yolanda García Mezquita, xefa de unidade adxunta na Dirección Xeral de Enerxía.
  • 28 de outubro. A recuperación económica en España: un enfoque integral. Con María José Doval, xefa de unidade adxunta na Dirección Xeral de Asuntos Económicos e Financeiros da Comisión Europea.
  • 15 de decembro. Axudas de Estado: novidades e perspectivas dun marco normativo en reformas. Con María Muñoz de Juan, xefa de unidade adxunta na Dirección Xeral de Competencia.

En cada un dos encontros, un representante da Xunta explicou o traballo de Galicia na área obxecto de debate.  Máis de 200 funcionarios autonómicos participaron nestes encontros virtuais.

5. Semana Europea das Rexións e das Cidades

A FGE anima e promove a participación galega nesta semana, un evento de anual de referencia a nivel europeo sobre políticas e iniciativas rexionais e urbanas.

En 2021, explicamos a experiencia de Galicia en relación cos retos demográficos coa exhibición dun vídeo da Conselleira de Política Social, seguido dun debate, e expuxemos un proxecto da Deputación de Lugo sabre a protección da biodiversidade, ademais de facer unha campaña en redes para incitar á participación galega nunha edición que foi novamente dixital.

A Fundación Galicia Europa coordinou a participación galega na Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) nun ano en que os temas principais nos que traballou esta rede foron a revisión da Rede Transeuropea de Transporte, a defensa dunha macro-rexión atlántica e o fortalecemento do seu rol como defensora das rexións marítimas. En particular, apoiou a participación política nas asembleas xerais de xuño (CAA) e outubro (CRPM) e no Comité Executivo da Comisión do Arco Atlántico de marzo.

O Grupo de Traballo do Brexit que coordina Galicia no seo da Comisión do Arco Atlántico da CRPM reuniuse en novembro para debater sobre a gobernanza do Tratado de Cooperación e Comercio do Reino Unido, a implicación de Reino Unido nos programas de financiamento da UE e o regulamento final da Reserva do Axuste ao Brexit.

A FGE promoveu a participación galega nos seminarios organizados por CORAI en 2021. En concreto, o celebrado en maio baixo o título “Fuelling Climate Change. Automotive Regions taking up the sustainability challenge”, no que o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) xustificou a electrificación da industria do automóbil arredor do hidróxeno no canto da batería.

En novembro, celebrouse o evento institucional “Going green!- A slippery road for automotive jobs, skills and funding?”, no que se insistiu na necesidade de investir en formación dado que se calcula que, en 2025, preto de 800 mil traballadores do sector da automoción precisarán ampliar as súas competencias.

Galicia e outras rexións europeas demandan unha atención particular á adaptación que o sector do automóbil debe realizar para cumprir cos novos obxectivos de descarbonización


CORAI traballou en diferentes frontes para chamar a atención sobre a transformación que debe encarar a industria e aAs rexións automobilísticas na descarbonización da automoción:

  • Colaborou na redacción do ditame do CdR “Cara a un transporte por estrada sen emisións: implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos e reforzo das normas de comportamento en materia de emisións de CO2”.
  • Demandou a creación dunha “Alianza para as rexións automobilísticas en transición”, que poida contar cunha Plataforma e un Mecanismo de Transición Xusta propios, o que podería levar asociado financiamento específico. Durante o proceso de negociación do FTX, o automóbil quedou finalmente fóra dos sectores que poderían recibir financiamento, polo que o CoRAI, dada a importancia que presenta esta industria nun número elevado de rexións europeas, traballa conxuntamente co Comité Europeo das Rexións para acadar fitos semellantes ós enunciados.
  • Tras a solicitude do CoRAI, o Comité Europeo das Rexións (CdR) explorará coa Comisión Europea as posibilidades de acadar unha cooperación similar á que existiu con GEAR 2030, o último Grupo de Alto Nivel do sector que presentou o seu informe final en 2017.

Por outro lado, a FGE informou do lanzamento da Alianza das Capacidades no sector automobilistico  (ASA) en marzo, que está conformada por máis de 80 asociados. Entre os seus socios industrias atópase o CEAGA que, invitado pola FGE, interveu nunha das reunións do grupo de traballo do CoRAI para explicar a súa participación en senllos proxectos sobre capacidades no sector: DRIVES e FIT4FoF. ASA enmárcase no Pacto polas Capacidades, posto en marcha en novembro de 2020 co obxectivo de mobilizar recursos e incentivar a todas as partes interesadas para que adopten medidas concretas a fin de capacitar e reciclar profesionalmente aos traballadores en favor das transicións ecolóxica e dixital”. ASA correspóndese, pois, cunha destas asociacións europeas de capacidades habilitadas en ecosistemas industriais estratéxicos, a cal, ademais, basease na experiencia e nos resultados obtidos durante a estratexia predecesora (Blueprint for cooperation on skills in the automotive sector).