Carta do Presidente

- Alfonso Rueda Valenzuela -

2021: a posta en marcha
da recuperación económica

Logo de tempos duros marcados pola pandemia, o 2021 converteuse no ano do inicio da recuperación económica. A tarefa era complexa e requiría dun esforzo conxunto que transcendese fronteiras. Ante este reto maiúsculo, a Comisión Europea decidiu poñer en marcha o plan NextGenerationEurope para financiar investimentos e reformas nos Estados membros. Dende Galicia estivemos moi atentos a este proceso e, de forma proactiva, elaboramos una estratexia de transformación na que chegamos a identificar o interese de máis de 300 proxectos públicos e privados aliñados coas prioridades europeas, co obxectivo de poder aproveitar esta oportunidade. Con todo, o deseño a nivel estatal deste plan de recuperación realizouse cunha escasa participación das comunidades autónomas, a pesar de que estas serán as encargadas de executalo. Unha situación que quedou patente en varios foros europeos, especialmente no Comité Europeo das Rexións, órgano que chamou a atención repetidamente sobre a pouca implicación dos entes subestatais na elaboración destes plans.

Dende Galicia estivemos moi atentos a este proceso e, de forma proactiva, elaboramos una estratexia de transformación na que chegamos a identificar o interese de máis de 300 proxectos públicos e privados aliñados coas prioridades europeas.

2021 foi tamén o inicio dun novo período financeiro comunitario. Os programas de xestión directa como Horizonte Europa abriron as súas primeiras convocatorias no verán. Para preparar á sociedade galega de cara a este novo período, a Fundación Galicia Europa organizou de forma excepcional cinco edicións do seu curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa” e, coa Xunta de Galicia, organizou nove encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia. En total, preto de 700 profesionais tiveron a ocasión de comprender mellor as políticas europeas e as ferramentas financeiras que as apoian grazas a estas dúas iniciativas. A FGE fixo especial fincapé en explicar en Galicia a gran aposta da UE coa transición ecolóxica plasmada no Pacto Verde Europeo nun ano en que os obxectivos de reducir nun 55% as emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030 e acadar a neutralidade climática para 2050 convertéronse en vinculantes grazas á Lei Europea do Clima.

A FGE fixo especial fincapé en explicar en Galicia a gran aposta da UE coa transición ecolóxica plasmada no Pacto Verde Europeo.

Pero a FGE apoiou á Xunta de Galicia en moitas outras áreas para facilitar e reforzar a participación galega nos asuntos comunitarios: dende a posta en marcha da Nova Bauhaus Europea ata a participación no Corredor Atlántico, pasando pola presentación do Xacobeo 21-22 na capital comunitaria ou a explicación da nosa Lei de Impulso Demográfico. Todo isto non sería posible sen o apoio da nosa oficina de representación en Bruxelas, polo que lles invito a consultar polo miúdo esta memoria de actividades 2021.