Actualidade

Portada » GL Europe Direct Galicia » Máis de 40 estudantes participan no debate universitario organizado por Europe Direct Galicia con motivo do Día de Europa

Máis de 40 estudantes participan no debate universitario organizado por Europe Direct Galicia con motivo do Día de Europa

05/05/2026 |

— Estudantes da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC participaron neste debate que abordou cuestións como o contexto xeopolítico actual, a competitividade europea e a evolución social de Galicia dentro da UE

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026. Europe Direct Galicia iniciou esta semana a programación do Día de Europa coa celebración dun debate universitario na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título ’40 anos de Galicia na UE’.

Tras unha breve presentación do novo centro Europe Direct Galicia, máis de 40 estudantes de Ciencias Políticas tiveron a oportunidade de debater e intercambiar impresións co director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.

O encontro estivo moderado pola decana da facultade, Marta Lois, e serviu para reflexionar sobre a evolución do proxecto europeo nas últimas décadas e os principais retos aos que se enfronta actualmente a UE. Entre os temas abordados, analizáronse o contexto xeopolítico internacional, a mellora da competitividade europea, o papel da UE como actor global e a situación social de Galicia tras 40 anos formando parte da Unión.

Sobre Europe Direct Galicia

Europe Direct Galicia é un dos centros oficiais de información da Unión Europea en Galicia, xestionado pola Fundación Galicia Europa co apoio da Comisión Europea para o período 2026-2030. Forma parte da rede Europe Direct en España, integrada á súa vez nunha rede europea de centros presentes en toda a Unión que actúan como principal punto de contacto entre a UE e a cidadanía.

Europe Direct Galicia é o primeiro centro Europe Direct de ámbito autonómico na rexión galega e ten como obxectivo achegar a información europea á sociedade de maneira clara, accesible e adaptada ao contexto local. A través deste centro, a cidadanía pode acceder a información sobre as políticas, programas e prioridades da UE e participar no diálogo sobre o impacto e as oportunidades que ofrece a Unión Europea a nivel local.

 

 

 
 
 
 
 
Ver esta publicación en Instagram
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

 

Una publicación compartida de Europe Direct Galicia (@europedirect_galicia)

© Europe Direct Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data